En Marea e BNG cargan contra Feijóo por amparar a Baltar, investigado por acoso sexual

Feijóo e Baltar nun mitin. CC-BY-SA PPdeG

“Teño curiosidade de ver como lle queda o lazo morado a Baltar no seu traxe de machista e macho da política”. Así comezou este mércores o portavoz parlamentario de En Marea, Luis Villares, as súas preguntas na Cámara autonómica ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha sesión centrada por todos os grupos en cuestións de igualdade co gallo do Día da Muller. “Todos e todas puidemos escoitar esas gravacións nas que [Baltar] ofrecía emprego a cambio de favores sexuais”, dixera pouco antes a portavoz do BNG, Ana Pontón. Malia as sucesivas referencias de ambos os dous grupos á investigación por acoso sexual e suborno que pesa sobre o presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, por supostamente ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais, nada respondeu Feijóo sobre a cuestión. Do mesmo xeito que tampouco recolleu ningunha das numerosas iniciativas políticas en materia de igualdade que lle propuxeron os tres partidos da oposición. Optou o presidente, pola contra, por defender os avances na materia acadados nos últimos anos, nos que recoñeceu o traballo realizado polo PSOE.

Foi a nacionalista Ana Pontón a primeira en reprocharlle a Feijóo o seu apoio a Baltar. “Non ampare a quen acosa”, díxolle, nunha intervención na que tamén lle botou en cara que a pasada fin de semana defendese “non politizar” a igualdade. “Se a desigualdade non é un problema político, que é para vostede? Un accidente xeográfico?”, preguntoulle, e pediulle que “non financie con cartos públicos a desigualdade, deixe de financiar con cartos públicos aos centros que segregan aos nenos e as nenas polo seu sexo”. Feijóo respondeulle a Pontón reiterando que non cre nun “feminismo con etiquetas” e botándolle en cara que PSdeG e BNG mantiveron os concertos con centros segregadores cando gobernaron entre 2005 e 2009.

“Canto diñeiro gastou o Goberno galego para sensibilizar a Baltar de que o que fixo está mal?”, preguntou Villares a Feijóo, quen acusou a En Marea de non ter respecto polo PP a conta dunha mensaxe en Twitter de Carmen Santos

A quenda de preguntas de En Marea foi o momento máis tenso da sesión deste mércores. Villares fixo especial fincapé en censurar o apoio do PP ao seu presidente en Ourense con preguntas como “canto diñeiro gastou o Goberno galego para sensibilizar a Baltar de que o que fixo está mal” ou “canto gastou Baltar en convencelo a vostede de que o que fixo está ben”. Porén, Feijóo obviou esas críticas e optou por atacar a En Marea por unha mensaxe en Twitter publicada o pasado domingo pola súa vicevoceira, Carmen Santos: “Hoxe todas na loita feminista. Revindicamos q nn nos asasinen señores do @ppdegalicia. Politizades con pasividade.” O presidente acusouna de “non ter ningún respecto a este grupo nin a este goberno” e pediulle unha rectificación, asumindo a estratexia do grupo parlamentario do PP, que en todas as súas intervencións no Pleno desde este martes lle bota en cara a Santos a mensaxe. Villares contestou a Feijóo lembrándolle que é a oposición a que debe interpelar ao goberno, e non ao revés e, argumentou que respecta que os populares “se indignen por un erro gramatical, pero o que a En Marea lle indigna é que morran mulleres”. E Feijóo replicou a Villares dicíndolle que non lle pode dar leccións de igualdade logo de que o líder de Podemos, Pablo Iglesias, eloxiase o abrigo de pel dunha xornalista nunha rolda de prensa e comentase nunha mensaxe privada que a outra “azoutaríaa ata que sangrase”.

Pontón: "Non ampare a quen acosa, non financie con cartos públicos a desigualdade"

A intervención do portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, foi a máis propositiva. O socialista reclamou diversos plans de promoción do emprego feminino ou mesmo a inmediata aprobación dun novo Plan de Igualdade por parte da Xunta, xa que o último rematou en 2015. Porén, nin as propostas do PSdeG, nin as de BNG e En Marea tiveron resposta por parte de Feijóo, máis alá de anunciar que o novo Plan de Igualdade da Xunta para o período 2017-2020 será aprobado aínda este mes de marzo. O presidente aproveitou para reproducir, no Día da Muller, a estratexia que vén desenvolvendo desde a pasada campaña electoral de amosarse conciliador co PSdeG fronte aos seus enfrontamentos con En Marea. Ata o punto de que, na súa intervención, eloxiou que os avances en igualdade rexistrados nos últimos anos, nos que centrou boa parte do seu discurso, débense en parte ao “concurso do PSOE”.

Feijóo, este 8 de marzo no pleno do Parlamento © Xunta
Villares, durante a sesión de control deste 8 de marzo CC-BY-SA En Marea
Pontón, dirixindo a súa pregunta a Feijóo este 8 de marzo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.