A Fiscalía de Ourense querélase contra dous cargos da Xunta por acoso inmobiliario a unha anciá

Imaxe do edificio da antiga Cámara da Propiedade de Ourense incluída na información aos contratistas da rehabilitación © Xunta

Cando, en febreiro de 1999, o Goberno de Manuel Fraga decidiu a extinción das vellas Cámaras da Propiedade Urbana, Lucila levaba 36 anos a vivir no cuarto andar da sede deste organismo en Ourense. Dende principios de 1994 era a titular do contrato de alugueiro de renda antiga do piso, que tivo que asumir pola vía da subrogación por mor do falecemento do seu home, Celso, asinante do arrendamento o 30 de outubro de 1963.

Lucila, a piques de facer 93 anos, vivía dende 1963 de alugueiro nun piso da antiga Cámara da Propiedade de Ourense

No ano 2001 Lucila púxose en contacto co que pensaba que seguía a ser a devandita Cámara para advertir de que non lle estaban a cobrar o alugueiro e que, ademais, o edificio quedara sen servizos comúns como a limpeza, alén doutros problemas de mantemento. Comezaba así un periplo burocrático e legal que vén de ter como último capítulo unha querela do fiscal xefe de Ourense contra a Xunta na persoa de dous cargos aos que solicita imputar un presunto delito de coaccións inmobiliarias a esta muller, que está a piques de facer 93 anos de idade.

O fiscal xefe de Ourense atribúe á Consellería de Facenda "medidas de presión non lexítimas" e "irregulares" para desafiuzar a anciá e un veciño dos seus pisos de renda antiga

A querela formulada polo fiscal Florentino Delgado, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, asume esencialmente os argumentos esgrimidos polo avogado de Lucila, sinala a Consellería de Facenda por ser responsable das propiedades da Administración galega e dous cargos en concreto por seren quen xestionaron os intentos de desaloxo da muller. Trátase da secretaria xeral da Consellería, neste alto cargo dende 2012, e mais do subdirector de Patrimonio da mesma área, que ocupa o posto dende 1998. O Ministerio Público atribúe a ambos "medidas de presión non lexítimas" e "irregulares, non amparadas en dereito", para botar a Lucila do piso por "algo que eles, persoalmente, entendían intolerable: que a renda mensual" da inquilina era de 25,26 euros e a do outro único veciño, de 74,97 euros.

Indicacións aos contratistas da rehabilitación do edificio sobre a existencia de dous pisos alugados na vella Cámara da Propiedade © Xunta

Sempre segundo o fiscal, foi o subdirector de Patrimonio quen, en 2001, comunicou á anciá que a Consellería pasara a ser a responsable do inmoble. Daquela as queixas de Lucila foran atendidas e mesmo no ano 2005 "chegáranse a facer obras de cambios de instalacións de fontanaría". Pero "a situación mudou radicalmente tras a toma de posesión" da actual secretaria xeral de Facenda en 2012. "Ambos querelados", di o escrito formulado ante o xulgado decano de Ourense, "entenderon que a Xunta debería recuperar a plena posesión do edificio" desafiuzando os dous arrendatarios para instalar alí servizos administrativos. E facelo "utilizando calquera vía para isto".

Sen limpeza nin ascensor para "presionar os inquilinos"

A Xunta tentou o desafiuzamento na vía xudicial, pero os tribunais desestimárono

Así, en outubro de 2013 Facenda pediu formalmente a Lucila que deixase o piso antes de fin de ano, ao que anciá respondeu que non o ía facer "ao non compartir a argumentación" da Xunta, "que de feito non existiu", segundo a querela. Foi daquela cando "volveu suprimirse de maneira total o mantemento de todas as zonas comúns": quedou sen limpeza nin reparacións en áreas comúns, non era substituído o alumeado cando deixaba de funcionar nin se realizaba "o mantemento de servizos tales como o ascensor". "Deste xeito -razoa o fiscal- por vontade dos querelados", os responsables da Xunta, "deixando de cumprir as obrigas da propiedade tentaban presionar nos inquilinos para o desaloxo".

Xusto a continuación, en 2014, a Consellería tentou o desafiuzamento na vía xudicial. O xulgado de primeira instancia número 2 de Ourense desestimou a demanda, Facenda recorreu ante a Audiencia e esta deu a razón novamente á inquilina en sentenza firme. Pero tres anos despois, en novembro de 2017, Facenda volveuse dirixir por escrito a Lucila e ao seu veciño -o texto, como os anteriores, estaba "redactado" polo subdirector e "asinado" pola secretaria xeral, destaca- para lles preguntar as "condicións nas que estarían dispostos a abandonar o inmoble". Fíxérono sen infomes da Asesoría Xurídica da Xunta, que se negou a emitilos.

Imaxes de deficiencias no edificio incluídas na documentación do contrato para a súa rehabilitación, adxudicado en xaneiro de 2018 © Xunta

A Consellería, que adxudicou en xaneiro as obras de rehabilitación do edificio para instalar servizos administrativos, nega as acusacións e subliña que procurou unha solución amistosa

En febreiro deste 2018, cando o ascensor do edificio quedou clausurado por "deficiencias moi graves", a Xunta remitiu outra carta ofrecendo "unha solución amistosa" antes de "acudir á vía xudicial", á que o Goberno xa acudira e na que perdera dúas veces. Un mes antes, en xaneiro, Facenda adxudicara por algo máis de 30.000 euros as obras de rehabilitación da vella Cámara da Propiedade co obxectivo de dedicala a servizos administrativos da propia Xunta, proceso no que informou os contratistas de que dúas das vivendas estaban habitadas.

Este é o contexto no que, o pasado verán, Lucila tivo que marchar da vivenda e residir nun hotel próximo, xa que "a falla de ascensor fai extremadamente difícil o acceso", practicamente imposible dende que no mes de xullo "sufriu unha caída, con fractura de cadeira" que non lle permite subir escaleiras. Mentres, o estado do edificio é "lamentable e insalubre", feito "constatado" ante notario o pasado marzo, indica a Fiscalía. Neste contexto o fiscal xefe ourensán pide imputar por coaccións inmobiliarias os dous cargos da Xunta e tomar declaración a Lucila coa "maior urxencia posible" pola súa "moi avanzada idade e enfermidade". Coida ademais que tería que ser compensada con, cando menos, 25.000 euros.

Mentres, tal e como informa Faro de Vigo, a Consellería nega as acusacións "de forma rotunda" e, asegura que o edificio está a ser limpado, que o ascensor está a piques de ser reparado tras ter que encargar pezas específicas por mor da súa antigüidade e subliña que procurou un "acordo amistoso" tanto con Lucila como co seu veciño. O avogado da anciá, pola contra, reafírmase en declaracións a Praza.gal nas devanditas acusacións e nega negociacións amistosas coa Consellería.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.