O PP, á procura de 'artillaría' contra o bipartito nos arquivos da Xunta

Fragmentos da pregunta do PP e da resposta do Goberno CC-BY-SA Praza Pública

Máis de catro anos despois da súa fin, o bipartito segue a ser obxecto de observación por parte do PP. Ademais de ser un lugar común nos discursos do presidente da Xunta e de boa parte dos membros do Grupo Parlamentario Popular, semella que os conservadores seguen a apostar, no inicio do seu segundo mandato consecutivo na Xunta, por procurar artillaría política contra o malogrado Executivo de coalición de PSdeG e BNG. Desta volta, a ligazón a buscar puidera ser co caso Pokémon.

O pasado febreiro a xuíza de Lugo Pilar de Lara, que investiga esta suposta trama corrupta, ordenaba a detención e enviaba a presión ao xerente da empresa Aquagest en Santiago, José Luis Míguez. Ao responsable da empresa concesionaria do servizo de augas na cidade, dependente do grupo Aguas de Barcelona, imputáronselle delitos de suborno, tráfico de influencias e revelación de segredos. Pouco despois, en abril, era detido o ex director da compañía en Galicia, Henry Laíño, que quedou en liberdade con cargos tras ser interrogado como suposta peza clave na rede de subornos e adxudicacións presuntamente irregulares.

O Executivo entregoulle ao PP unha relación de contratos da Xunta entre 2005 e 2009 con Aquagest, presuntamente ligada ao caso Pokémon

Con este pano de fondo e mentres a operación mantén sumidos no desacougo e na inestabilidade político a diversos concellos do país de diverso signo político -caso, por exemplo, de Santiago e Ourense-, dous deputados do PP, Santiago Freire e Alberto Pazos, interesábanse o pasado xullo polos contratos da Xunta con Aquagest, aínda que cinguíndose a un período moi concreto. "Que contratos e por que importe foron subscritos pola Xunta de Galicia ou calquera dos seus organismos dependentes entre o 1 de agosto de 2005 e o 1 de abril de 2009 coa empresa Aquagest ou calquera outra empresa do grupo Aguas de Barcelona?", preguntaron.

A pregunta, datada no 31 do pasado xullo, obtivo resposta este 10 de setembro. Aínda que os populares non mencionaban na súa pregunta ao Goberno de PSdeG e BNG, si o fai a Xunta na súa contestación: "Na etapa do goberno bipartito (2005-2009), a formalización de contratos entre a Xunta (...) e a empresa Aquagest [Aguagest, no texto orixinal] alcanzou os seguintes importes", sinala o Goberno. A continuación, o documento amosa unha táboa cos importes desagregados por anos e que dá lugar a unha suma de 28,5 millóns de euros, máis da metade dos cales, 17,7, adxudicados no ano 2008.

Freire e Pazos, deputados autores da pregunta © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.