Advertírao o propio fiscal de Medio Ambiente ás poucas horas da intensa vaga de incendios que nunha fin de semana queimou en Galicia 50.000 hectáreas e acabou coa vida de catro persoas o pasado outubro. "En anos de investigación, nunca atopamos esa famosa trama incendiaria", dicía Álvaro García Ortiz, con anos de experiencia en investigación sobre lume en Galicia. Un mes despois, nin un só atestado da Garda Civil ou da Policía Nacional apoiaba as teses sobre "terrorismo" ou "acción coordinada" nos montes galegos para explicar a virulencia e gravidade das lapas. Hai menos de quince días, o primeiro experto que compareceu na comisión de investigación volveu desdeñar ese argumento. "Non resiste a análise; non creo que haxa ninguén que se poña de acordo, aquí en en Portugal, para xerar un problema de tal magnitude", explicaba Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra.
O fiscal de Medio Ambiente xa advertira de que "en anos de investigación" nunca se atopara "a famosa trama incendiaria"
Tanto ten. O Goberno central de Rajoy continúa a teimar en que as "tramas organizadas" son unha "posible explicación" aos incendios en Galicia, tal e como xustificou nunha resposta a unha pregunta no Congreso en xaneiro da deputada de En Marea, Alexandra Fernández. Segue así o ronsel marcado pola Xunta de Galicia e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, abonado á teoría da "actividade delitiva incendiaria" como clave para explicar desde o primeiro día aquela vaga de incendios que tiña como obxectivo, segundo dixo, "alterar a paz social".
O luns seguinte á traxedia, Feijóo leu ante a prensa unha declaración institucional centrada en condenar o "ataque" do "terrorismo incendiario", a mesma que se inseriría despois como publicidade nunha ducia de xornais impresos -oito editados en Galicia e catro, en Madrid- logo do pago de 77.000 euros públicos, tal e como adiantou Praza.gal.
A Xunta gastou 77.000 euros en publicitar a declaración de Feijóo na que denunciaba o "ataque" do "terrorismo incendiario"
Agora, o informe elaborado pola Fiscalía sobre aquela vaga de incendios de outubro, case rematado, insiste en que "non hai evidencia de trama ningunha" e del tiraranse conclusións semellantes ao elaborado logo dos fogos de 2006. Así o asegura a Praza Pública o fiscal de Medio Ambiente, García Ortiz, que espera que o documento se poida facer público "a finais desta semana" aínda que había prazo ata o vindeiro mes de abril para publicalo.
A Fiscalía, xa que logo, está tan só "á espera" duns datos que lle ten que facilitar a Xunta. Unha vez que os teña, porá enriba da mesa un informe que "debe ser público canto antes". Nel, ademais, lémbrase que tras a vaga de outubro unicamente houbo catro detidos como presuntos autores de incendios naqueles días e que non teñen relación entre eles. Entre todos, sumarían unhas 150 hectáreas queimadas dun total de 49.000.
Traballos de extinción dun incendio durante a vaga de outubro de 2017 / @BrifLaza
Só un daqueles investigados estivo na cadea, que deixou un mes despois logo de pagar 2.500 euros de fianza. Fora acusado de queimar unha hectárea por unha imprudencia nunha leira familiar nos Blancos ao asar un chourizo, mentres os seus familiares e grupos ecoloxistas denunciaban unha condena "política" e o intento de colgarlle enriba o cartel de "terrorista".
O informe da Fiscalía insiste en que non hai evidencias de trama ningunha e lembra que só hai catro detidos sen relación entre eles
Outra das detidas foi unha muller de 74 anos en Mos logo de, presuntamente, ter provocado tres focos arredor da súa casa en plena vaga de incendios ao queimar maleza. En Brión, arderon dúas hectáreas pola neglixencia dun home ao que tamén se lle tomou declaración, mentres que en Meis foi investigada outra persoa que tería provocado un incendio que arrasou máis de 100 hectáreas e obrigou a evacuar varias casas. Ningún se coñecía antes, nin se coordinara nin tiña unha intención terrorista ou mesmo delituosa.
A trama non aparece, malia ser desde hai décadas un dos argumentos fundamentais para explicar, xunto a outras causas, a elevada afectación das lapas en Galicia. Desde Rosón, sendo ministro, ata Feijóo, pasando por Romay Beccaría e o goberno bipartito. 35 anos á procura desa trama incendiaria e organizada que nunca se atopou e que continúa sen ser atopada.