O Tribunal Supremo anula unha sentenza polo risco de que Luís Villares, un dos tres xuíces que a emitiron, non fose parcial. O ditame, adiantado por La Voz de Galicia e ao que tivo acceso Praza.gal, entende que o maxistrado que fora líder de En Marea non debeu xulgar un caso que afectaba a empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Villares foi o relator dun ditame que ordenaba a concesionaria do Álvaro Cunqueiro a pagar o IBI, unha demanda que fixo cando lideraba En Marea
A compañía demandaba que fose a Xunta quen abonase o imposto sobre bens inmobles (IBI) que o Concello de Vigo carga ao hospital, nunha batalla máis da liorta política que o goberno de Feijóo e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantiveron sobre o Álvaro Cunqueiro. Naquel conflito arredor da xestión, concesión e pagamento de impostos posicionárase tamén Luís Villares sendo deputado e portavoz de En Marea, instando o Executivo autonómico a defender que fose a concesionaria quen pagase o IBI.
En 2022, dous anos despois de que Villares abandonase a política, tres maxistrados da sección terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenaron a concesionaria a pagar este imposto e o relator da sentenza foi o propio Villares. Supuña, ademais, darlle a razón á Xunta, que apelou contra un ditame anterior dun xulgado de Santiago que daba a razón á concesionaria, que non recusou daquela o maxistrado e ex-líder de En Marea pero si despois, en 2020, cando recorre o recibo dun ano posterior.
A concesionaria argumentou no caso de 2019 que non recusara antes a Villares porque non coñecía quen era, malia que levaba xa tres anos como deputado do segundo partido do Parlamento, e levou o caso ao Supremo. Agora, nun ditame do pasado 17 de decembro, o alto tribunal anula a sentenza que daba a razón á Xunta "ao terse vulnerado o dereito fundamental a un proceso con todas as garantías, na vertente dun xuíz imparcial".
A Xunta defendeu o maxistrado ao entender que o suposto "vicio de parcialidade" que se lle atribuía non se daba porque "a sentenza é correcta en dereito canto ao fondo"
Con todo, o Supremo di que a sentenza emitida por Villares e outros dous maxistrados non ten "signos manifestos que permitan erguer, por si sós, sospeitas sobre a ausencia de parcialidade" e advirte que a recusación dun xuíz debe facerse en tempo en forma e non como fixo a concesionaria. Pero aínda así, considera que hai "unha dúbida razoable sobre o coñecemento da sociedade concesionaria das causas de recusación", polo que ditamina que "a nulidade dunha sentenza por lesión do dereito a un xuíz imparcial" pode demandarse aínda que ese xuíz non fose recusado previamente.
Sinalado por PP e Xunta
O caso é que a participación no ditame de Villares, que se abstivo e afastou de varios casos durante a súa carreira pola súa posible relación coa súa actividade política anterior, foi defendida pola propia Xunta. Como explica a sentenza, "a parte recorrida [o Goberno galego] entende que o vicio de parcialidade non se dá" neste caso, "pois a sentenza é correcta en dereito en canto ao fondo".
Todo cando desde o PP e o propio Goberno galego sinalouse moitas veces a Luís Villares por ser maxistrado do TSXG ao que empresas e Executivo autonómico culpan dunha "parálise" no sector eólico que atribúen ás numerosas sentenzas en contra do desenvolvemento de proxectos por parte do Tribunal Superior.
Neste último caso, o Supremo entende, no entanto, que "dado o que o dereito a un xuíz imparcial ten por obxecto garantir que os xuíces que interveñan na resolución dunha causa se acheguen a esta sen prevencións nin prexuízos no seu ánimo, derivados dunha relación ou contacto previos co obxecto do proceso", resulta "evidente que a participación do maxistrado Villares Naveira na Sala que ditou o procedemento contencioso-administrativo, onde foi relator da sentenza recorrida en casación, menoscaba aquel dereito fundamental".