Boimorto, Oia, Noia, Pontecesures... E agora Santa Comba. Son as cinco localidades galegas onde o PP presentou mocións de censura coas que accedeu a alcaldía quitándollela a PSdeG ou BNG. Desde as pasadas eleccións municipais do 24 de maio, e en menos dun ano, en cinco concellos cambiouse xa de rexedor tras o acordo entre populares e outras formacións que cambiaron o sentido do voto expresado pouco antes.
A de Santa Comba foi a última das mocións que permitiu que o PP desaloxase un alcalde da esquerda dun concello
O último caso deuse esta semana en Santa Comba. Cinco concelleiros do PP e tres de Terra Galega (TEGA) presentaron unha moción de censura que propón a popular María Pose como candidata á alcaldía de cara ao pleno que se celebrará a final de mes. A edil, que xa fora rexedora nos últimos meses do anterior mandato en substitución de Antonio Landeira, volverá ocupar o cargo menos dun ano despois de abandonalo.
O actual rexedor, José Antonio Ucha, goberna en minoría logo de que se rachase o pacto que mantiña con TEGA. Desde o PP, sitúase a expulsión no último pleno da súa voceira, a propia María Pose, como o detonante final para a decisión de presentar a moción despois de que a oposición tombase os orzamentos en febreiro. Con todo, e tal e como destacan desde o PSdeG, os populares incumprirían coa súa máxima de que debe gobernar a lista máis votada.
O socialista José Antonio Ucha abandona a alcaldía e o PP incumpre a súa máxima de que goberne a lista máis votada
Nos comicios de maio, PP e PSdG obtiveron 5 escanos, polos 3 de TEGA, pero os socialistas obtiveron 500 votos máis que os populares e o 39,3% dos sufraxios fronte ao 33,2% dos conservadores. O aínda rexedor xa sufrira unha moción de censura en 2008.
Sexa como for, esta moción de censura que se presentará a finais de mes non foi a primeira nin parece que será a última. Comezaron ás poucas semanas do 24-M en Boimorto. Dous meses despois do inicio do novo mandato municipal, o apoio dun tránsfuga do PSdeG que se desmarcara do pacto dos 4 edís socialistas e 2 nacionalistas, relegou da alcaldía a Xosé Luís Rivas, 'Mini'. O seu substituto, o popular Gonzalo Concheiro, chegou ao cargo a mediados do pasado agosto e non durou nin nove meses. Vén de presentar a dimisión pola súa presunta implicación, na súa condición de médico, nunha estafa en seguros de accidentes de tráfico.
Non hai moito, en Pontecesures, artellouse tamén unha moción de censura que confirmou o popular Juan Manuel Vidal como novo alcalde, cargo que estrea desde esta semana, logo de quitarlle a alcaldía a Cecilia Tarela, do BNG. De novo, TEGA é protagonista, ao apoiarse o novo rexedor en dous edís independentes e nun dos dous de Terra Galega, partido que ata hai poucos meses apoiaba o xa anterior goberno. Neste municipio, os populares contan con 3 edís fronte aos 2 de BNG, TEGA, independentes e PSdeG.
O alcalde que substituíu a 'Mini' en Boimorto vén de dimitir pola súa presunta implicación nunha estafa en seguros de accidentes
Antes, o cambio tamén chegou a Oia impulsado polo PP. En novembro, unha moción acabou co mandato da socialista Rosa María Otera, logo dun pleno no que varios concellesiros asinantes da remuda foron escoltados pola Garda Civil. Neste caso, os populares chegaron a un acordo con Converxencia Galega (CG), que en xuño pactara co PSdeG para facilitarlle o bastón de mando pero que cambiaron aos poucos meses para variar o goberno e cedérllelo aos populares e á nova alcaldesa, Cristina Correa.
Converxencia e o PP sumaron 6 votos que fixeron prosperar o cambio fronte aos 4 de socialistas e BNG nunha localidade onde a suma de PSdeG, CG e Bloque representa en votos o 52% fronte ao 36% dos populares.
En Oia, Converxencia Galega desfixo o seu pacto co PSdeG de xuño para apoiar o PP, que accedeu á alcaldía
En Noia, pola súa banda, a moción de censura prosperou en febreiro. O popular Santiago Freire accedeu á alcaldía en substitución do socialista Miguel Paz, logo de saír adiante o cambio promovido polo PP e os independentes de NO.I.A., que gobernaban dous meses antes co PSdeG.
Desta vez, a moción aprobouse cos 8 votos favorables do PP e os 2 dos independentes, fronte á oposición dos 4 do PSdeG, os 2 da Marea Cidadá e o único co que conta o Bloque. Foi, outra vez, un cambio impulsado polos populares ao pouco de celebrarse as eleccións.
Desde o PPdeG insístese en que esta vaga de mocións, a unha media de unha cada dous meses desde que se conformaran os novos gobernos en xuño, non responde a estratexia ningunha senón á intención de dar estabilidade nos concellos. Mesmo cando, como no caso da última levada a cabo en Santa Comba, a lista máis votada é a que é desaloxada do poder, incumprindo unha máxima coa que os populares teiman desde hai tempo para desacreditar outros gobernos locais.