Esta semana o pleno do Senado aprobou definitivamente a nova Lei de Memoria Democrática por 128 votos a prol, 113 en contra e 18 abstencións. O texto aprobado non mudou o remitido dende o Congreso e por iso a norma recibiu luz verde definitiva, sen ter que regresar á Cámara Baixa. Iso implicou que fosen rexeitadas todas as emendas formuladas polos grupos parlamentarios.
Como é sabido, entre os diversos preceptos da norma inclúese a supresión de ata 33 títulos nobiliarios creados pola ditadura para condecorar os seus afíns, "recoñecementos, honras e distincións" que "resultan manifestamente incompatibles cos valores democráticos", di a lei, e que enaltecen os golpistas ou premian ser parte do aparello de represión da ditadura. Entre eles figuran cando menos tres ligados con Galicia: o condado de Fenosa, o señorío de Meirás, actualmente ostentado por un neto de Franco, ou o marquesado de Suanzes, que honrou un ministro ferrolán do ditador.
Como informou o pasado xoves elDiario.es, unha das emendas rexeitadas na tramitación parlamentaria da norma tanto no Congreso como no Senado pedía borrar da lei precisamente o artigo que cita os títulos nobiliarios e honras da ditadura que fican suprimidos, o 41. En ambos casos estaba asinada polo PP, que a mantivo viva ata o final do proceso.
Os populares, tanto con Casado como con Feijóo, emendaron a Lei de Memoria Democrática para, entre outros aspectos, pedir a supresión do artigo que anula os títulos nobiliarios concedidos pola ditadura
Cando a lei se estaba a tramitar no Congreso, o Grupo Popular formulou por primeira vez esta emenda presentada com "mellora técnica". Así ficou reflectido no Boletín Oficial das Cortes en decembro do ano pasado, aínda con Pablo Casado como líder dos conservadores.
O texto chegou oficialmente ao Senado o pasado xullo, cando o ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa fora proclamado líder do partido e senador en representación do Parlamento de Galicia. Ata o mes de setembro estivo aberto o prazo de emendas e o Grupo Popular rexistrou 101, esta entre elas, que se votou por última vez no pleno desta semana agrupada con outras cinco.
No caso dos senadores por designación do Parlamento galego, Feijóo votou a prol e o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, en contra, mentres que na base de datos non consta que votase o tamén Miguel Tellado. No que atinxe aos senadores e senadoras electos polas circunscricións galegas, votaron "si" os do PP e non, os do PSdeG.
O ex-presidente votou a prol da emenda como senador por designación do Parlamento, igual que os senadores populares electos polas circunscricións galegas, mentres que os do PSdeG votaron en contra e apoiaron a lei
Deste xeito, malia á emenda popular quedan cancelados os títulos nobiliarios coma o do conde de Fenosa, que o ditador creou en 1955 para Pedro Barrié de la Maza para recoñecer "a súa intelixente laboriosidade, a súa constante iniciativa creadora de riqueza, desenvolvida principalmente na rexión galega, e pola súa xenerosidade, impregnada de sentimento cristián". A denominación provén do acrónimo dunha das empresas fundadas en 1943 por Barrié, Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A. (Fenosa). A compañía foi resultado da fusión forzada da Fábrica de Gas y Electricidad, que Barrié tiña na Coruña, con Electra Popular Coruñesa, do empresario e político José Miñones, fusilado polos fascistas a finais de 1936 logo de que lle expropiasen todas as súas compañías e que esta última fose cedida ao empresario de afinidade franquista.
O título de conde de Fenosa foi ostentado por Barrié de la Maza ata o seu falecemento, en 1971, para despois ser sucedido pola súa segunda muller, Carmela Arias y Díaz de Rábago, en virtude dun Real Decreto de 2001. Carmela Arias faleceu en 2009 e dende 2011 sucedeuna no título o seu sobriño paterno José María Arias Mosquera, tamén presidente da Fundación Barrié e máximo dirixente do desaparecido Banco Pastor entre 2001 e 2017, así como do Consello Social da USC entre 2014 e 2018.