"Non se trata de recuperar un inmoble para os altos cargos, senón para o patrimonio da comunidade autónoma". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resume deste xeito a resposta do Goberno galego á querela por presuntas coaccións inmobiliarias a unha anciá formulada polo fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, contra a Administración autonómica nas persoas da secretaria xeral da Consellería de Facenda e do subdirector de Patrimonio do mesmo departamento. O titular do Goberno galego admitía este venres descoñecer os feitos concretos e a propia querela, se ben esixiu "respecto" por ambos cargos e subliñou o seu carácter "honorable".
O fiscal xefe de Ourense atribúe aos dous cargos un presunto delito de coaccións inmobiliarias
Preguntado pola prensa ao respecto tras a xuntanza semana do Consello da Xunta, Feijóo advertiu de que "o primeiro que temos que saber exactamente" é "o contido e alcance do escrito da Fiscalía", que o Ministerio Público remitiu ao Xulgado Decano de Ourense o pasado 28 de setembro. Así e todo, asegura, xa "cotexou coa realidade" algunhas das "cuestións" que "lin na prensa", tales como "que non hai servizo de limpeza no edificio", aspecto que afirma o fiscal ao cualificar como "insalubre" o estado do inmoble, antiga sede da Cámara da Propiedade de Ourense. Ese servizo "haino" e "estase pagando co diñeiro dos galegos", afirma Feijóo, quen tamén agrega que "supón" que o elevador do edificio será "posto en marcha nos próximos días", tras ter sido clausurado polo seu mal estado e, posteriormente, "reparado".
Feijóo: "Coñezo os funcionarios, traballei na dirección xeral de Patrimonio e sei perfectamente que teñen absoluto rigor; son honorables e vounos defender"
Malia reiterar que non dispón de información concreta sobre o "expediente", Feijóo si di ter claro que ambos "empregados públicos" están "traballando para recuperar un ben de patrimonio da comunidade autónoma e merecen un respecto". "Coñezo os funcionarios, traballei na dirección xeral de Patrimonio e sei perfectamente que teñen absoluto rigor nas súas decisións", porque "son uns empregados públicos honorables e vounos defender, porque non me parece aceptable que se diga que queren cometer delitos", atribución de posible conduta delituosa que formula o fiscal na súa querela. "Non sei se nos equivocamos en algo" e nese caso "rectificaremos" di o presidente, quen en calquera caso agrega que a "intencionalidade" do desaloxo de Lucila, de 93 anos, e mais do seu veciño, tamén de avanzada idade, é a de "recuperar o que é dos galegos". A comezos de ano a Xunta adxudicou por 30.000 euros a rehabilitación do edificio para instalar alí servizos administrativos.
Petición de explicacións da oposición
En Marea e PSdeG piden contas á Xunta por este "vergoñento xeito de proceder" e instan a aclarar que fará se os cargos son investigados xudicialmente, como pide o fiscal
Mentres o presidente da Xunta insta a "respectar" os cargos sinalados pola fiscalía no caso do desaloxo da vella Cámara da Propiedade de Ourense, dende a oposición parlamentaria xa lle piden contas. Para o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, este "vergoñento xeito de proceder" é propio de fondos voitre e lamenta que o exercite tamén a Administración. "Esiximos explicacións ao presidente ante este comportamento mafioso por parte do seu goberno, que está a actuar como o peor dos fondos voitre e escenifica, perfectamente, o que significa para a Xunta a política de vivenda", afirma.
Nun sentido semellante a deputada ourensá do PSdeG Noela Blanco rexistrou xa iniciativas ao respecto no Parlamento. A Xunta, di Blanco, debe comezar por aclarar "que responsabilidades pensa asumir" ante a petición do fiscal de que ambos cargos sexan imputados "por un presunto delito de acoso inmobiliario". A socialista subliña ademais que o Goberno galego xa tentou recuperar o edificio en 2012 pola vía xudicial e por dúas veces os tribunais deron a razon á inquilina.