O alcalde de Noia atribúe os seus chistes machistas á "retranca galega" e líbrase da reprobación

Pleno do Concello de Noia © Concello de Noia

O pleno de Noia evitou reprobar o seu alcalde polos chistes machistas que contou no acto oficial do Concello polo Día Internacional da Muller Traballadora. Na sesión extraordinaria deste martes, os oito edís do PP e mais os dous dos independentes de NO.I.A. -que forman parte do goberno local tras apoiar unha moción de censura hai un ano- apoiaron o rexedor contra a reprobación que impulsaran os sete concelleiros que suman PSdeG (4), Marea Cidadá (2) e BNG (1) na oposición e que abandonaron o pleno cando Santiago Freire os acusou de prexudicar a imaxe da localidade. 

O alcalde escusa os seus comentarios na "retranca galega" e acusa a oposición de sacalos de contexto

Nun tenso pleno, o alcalde popular recoñeceu o seu erro polos comentarios machitas pero xustificouno por térense sacado de contexto, por ser comentarios "para darlle un carácter desenfadado e informal ao acto" e por ter "utilizado mesmo a retranca galega" e "non buscar nin a mofa nin o menosprezo". Ademais, o rexedor virou o discurso para cargar con dureza contra a oposición, que abandonou ao completo o salón de plenos cando o alcalde os acusou de "intentar danar a imaxe do pobo" ao "facer uso" dos polémicos comentarios "para montar toda esta lea". Os edís retrucaron culpándoo de querer facerse "a vítima". 

Santiago Freire cre que "só os que teñen unha intención moi clara" de danalo poden considerar que intentou "ofender as mulleres" cos seus comentarios e acusa a oposición de "querer terxiversar e retorcer a realidade intentando buscar o descrédito" da súa figura. "Agochados nas súas butacas gravan as imaxes para logo ser asedorados por especialistas en circos mediáticos", engadiu. 

A oposición abandona o pleno ao acusala o alcalde de "intentar danar a imaxe do pobo" de Noia

O alcalde de Noia realizou os comentarios machistas no acto institucional que na localidade se realizou co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora. Santiago Freire (PP) introduciu tres chistes contra as mulleres "-é o chiste fácil", dixo ao momento"- no medio da súa intervención ante a sorpresa de moitos dos presentes. "A muller é capaz de sangrar sen cortarse; a muller é capaz de dar a luz sen corrente; a muller é capaz de tocar as narices sen achegarse", asegurou.

Ademais, tamén asegurara que "son moitas as dificultades fisiolóxicas que [a muller] ten con respecto ao home, que en ocasión fai que ese traballo que teñen que facer de forza físcica se lle complique". Pediu desculpas e recoñeceu o "erro", ao igual que este martes no pleno, aínda que desta vez virando a responsabilidade cara á oposición. "Recoñezo o erro e a torpeza de ter feito referencia a un chiste porque se podía sacar de contexto, sobre todo por parte dalgúns que utilizan isto para montar todo este balbordo; o meu erro foi non prever que se puidese utilizar", engadiu quen aludiu ao "resentemento que chega ao plano persoal" daqueles para os que "todo vale en política". 

"O meu erro foi non prever que se puidese utilizar en política por aqueles para os que todo vale", di o rexedor

"Doulles a noraboa se o que pretendían era facer dano persoal e na contorna familiar porque o conseguiron, pero se pretendían que tirase a toalla, fallaron estrepitoasamente", advertiu o alcalde, que evitou ser reprobado e que contou co apoio dos dous edís de NO.I.A., que criticaran as súas palabras pero aceptaron as desculpas. Pola súa banda, portavoz do PP, Julio Bustelo, asegurou que o discurso fora unha defensa da muller, aludiu ao "feminismo sen etiquetas" do seu partido e considerou que non se podía "etiquetar a ninguén por unha frase illada". 

Ante as críticas da oposición, que reclamou a súa dimisión, Freire insistiu en que o seu discurso do 8 de marzo "foi espontáneo e improvisado e ao fío do comentado polo presentador do acto". "O que buscaba era enxalzar a figura da muller, dándolle un especial mérito a elas", rematou quen presumiu de "dara a cara en todo momento". 

Pleno do Concello de Noia © Concello de Noia
Os voceiros de Marea, BNG e PSdeG en Noia © BNG Noia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.