Dimite o alcalde de Boimorto nove meses despois da censura por presunta implicación nunha estafa

Mini, á saída do pleno da moción de censura CC-BY-SA @anamirandapaz

Nove meses. É o que durou o mandato do alcalde de Boimorto, Gonzalo Concheiro, quen chegou ao cargo a mediados do pasado agosto, dous meses despois do inicio do novo mandato municipal, grazas ao apoio dun tránsfuga do PSdeG que se desmarcara do pacto polo que os 4 edís socialistas e 2 nacionalistas investiran en xuño a Xosé Luís Rivas, 'Mini'. A causa, segundo fontes consultadas por Praza.gal, é a súa presunta implicación, na súa condición de médico, nunha estafa en seguros de accidentes de tráfico.

A dirección provincial do PP da Coruña vén de ratificar nun breve comunicado a renuncia do rexedor e deslígaa da vida municipal. O cesamento, asegura a dirección que preside Diego Calvo, débese unicamente a "motivos personales" e "ajenos a sus responsabilidades como alcalde de la localidad y como concejal del PP". No entanto, as fontes consultada por este diario apuntan que Concheiro tivo xa que declarar na devandita investigación, na que supostamente actuaría valéndose da súa condición de facultativo do Sergas e do sector privado.

Neste contexto, o vindeiro luns o pleno municipal tomará coñecemento da renuncia e iniciará o proceso para substituír a Concheiro tras unha decisión que o PP "respeta" ao tempo que dan por "asegurada" a "estabilidad del gobierno local". O bastón de mando será tomado pola concelleira María Jesús Novo. "Las obligaciones y actividad diaria del gobierno local seguirá adelante con total normalidad", asegura a dirección do PP coruñés.

Censura por "inestabilidade"

A "inestabilidade" do consistorio fora, precisamente, o argumento do PP para lanzar a moción de censura en alianza co exsocialista José Balado, afastado da militancia do PSdeG en canto consumou o seu pacto co PP. Na corporación da pequena vila do interior da provincia da Coruña o PP tivo nas últimas municipais 687 votos, o 44,35%, que lle supuxeron 5 edís. O PSdeG obtivera 538 sufraxios e 4 asentos, mentres que o BNG conta con 2 representantes derivados dos seus 297 votos.

O PP apoiara a súa moción de censura, avalada publicamente por Rajoy, na necesidade de darlle "estabilidade" ao Concello

A moción de censura que levou a Concheiro á alcaldía votárase nun clima de gran tensión e entre preguntas da veciñanza ao tránsfuga, que permanece na corporación como non adscrito, a respecto de "por canto se vendera". Para 'Mini' os argumentos cos que o PP impulsara a censura eran de "risa". "Eramos un equipo de goberno unido que funcionaba", pero o PP -engadiu- decidira "actuar cunha irresponsabilidade maiúscula, sabendo a fenda que crean na xente".

Aquel episodio recibira o aval do PP na provincia da Coruña, pero tamén da dirección galega e mesmo estatal do partido. Así, Alberto Núñez Feijóo apoiara abertamente o sucedido e Mariano Rajoy, que na mesma xornada da censura se atopaba de visita en Ordes, resolvera o asunto explicando que "o PP gañou as eleccións en Boimorto con gran claridade", e argumentando que o pacto polo que 'Mini' fora investido podía ser "moi explicable dende o punto de vista da técnica xurídica, de lexislación electoral", pero non dende "o sentido común".

"Boimorto non merece isto"

O sucedido este xoves en Boimorto foi recibido polo exalcalde do BNG cunha mestura de "desconcerto e cabreo". 'Mini' Rivas, actualmente membro da Executiva do BNG, afirma descoñecer "oficialmente" os motivos dunha renuncia que en calquera caso, subliña, chega tras unha moción de censura "legal, pero ilexítima" que foi presentada, segundo o PP, "para darlle estabilidade ao concello, pero despois de nove meses non fixeron nada".

"Boimorto non merece isto, agora imos comezar outra vez?", pregúntase. O concello "está agoniando, sen produción, sen sector leiteiro", pero "iso si, dámoslle case 100.000 euros ao Festival de la Luz". Agora, di Rivas Cruz, só resta agardar polo pleno que dará inicio á remuda nunha situación, di, que non se tería dado de non ser polas "andanzas de [Alfonso] Rueda".

Gonzalo Concheiro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.