Na mañá do 17 de agosto de 1936 Alexandre Bóveda foi executado na Caeira (Poio) polos franquistas. Foi un máis dos 5.000 asasinatos que se calcula que cometeron en Galicia entre 1936 e 1939 os impulsores do golpe de Estado, segundo os datos de Nomes e Voces. Porén, o simbolismo da morte do político galeguista converteu esa data do Día da Galiza Mártir, unha xornada na que dende hai anos se vén lembrando a todas as vítimas do Franquismo no noso país.
O franquismo asasinou a 5.000 persoas en Galicia entre 1936 e 1939
A conmemoración do día da Galiza Mártir foi instaurada en agosto de 1942 en Buenos Aires pola Galicia do exilio. E todos os anos celébrase un acto institucional e cívico en Poio, diante do monumento á Galiza Mártir, organizado polo Concello de Poio e a Fundación Alexandre Bóveda.
Neste senso, o BNG vén de rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei para Institucionalizar a nivel galego o 17 de agosto como "Día da Galiza Mártir" para honrar a Alexandre Bóveda e a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo no país. Na súa proposta o grupo nacionalista reclama organizar anualmente un acto institucional e crear os Premios da “Galiza Mártir” co obxecto de recoñecer a entidades e persoas con unha traxectoria destacada na recuperación da memoria histórica democrática galega. Solicita así mesmo desenvolver anualmente un programa de actividades para dar a coñecer a vida e a obra de Alexandre Bóveda.
“Ignorar esta data supón un desprezo absoluto a Alexandre Bóveda e a todo o que simboliza”, di Luís Bará
O BNG pide tamén que o Estado promova as iniciativas necesarias para a rehabilitación de Alexandre Bóveda e a anulación da sentenza que o condenou a morte. E, igualmente, a anulación de todas as sentenzas, expedientes e sancións ditadas durante a Ditadura contra cidadáns e cidadás galegos por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas, de raza ou diversidade sexual.
Luís Bará, deputado do BNG, sinala que “a súa figura e a súa obra deben ser obxecto de recoñecemento, de gratitude e de homenaxe polas institucións galegas, especialmente pola Xunta e polo Parlamento” xa que "está fóra de toda dúbida a achega imprescindíbel da súa xeración, e nomeadamente de Alexandre Bóveda, á causa do autogoberno de Galiza e á aprobación do Estatuto de 1936". “Ignorar esta data supón un desprezo absoluto a Alexandre Bóveda e a todo o que simboliza”, engade Bará.
Dende hai anos son moitas as iniciativas políticas que traballan por unha reparación oficial da figura de Bóveda e tamén pola institucionalización desta data como unha xornadas de homenaxe e recordo a todas as persoas asasinadas polos golpistas e ás perseguidas pola ditadura posterior. En 2013, a Fundación Alexandre Bóveda iniciou unha campaña neste sentido que se concretou na presentación dunha Proposición non de lei a través da Comisión de Peticións do parlamento galego.
Existe un acordo aprobado no Parlamento galego o 26 de decembro de 2006 encamiñado ao recoñecemento da figura de Alexandre Bóveda
De feito, existe un acordo aprobado no Parlamento galego o 26 de decembro de 2006 encamiñado ao recoñecemento da figura de Alexandre Bóveda pola súa participación na elaboración e aprobación do Estatuto de 1936. O acordo incluía a promoción de iniciativas para dar a coñecer e divulgar na sociedade galega os valores éticos e políticos encarnados por Alexandre Bóveda e polos demais compatriotas asasinados e represaliados polo franquismo. E tamén o inicio de xestións perante o Goberno central para a rehabilitación xurídica, persoal e moral de Alexandre Bóveda e a de todas as persoas que foron asasinadas e represaliadas por defenderen a legalidade democrática.
De igual xeito, hai dous anos En Marea pediu no Congreso a anulación do consello de guerra de Alexandre Bóveda, solicitando ademais que se declarase a ilexitimidade das condenas e das sancións ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza na ditadura franquista, anulando todos os consellos de guerra e sentenzas condenatorias.
Tamén institucións coma o Concello de Poio, o Concello de Pontevedra e a propia Deputación de Ourense aprobaron acordos plenarios demandando a oficialización da data e a organización de actos encamiñados á rehabilitación pública e política de Alexandre Bóveda e de todas as vítimas galegas da Ditadura franquista. A pesar de que o PP apoiou na Deputación de Ourense estas propostas, a formación a nivel galego e estatal segue a renegar da memoria histórica e da reparación ás vítimas.