Dous galegos perante o Tribunal Supremo (e un destino)

Álvaro García Ortiz e Consuelo Castro, en fotografías de arquivo sobre unha imaxe do tribunal que xulga o fiscal xeral CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: Sinal TS / Fiscalía Xeral do Estado / Ministerio de Xustiza

Coa presentación das conclusións das partes este xoves 13 de novembro, queda visto para sentenza o histórico xuízo do Fiscal Xeral do Estado perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.

Xuízo histórico, sen dúbida, en moitos sentidos. Mais para nós, os galegos e galegas, o que leva acontecido na sala de vistas do Tribunal Supremo debería contemplarse nunha moi concreta clave de país. Hai dous protagonistas galegos na Sala, e convén explicar por que. 

Álvaro García Ortiz, nun acto público como fiscal xeral do Estado © Fiscalía Xeral do Estado

No histórico xuízo ao Fiscal Xeral do estado hai dous protagonistas galegos e convén explicar por que

Desde o 1 de agosto do 2022, quen ostenta a alta responsabilidade de dirixir a Fiscalía Xeral do Estado (unha das institucións constitucionais do Poder Xudicial regulada no artigo 124 da Constitución), Alvaro García Ortiz, é un fiscal que desenvolveu a súa carreira profisional en Galicia aínda que nacese en Salamanca. 

No ano 2002 incorporouse á Fiscalía da área de Santiago de Compostela e, no ano 2004, asume a función de fiscal especialista en Medio Ambiente da Fiscalía do noso Tribunal Superior de Xustiza, así como fiscal coordinador especial de incendios. 

Desde entón, ven exercendo a súa responsabilidade nestas materias (moi especialmente, exercendo a acusación no caso Prestige, pero tamén investigando as presuntas tramas incendiarias), até que en marzo do 2020 pasa a exercer o cargo de fiscal xefe da Secretaría Técnica da, naquela altura, Fiscal Xeral do Estado, Dolores Delgado (no cargo desde febreiro do 2020 até xullo do 2022). 

  • Outrosí digo 1, ou sexa, nota a rodapé necesaria: Dolores Delgado, ex ministra de xustiza do primeiro gabinete Sánchez (2018-2020), é parella do ex xuíz Baltarsar Garzón, expulsado da carreira xudicial pola STS 79/2012, por entender a Sala do Penal que cometera prevaricación ao intervir as comunicacións de Francisco Correa e Pablo Crespo, condenados na trama Gurtël de corrupción no Partido Popular. Retéñase este dato: maxistrado penalmente condenado a multa de catorce meses e inhabilitado durante once anos por violar dereitos constitucionais de delincuentes militantes do Partido Popular. 

No Tribunal Supremo abriuse unha cacería política contra Dolores Delgado e Álvaro García Ortiz

Alén das relacións persoais (ou tamén por elas), Dolores Delgado ten a súa propia persecución xudicial no Tribunal Supremo. Na súa STS do 21 novembro do 2023, a Sala do Contencioso-Administrativo anulou o seu nomeamento como Fiscal da Sala Militar, proclamando que Alvaro García Ortiz, xa Fiscal Xeral do Estado, incorrera ao propoñela en “desviación de poder”; por STS de 7 maio do 2024, a Sala do Contencioso anulou tamén o seu nomeamento como Fiscal de Memoria Democrática. Estas sentenzas, e outras conexas, poñen de manifesto que no Tribunal Supremo se abriu unha cacería política contra Dolores Delgado e Alvaro García Ortiz.

Poñamos agora o foco na segunda galega desta historia.

Consuelo Castro, nun acto público como avogada xeral do Estado © Ministerio de Xustiza

A avogada do Estado que asumiu a defensa pública á que ten dereito o Fiscal Xeral do Estado no proceso penal dirixido contra el non é outra que Consuelo Castro. Até xuño do 2024, a Avogada Xeral do Estado do goberno progresista constituído no ano 2018 foi esta ourensá, cuxa carreira profisional se desenvolveu con brillantez na Delegación do Goberno da Coruña, onde coincidiu con Alvaro García nas accións relacionadas coa catástrofe do Prestige. Nomeada en xuño do 2018 polo goberno de Pedro Sánchez, o seu papel foi decisivo á hora de recuperar o Pazo de Meirás, ou de intentar contrarrestar a deriva punitivista do Tribunal Supremo no asunto do Procès

Alvaro García e Consuelo Castro comparten destino como xuristas galegos de recoñecido prestixio que, tras coñecérense na causa común da catástrofe do Prestige, optaron por poñer a súa intelixencia e saber profisional ao servizo dun goberno progresista; e, ao facelo, padeceron –padecen– o rudo encono da elite xurídica da Villa y Corte madrileña

Tras renunciar ao cargo por motivos persoais (e darlle a alternativa a outro galego de adopción, David Vilas Alvarez, no seu día profesor asociado de Dereito Administrativo na UDC), non é casual que Consuelo Castro volva a Madrid para asumir persoalmente a defensa de Alvaro García Ortiz, encaixando con valentía os custos de exposición pública e profisional que implica. Non só porque o considere amigo, e porque considere unha cruel trapallada a imputación do Fiscal Xeral do Estado por un delito de revelación de secretos dun presunto delincuente fiscal sentimentalmente unido á todopoderosa presidenta da Comunidad de Madrid. 

Teño para min que Alvaro García e Consuelo Castro comparten destino como xuristas galegos de recoñecido prestixio que, tras coñecérense na causa común da catástrofe do Prestige, optaron por poñer a súa intelixencia e saber profisional ao servizo dun goberno progresista; e, ao facelo, padeceron –padecen– o rudo encono da elite xurídica da Villa y Corte madrileña, empeñada en afundir como sexa o barco do goberno do Estado e a maioría parlamentar que o sustenta. 

Esa elite cortesá que, coa persecución xudicial de xente como Baltarsar Garzón, Dolores Delgado ou Alvaro García, está lembrándolle aos díscolos “quen manda aquí”; que concretas liñas vermellas non poden ser traspasadas, por moita maioría parlamentar que haxa.

Esa élite da que Alvaro e Chelo, por máis puñetas que vistan na toga, nunca farán parte, precisamente polo seu compromiso público cunha serie de valores constitucionais e unha forma de exercer o Dereito contraria ao dunha gobernación madrileña empeñada en controlar “pola porta de atrás” (Ignacio Cosidó dixit) a iuris dictio. Ou sexa, o decisivo poder de decir o que é ilegal: o relato do Dereito lexítimo. Poder de decisión e de relato que salvagardan a potestas eminens dos que de verdade mandan, con independencia do que vote a xente. Non todo vai a pior na historia: polo menos agora, o que antes facía o Exército con golpes de Estado, faino agora a élite do Poder Xudicial de maneira ben máis civilizada.

Álvaro García Ortiz e Consuelo Castro, nun intre do xuízo ao fiscal xeral no Tribunal Supremo © Sinal vídeo TS
  • Outrosí digo 2: este é o momento de lembrar que o primeiro fiscal xeral do Estado galego foi Manuel Iglesias Corral. Aconteceu durante a II República, baixo o goberno de Portela Valladares. Ex alcalde republicano da Coruña e deputado en Cortes pola ORGA, Iglesias Corral durou pouco no cargo: do 3 de xaneiro ao 8 de febreiro de 1936, data na que dimitiu. Paradoxos da vida, aínda non sabemos ben como logrou salvar a vida, e prosperar profesionalmente na Ditadura, este gañador do Premio Nobel de Historiografía Breve co seu clásico “aquí pasou o que pasou”. O que si podemos deducir é que, co susto da Guerra Civil, aprendeu de vez a non desafiar aos que mandan. 

Tanto se hai condena como se hai absolución parece claro que, tras bater as súas armas en Madrid, estes dous galegos virán de volta para a casa como heroicos veteranos dunha guerra non por letrada menos intensa

Son dos que opina que, con tan escaso material probatorio de cargo, a Sala do Penal do Tribunal Supremo non se atreverá a condenar ao Fiscal Xeral do Estado apenas con meros indicios ou conxecturas sobre probabilidades, asumindo, como é o seu deber, o principio in dubio pro reo vinculado ao dereito fundamental á presunción de inocencia.

Mais, tanto se hai condena como se hai absolución, o que si parece claro é que, tras bater as súas armas en Madrid, estes dous galegos virán de volta para a casa como heroicos veteranos dunha guerra non por letrada menos intensa. Co medo metido no corpo; e máis conscientes dos límites materiais do Dereito, das eivas conxénitas da democracia española.

San Lourenzo de Meixigo, 13 de novembro do 2025,

vixésimo terceiro aniversario da zozobra do Prestige.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.