0 Gardados para despois

VÍDEO | Os 'chistes' do alcalde de Noia no acto do 8 de marzo: "A muller é capaz de sangrar sen cortarse"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"A muller é capaz de sangrar sen cortarse; a muller é capaz de dar a luz sen corrente; a muller é capaz de tocar as narices sen achegarse". O alcalde de Noia realizou estes comentarios no acto institucional que na localidade se realizou co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora. Santiago Freire (PP) introduciu os tres chistes machistas "-é o chiste fácil", dixo ao momento"- no medio da súa intervención ante a sorpresa de moitos dos presentes. 

O alcalde Santiago Freire (PP) introduce tres chistes machistas durante o discurso institucional polo Día Internacional da Muller

Non foron os únicos comentarios polémicos. Xusto despois de optar polos chistes, Santiago Freire asegurou que "son moitas as dificultades fisiolóxicas que [a muller] ten con respecto ao home, que en ocasión fai que ese traballo que teñen que facer de forza físcica se lle complique". As palabras agora denunciadas foron pronunciadas nos últimos instantes dun discurso duns dez minutos por parte do alcalde nun acto que servía de homenaxe tamén a Elena Batalla Tubío, primeira presidenta da Agrupación de Profesionais de Marisqueo a Pé A Misela. 

"Son moitas as dificultades fisiolóxicas que a muller ten con respecto ao home", engadiu tamén

Toda a oposición (PSdeG, Marea Cidadá de Noia e BNG) amosou a súa indignación polos diferentes comentarios feitos polo alcalde popular -que accedeu ao mandato logo dunha moción de censura aos poucos meses das eleccións- e acordou difundir o vídeo "ante a gravidade do acontecido" e logo de que tres dos seus representantes escoitasen en directo o discurso. Tamén por esa razón, os tres grupos manterán este xoves uha xuntanza para ditarminar as accións que levarán a cabo. 

"Non teño ningún problema en pedir perdón porque o que dixen foi desafortundado", asume o alcalde

"Non se poden tolerar por parte dun cargo institucional, ao que se lle presume unha exemplaridade na erradicación do machismo no que está sumida a sociedade actual", insistiron os tres grupos políticos. Xa na mañá deste xoves, Santiago Freire pediu "perdón" nun comunicado ás "persoas que se sentisen ofendidas". "Non teño ningún problema en pedir perdón porque o que dixen foi desafortundado", asumiu o alcalde de Noia, que aclara que a súa intención "non era ofender a ninguén e moito menos menoscabar a dignidade das mulleres". 

"Foi  un minuto fatal nun discurso no que, lonxe de querar atacar as  mulleres, o que uqería era amosar a miña máxima admiración á súa figura", engadiu Freire, que insistiu no papel "fundamental" das mulleres en calquera ámbito da vida. Ademais, amosouse "doído e arrepentido" pola polémica. 

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, amosou o seu "rotundo rexeitamento" ante as "declaracións desafortunadas" do alcalde, pero dixo que falou con el e que o viu "profundamente doído", ademais de "consecuento co seu erro". 

 

En Marea pide a dimisión

Pola súa banda, o BNG pediu a Feijóo que "dea explicacións" sobre as "declaracións machistas" do alcalde que considera "unha batería de pretendidos chistes e comentarios vexatorios para todas as mulleres". Ademais, desde En Marea, o seu voceiro Luís Villares cre que ao presidente da Xunta "caeulle o lazo morado que levaba onte [polo 8 de marzo] coas declaracións machistas do alcalde de Noia". Ademais, pediu a renuncia do rexedor. "Non hai sitio para o machismo na política, debe dimitir xa; non era só Baltar", di. 

“A Feijóo caeulle o lazo morado que levaba posto o 8 de marzo coas declaracións machistas do alcalde de Noia“, di Villares, que pide a dimisión do rexedor

A portavoz parlamentaria de Igualdade do Bloque, Olalla Rodil, interpela o presidente da Xunta nunha iniciativa parlamentaria presentada este xoves preguntarlle “se o seu feminismo sen etiquetas do que presume é compatible cos chistes pexorativos sobre as mulleres proferidos polo rexedor noiés nada menos que durante un acto oficial de celebración do 8 de Marzo”, case ao mesmo tempo que Feijóo "defendía na sesión de control da Cámara o compromiso do PP na loita contra a desigualdade".

O BNG pregúntalle a Feijóo "se o seu feminismo sen etiquetas é compatible cos chistes pexorativos do alcalde"

Rodil lembra que as institucións así como os e as responsables públicas “cumpren un papel fundamental á hora de camiñar cara a igualdade real e de poñer en valor o papel da muller na sociedade”, por iso, argumenta na iniciativa, “cabe agardar e é esixible o máximo rigor na utilización da linguaxe non sexista así como un discurso de respecto con todas as mulleres, do que quedan moi lonxe os comentarios machistas do alcalde de Noia”.

"Chistes" do alcalde de Noia na conmemoración do Día das Mulleres na vila

O alcalde de Noia, Santiago Freire (PP), anuncia que vai contar varios "chistes" no transcurso da conmemoración do Día das Mulleres na vila. Vídeo difundido pola oposición municipal do Concello (PSdeG, Marea de Noia e BNG)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.