Hai 80 anos, en 1942, a Irmandade Galega de Buenos Aires instauraba o 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir. Nese mesmo día, pero de 1936, ás 5:15 da madrugada, Alexandre Bóveda dirixíase así ao seu irmán: "Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname". Poucas horas despois sería asasinado polos franquistas, que catro días antes escenificaran a súa disposición a fusilalo no que presentaron como un xuízo por traizón. A data do asasinato do político e economista galeguista é conmemorada cada ano e serve non só para lembrar a figura do político galeguista, senón a de todas as persoas que sufriron a represión franquista en Galicia.
Malia os intentos por institucionalizar e oficializar este 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, o PP desmarcouse no Parlamento o pasado novembro dun pacto que incluíu a homenaxe a Bóveda pero non estoutra petición. Todo malia que que nos últimos anos a data foi asumida por institucións diversas, mesmo algunhas gobernadas polos propios populares, caso do Concello de Cerdedo-Cotobade ou da Deputación de Ourense. Neste ano, e por primeira vez, a propia Xunta acudiu á homenaxe ao ilustre galeguista.
O PP rexeitou no Parlamento oficializar o Día da Galiza Mártir malia que cargos seus acoden aos actos e institucións gobernadas polo partido asumen a data
Porque, a falta dun acto oficial do Goberno galego, a xornada segue a ter o seu epicentro institucional na homenaxe organizada pola Fundación Alexandre Bóveda (FAB) e polo Concello de Poio na Caeira, perante o monumento que lembra onde foi asasinado o político galeguista, así como logo no cemiterio de Santo Amaro, onde repousan os seus restos.
Ese foi o epicentro tamén neste 2022 dun Día da Galiza Mártir que, no entanto, vai espallando os seus actos a outras localidades, como destaca a FAB, que amosa a súa satisfacción pola cada vez maior "extensión" e "institucionalización" dunha xornada que xa conta en numerosos casos "coa participación de todas as forzas políticas".
A Fundación Alexandre Bóveda celebra a "extensión" e "institucionalización" dunha xornada que xa conta en numerosos casos "coa participación de todas as forzas"
De feito, o acto da mañá contou con numerosos representantes do PP, tanto da organización local de Poio, como a de Pontevedra ou do PPdeG. Á tarde, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu en representación da Xunta á homenaxe no cemiterio. "Agradecemos e destacamos a súa presenza", recoñecía a FAB xa antes da súa presenza.
Pola mañá, na Caeira, a Fundación recuperou este ano a entrega do Premio Galiza Mártir, que recaeu nos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro Meirás: un Pazo, un caudillo, un espolio e figuras clave na recuperación para o público do Pazo sadense. O galardón foi entregado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, e mais por Amalia Bóveda, filla do histórico galeguista.
Foi Amalia, precisamente, quen nun emotivo discurso quixo destacar os valores de seu pai "e de tantos e tantas mártires, que loitaron por construír unha sociedade baseada nos dereitos de todos e todas" . Antes, representantes da Fundación gabaron a "valentía" e "peso intelectual" de Alexandre Bóveda, condicións que fixeron "posible o galeguismo e o Estatuto de Autonomía". "É tempo de reivindicar, non de celebrar", engadiu Marga Caldas, edil do BNG e concelleira de Memoria Histórica en Poio.
Ao acto, no que tamén participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ou representantes da Fundación Castelao, acudiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. A líder nacionalista reivindicou a necesidade de “manter vivo hoxe máis que nunca o legado de Alexandre Bóveda” e as súas “ideas avanzadas” para defender “un novo modelo de financiamento para Galiza que nos permita ter as chaves dos nosos cartos”.
Pontón tamén destacou que co Día da Galiza Mártir preténdese "lembrar a través da figura exemplar de Bóveda a todas as persoas que foron asasinadas nese dramático 36 e nos anos posteriores por defender as súas ideas e o seu amor por Galiza”.
"O BNG, a obra coa que soñou Bóveda"
A líder nacionalista cre que “hoxe é máis necesario que nunca manter viva esa memoria e ese legado” e asegurou que “o BNG actualizado non deixa de ser a obra coa que soñou Bóveda, ese partido galeguista do século XXI que el empezou nun momento histórico tan ilusionante e que hoxe se mantén vivo”.
Por outra banda, en Lugo, Concello e Deputación renderon tamén homenaxe "a todas as persoas represaliadas polo franquismo". No Vello Cárcere, Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, destacou o compromiso do goberno lucense para "continuar a manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais" leu o manifesto elaborado pola Fundación Alexandre Bóveda para a xornada.