En decembro de 2006, durante o mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, o Parlamento aprobou unha iniciativa do Bloque que, entre outros aspectos, acordaba realizar "un recoñecemento especial da figura de Alexandre Bóveda" tanto para divulgar os "valores éticos e políticos" que "encarnaron" e e "os demais compatriotas asasinados e represaliados polo franquismo" como para relatar a súa "notable participación no impulso e na elaboración do Estatuto de 1936".
O primeiro acordo parlamentario para homenaxear a Bóveda data de 2006, pero nunca foi cumprido
O PP abstivérase nalgúns puntos daquela iniciativa -como os relativos a anular os xuízos políticos realizados polas autoproclamadas como autoridades tras o golpe do 36 ou á reparación económica das vítimas-, pero votara a prol da homenaxe a Bóveda. O acordo foi, daquela, unánime neste aspecto. Pero nunca chegou a cumprirse.
Neste novembro de 2021, case década e media despois daquel acordo, o Parlamento vén de tecer un novo acordo ao respecto. Outra volta por unanimidade e outra volta mediante a aprobación con modificacións dunha iniciativa formulada polo Bloque, o lexislativo vén de pactar a celebración dunha homenaxe a Alexandre Bóveda tanto na súa condición de vítima do franquismo como pola súa contribución clave ao impulso do Estatuto do 36.
O PP accedeu a que o Parlamento, como propuña o BNG, homenaxee as vítimas da ditadura en xeral e a Bóveda en particular, pero rexeita institucionalizar o Día da Galiza Mártir malia ser unha data que xa conmemoran algunhas institucións gobernadas polos populares
O PP tamén accedeu a que se organice unha homenaxe ás vítimas galegas da ditadura. Pero desmarcouse da outra parte da petición: institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, data na que cada ano se rememora o asasinato de Bóveda e que nos últimos anos foi asumida por institucións diversas, mesmo algunhas gobernadas polos propios populares, caso do Concello de Cerdedo-Cotobade ou da Deputación de Ourense.
Sinala o autor da iniciativa por parte do Bloque, Luís Bará, que "en aras do acordo, deixaremos para outro momento do que queda de lexislatura" o intento de institucionalizar o Día da Galiza Mártir e "se non, farémolo máis adiante dende o Goberno", mantén. Pregúntase o deputado, non obstante, "que falta para que o PP galego acabe de superar esta cuestión e asuma a importancia de celebrar esta data", máis aínda "cando xa deron ese paso o PP de Pontevedra, o de Poio ou o da deputación de Ourense.
Salienta ademais Bará que é "a propia Fundación Alexandre Bóveda a que defende a necesidade de que sexa unha conmemoración compartida por todos os grupos". Máis aínda porque "se leva celebrando de maneira para oficial dende que a instaurou a Irmandade Galega de Bos Aires en 1942".
O acordo chega mentres o líder do PP, Pablo Casado, asegura que derrogará as leis da memoria histórica e da memoria democrática se chega a gobernar en España por considerar que só serven para deitar "rancor sobre a sociedade" e promove unha "sectaria reescritura da historia"
O PP, pola súa banda, mantén a través do seu deputado Alberto Pazos que Bóveda "é merecente do recoñecemento unánime do conxunto da sociedade galega tanto polo seu compromiso na defensa dos intereses de Galicia" como pola "heroica xenerosidade de quen, nas vésperas do seu asasinato, solicitaba dos seus achegados o perdón para os seus verdugos". Non obstante, di considerar que "algunhas formacións políticas non toleran a discrepancia" mentres que o PP de Galicia "está a favor dunha memoria democrática integradora" e "que fomente o peche das feridas do pasado".
O acordo chega, ademais, mentres a dirección central do PP segue defendendo que, se logra retornar ao Goberno de España, derrogará a lei da memoria histórica e tamén a lei de memoria democrática que actualmente está a ser tramitada. Segundo o seu presidente, Pablo Casado, esta lexislación é "irresponsable e innecesaria" e promove unha "sectaria reescritura da historia" que só serve para deitar "rancor sobre a sociedade". Por iso, anunciou, se chega a gobernar vaina substituír polo que denomina como "lei de concordia".