Alonso Montero: "Na RAG non hai que cambiar nada, só traballar con máis intelixencia"

Xesús Alonso Montero © Xerais

"As cousas van polo bo camiño", aseguraba Xesús Alonso Montero sobre as posibilidades de que a súa candidatura e a de Manuel González acadasen un acordo para presentar unha lista unitaria no plenario do vindeiro sábado. No entanto, o rexeitamento de González á súa proposta volve deixar as cousas como estaban, polo que os académicos terán que elixir entre as dúas alternativas para a presidencia da Real Academia Galega (RAG). Alonso Montero semella contar con máis apoios, pero nada está decidido aínda. "Se gaño, eu só serei o coordinador dun equipo", di o escritor vigués.

Ten a súa candidatura máis apoios entre o plenario?

Temos a idea de que é a candidatura que ten máis posibilidades, pero así eu estou xogando a ser profeta, porque non teño ningunha bóla máxica que me diga que vaia ter máis votos, pero que parece que é así.

Manuel González afirmou que vostede lle asegurara que era moi difícil que se presentase e que por iso el anunciou a súa candidatura.

Supoño que nese momento non estivo afortunado na expresión porque eu non anunciei nin deixei de anunciar. El, pouco despois do plenario onde se confirmou a dimisión de Ferrín, anunciou a súa candidatura. Pasaron oito ou dez días e eu estaba a anos luz de pensar que ía rematar a miña vida como presidente da Academia, pero viñeron a Vigo en dúas ocasións un número elevado de académicos e académicas a convencerme.

"Se triunfa a miña candidatura, só serei o coordinador dun equipo e quizais non a persoa máis laboriosa"

Como o convenceron?

Pensaron que para que a institución funcionase como debería funcionar había que facer un equipo en torno ao meu nome. E non porque o meu nome vaia ser decisivo, nin moito menos, senón porque son máis vello, teño máis bibliografía e se cadra algo máis de nome. Esa é a razón pola que administrativamente estou no nivel máis alto, pero se de verdade triunfa a nosa candidatura, eu só serei un coordinador dun equipo directivo e quizais non a persoa máis laboriosa.

En que sentido?

Xa lle dixen que teño 84 anos e medio, vivo en Vigo e ir á Coruña dúas ou tres veces á semana como norma implica un traballo grande, a parte de que eu renuncio a unha cousa fundamental na miña vida. Teño cinco libros a punto de finalizar, tampouco vou vivir 400 anos e se cadra vou morrer sen finalizalos. Renuncio a cousas particulares moi lexítimas e importantes para min en nome do que, pedantemente, podemos chamar o ben común.

Di que foron moitos os académicos que lle pediron que se presentase, ten a elección case segura?

Se o académico A ou B me di que vai optar pola nosa candidatura, eu non estou na capacidade de saber se finalmente é así, pero... Se cadra fan unha reconsideración e terminan cambiando o voto, pero non nos enganemos: todos facemos a nosa estimación e aquí son fabas contadas. Son 27 votos e coñecémonos todos. Ademais, das declaracións de Manuel González en rolda de prensa tamén se desprendía que contaba cun determinado número de apoios ao principio que agora xa son menos ou bastante menos.

"Á RAG non lle fai falta un cambio de rumbo, senón que faga aquilo á que está encomendada polos estatutos"

Tamén dixo Manuel González que na Academia non facía falta un cambio de rumbo.

Un cambio de rumbo non. Eu sempre digo que a RAG ten que facer aquilo á que está encomendada polos estatutos e o que está perfectamente formulado nos estautos, que son o seu progarma. A Academia é a única que ten facultades por lei de establecer a norma culta do galego, crear uns criterios para modificar o idoma e, en todo caso, crear uns instrumentos para que a norma culta e o código sexan establecidos dunha maneira intelixente. Estes instrumentos son unha gramática oficial, que está a piques de ser finalizada, un diccionario que está na web pero que ten que recibir determinados retoques e, á marxe, determinados estudos sociolignüisticos que nos permitan ter máis finura nos criterios para ver o que no idioma é culto, coloquial ou non coloquial, formal ou menos formal. Na medida na que a RAG estea nestes obxectivos, a Academia estará cumprindo.

O seu rival di non comprender que vostede non presente un programa e di avogar pola "transparencia".

Aquí non hai programas, o noso programa ten que ser un programa de actuación filolóxica. O da transparencia xa se presupón e é obvio que a Academia ten que ser honrada e transparente. Se depende dos fondos públicos, ten que dar conta deses fondos e ser transparente, pero iso non ten que ver nada co programa, diso xa nin se debería falar. Excusatio non petita... como se dicía no Dereito Romano. Precisamente, na anterior lexislatura parece que se cometeron certas irregularidades e agora, polo que vexo, todo o mundo está disposto a que non se comentan e iso é bo, pero iso non ten nada que ver co programa da Academia.

Daquela, que habería que cambiar na RAG?

Non habería que cambiar nada. O que hai é que cada vez traballar máis, e isto non quere dicir que se traballase pouco. Traballar con máis intelixencia e máis sentido do compromiso, sabendo que somos os custodios dun ben espiritiual que se chama a lingua galega.

"As accións xudiciais inciadas pola RAG contra o decreto continuarán; a Academia tamén naceu para evitar atentados contra a lingua"

Esa custodia inclúe manter o recurso contra o decreto do plurilingüismo ante o Supremo?

Eu tamén teño manifestado que si. As accións iniciadas pola RAG continuaranse mentres procedan e mentres haxa motivos para ir adiante con esa acción legal.

Estaría disposto a chegar a instancias europeas, como di Manuel González?

Eu creo que nós a quen nos debemos é á conservación, promoción, difusión e dignificación da lingua. Calquera medida neste momento político, ou noutro, que atente contra a dignidade e as posibilidades do idioma é viable. A RAG veu ao mundo entre outras cousas para evitar os atentados contra a dignidade da lingua.

 

Xesús Alonso Montero © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.