O xuíz Villares, afastado á forza da sección do TSXG que sentencia sobre eólicos e contratos da Xunta

O maxistrado Luís Villlares, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA En Marea

A nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo xustifica o traslado citando as sentenzas do Supremo que anularon ditames que, participados por Villares, obrigaban a concesionaria do hospital de Vigo a pagar o IBI ao Concello

O pasado 6 de marzo María Azucena Recio tomou posesión como nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Menos dunha semana despois, o día 12, esta maxistrada encadrada convencionalmente no sector conservador da xudicatura tomou unha das súas primeiras decisións: trasladar á forza a dous dos catro membros da Sección Terceira da Sala, que trata sobre cuestións como a legalidade dos parques eólicos ou diversos contratos do Goberno galego: Luís Villares e Dolores López.

Estes traslados forzosos, que Praza.gal puido confirmar de fontes xudiciais, están a xerar un notable balbordo no seo do alto tribunal galego pola súa celeridade e tamén pola súa xustificación. Especialmente no caso de Villares, que vén sendo cuestionado publicamente polo PP e polo Goberno galego nos últimos anos a causa de decisións da Sala como paralizacións cautelares de parques eólicos, que os populares atribúen non a cuestións legais, senón ao pasado político do maxistrado como voceiro da desaparecida formación En Marea.

María Azucena Recio, nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, na súa toma de posesión, ante o conselleiro Diego Calvo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A resolución na que Recio decide o traslado forzoso de Villares, a cuxo contido puido ter acceso este xornal, xustifícao citando tres sentenzas nas que o Tribunal Supremo anulou resolucións previas do TSXG que obrigaban a empresa concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a pagar o IBI ao Concello ou que rexeitaban as peticións da empresa para obter diversas compensacións por servizos prestados durante a apertura do centro. A causa desas anulacións foi que o Supremo observou risco de que Villares, un dos tres maxistrados que as adoptou, non fose imparcial por mor das posicións políticas de En Marea sobre o asunto cando el a lideraba, con independencia de que fosen "correctas".

O Supremo anulou tres sentenzas nas que participou Villares con outros xuíces dicindo que non tiñan "signos manifestos" de parcialidade e a Xunta mesmo defendeu que eran correctas "en dereito canto ao fondo" 

Segundo a nova presidenta da Sala, eses pronunciamentos do Supremo "motivan" o traslado forzoso de Villares fóra Sección Terceira e a súa recolocación na Cuarta. Faino, xustifica, para "salvagardar a aparencia e a realidade da imparcialidade coa que funciona esta Sala" e tamén para a "salvagarda do maxistrado cuxa imparcialidade foi sometida a valoración xudicial polo Supremo". Tamén apunta a "necesidades reorganizativas" e ao "reforzamento" do "bo funcionamento" da Sala.

Entende María Azucena Recio que o traslado forzoso vai implicar ademais para Villares un "crecemento profesional" e "unha oportunidade" ao "abordar novas materias que tamén son competencia" da Sala do Contencioso-Administrativo. A resolución conclúe cun agradecemento ao "apoio e comprensión de todos/as".

Parque eólico Sasdónigas en Mondoñedo anulado en firme polo Supremo antes de que Villares volvese ao TSXG e post do PPdeG en X, antiga Twitter, acusándoo de ser "xuíz e parte" © Imaxe: Norvento | Montaxe: Praza Pública

As tres sentenzas coñecidas ata o momento nas que o Supremo anulou resolucións previas do TSXG porque Villares participou nelas xunto con outros xuíces non din que aquelas fosen incorrectas ou parciais. O Supremo dixo que esas resolucións non tiñan "signos manifestos que permitan erguer, por si sós, sospeitas sobre a ausencia de parcialidade", pero aínda así considerou que se vulnerara o dereito da empresa recorrente a un xuíz imparcial. Naqueles procesos a Xunta mesmo defendeu o maxistrado dicindo que o suposto "vicio de parcialidade" que lle atribuían non se producira porque "a sentenza é correcta en dereito canto ao fondo".

O PP cargou contra Villares mesmo por un eólico anulado polo Supremo en cuxo proceso nada interveu o xuíz

Por outra banda, o Supremo xa ten avalado resolucións do TSXG nas que participou Villares, nomeadamente sobre o sector eólico. E, ao tempo, o PP mesmo criticou a Villares pola anulación en firme por parte do Supremo dun parque eólico en cuxo proceso xudicial non participou ese xuíz.  

Ante os ataques do PP ao TSXG polas súas resolucións sobre o sector eólico, participase ou non Villares nelas, o propio tribunal e a asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia pronunciáronse públicamente en defensa da "independencia xudicial" salientando que "o seu respecto por parte das administracións públicas e a cidadanía é esencial para o normal funcionamento das institucións" e "sen prexuízo de que quen estea desconforme coas resolucións xudiciais utilice os medios que lle garante a lexislación procesual".

Xuízas e Xuíces para a Democracia: "Pode afectar á independencia xudicial"

Unha sala de vistas na sede do TSXG © TSXG

Os traslados forzosos decididos pola nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, especialmente o de Villares, causan "preocupación" na asociación Xuíces e Xuízas para a Democracia. O colectivo que agrupa o sector progresista da xudicatura, do que o maxistrado agora trasladado foi coordinador en Galicia, considera que a decisión "pode afectar ás garantías de inamobilidade e independencia xudicial".

XpD advirte de que este "inusual" movemento vai "afectar directamente á continuidade dos criterios" dunha Sala que "atende materias de moita transcendencia mediática e social". "Suscita serias dúbidas de que iso non estea na intención da decisión", coidan

Salienta a sección territorial galega de XpD que este "desmantelamento" da Sección Terceira da Sala, "non prevista no programa de goberno sometido a exame do Consello Xeral do Poder Xudicial" co que María Azucena Recio chegou ao posto, "supón de facto desfacer a composición dun órgano xudicial que viña resolvendo asuntos de materias concretas", xa que "afecta á metade das persoas que a compoñen". Trátase, abondan, dun movemento "inusual" tanto pola súa "envergadura" como polas "formas coas que se realiza".

"O procedemento habitual de cambio de maxistrados entre seccións é o concurso interno voluntario cando existen vacantes", detallan, e "cando a Presidencia propón unha reorganización, o normal é a consulta previa" cos afectados e aplicar as mudanzas "de xeito individual" para non "perturbar" o traballo. Pero neste caso os movementos, entre os trasladados e os que chegan, "afectan a catro maxistrados" de dúas das catro seccións da Sala e "foi adoptado sen audiencia previa nin consultas informais" cos implicados.

Luís Villares, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA EM

E neste escenario, advirten, "afastar a metade" da Sala é tanto como "afectar directamente á continuidade dos criterios xurisdicionais" dunha sala que "atendía materias de tanta transcendencia mediática e social como as autorizacións administrativas relativas a parques eólicos en territorio galego ou a contratación administrativa". "Suscita serias dúbidas de que iso non estea na intención da decisión" ao modificar unha Sala que "durante os últimos meses e anos" foi albo de "desmedidas declaracións de determinados responsables políticos e empresariais, considera XpD, que ve "moi afectadas" a "imaxe do Tribunal e da súa independencia".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.