A familia Franco xa non é benvida no Concello de Sada, logo de que a corporación municipal aprobase o pasado sábado en pleno extraordinario declarar persoas non grata aos descendentes do ditador, propietarios do Pazo de Meirás. O anuncio de que a Fundación Francisco Franco xestiona o BIC, a confirmación de que empregará este labor para facer apoloxía da ditadura e a posición morna da Xunta xa mobilizara entidades civís e pola memoria e varias administracións públicas. Co paso dos días, a maquinaria legal e política faise máis grande. E a entidade franquista responde con provocación.
O BNG pídelle ao Parlamento que a declaración da familia Franco como non grata en Sada se amplíe ao conxunto de Galicia
O BNG presentou este luns unha declaración institucional e unha proposición non de lei na que pide aumentar esa declaración de non grata ao conxunto de Galicia e que se inclúa nela a Fundación, da que tamén pide a súa ilegalización. Reclámallo ao Parlamento e á Xunta, para que se posicionen no conflito de Meirás solicitando a súa "devolución" ao patrimonio público. O PSdeG, pola súa banda, asegura que valorará a proposta do Bloque cando estea por escrito, tendo sempre en conta a posición do seu partido en Sada, pero aclara que non se entende "cal é a posición do PP", que se abstivo na votación da corporación da localidade e que non semella disposto a ir máis aló das súas advertencias de vixilancia reclamacións de mesura á familia Franco.
En Marea solicitará á Cámara o seu "total apoio" ás medidas aprobadas pola corporación de Sada
En Marea, pola súa banda, pedirá no Parlamento o "total apoio da Cámara" ás iniciativas aprobadas o pasado sábado polo Concello de Sada, co que pretende que "se pronuncie sobre unha das maiores vergoñas do espolio franquista e de falta de respecto coa memoria das vítimas da ditadura".
Nun novo comunicado, a Fundación Francisco Franco rebélase contra as peticións de ilegalización e as duras críticas insistindo en que "Franco non fusilou a ninguén nin ditou condena a morte ningunha" e advertindo que entre as súas funcións está a defensa das vítimas da Fronte Popular e a reclamación de que houbo "un xenocidio de católicos durante a guerra civil.
A Fundación Franco responde ás peticións de ilegalización dicindo que "Franco non fusilou a ninguén" e que debe defender "as vítimas da Fronte Popular"
A entidade chegou a comparar a Franco con Manuel Azaña e reiterou que as sentenzas de morte ditábaas "a Xustiza". Ademais, asegura que o ditador "ofreceu aos caídos da Fronte Popular a maior dignidade que estaba na súa man", a de "durmir o soño entero baixo a Cruz do Valle de los Caídos". A Fundación di manter unha "actitude de reconciliación e respecto" e que cumpre "unha función capital" ao "defender a media España vítima da Fronte Popular", o que non atribúe á "dereita covarde".
Para esta institución fascista, aqueles que queren ilegalizala son "os mesmos que perseguen ou tiran pedras a un autobús". Así, di que defender a Fundación é "unha obriga cívica" para recoñecer "as vítimas causadas pola Fronte Popular".
A Fundación Francisco Franco responde a todo un conxunto de iniciativas políticas e sociais contra a xestión que leva do Pazo de Meirás. No pleno deste pasado sábado en Sada, os votos a favor de Sadamaioría, BNG e PSdeG permitiron que o Concello expresase a "vontade corporativa contraria ao proceder da familia Franco" e "como expresión simbólica de rexeitamento" dese proceder optaron declarala "non grata" no municipio. O PP abstívose mentres que o Partido Demócrata Sada Popular, liderado polo ex-alcalde Ramón Rodríguez Ares que lucía no seu despacho unha foto do ditador, votou en contra.
Ademais, nunhas declaracións en El Mundo, a filla do ditador, Carmen Franco, cre que coa declaración de persoas "non gratas" para a familia Franco "o que queren é facer dano". "Fixérono tamén con Rajoy, que foi declarado 'non grato' na súa propia vila, son así", asegura desde o propio Pazo de Meirás.
Sadamaioría, BNG e PSdeG votaron a favor de declarar "non grata" a familia e pedir a devolución do Pazo, coa abstención do PP e o voto en contra de PDSP
Ademais, nun pleno especial, emotivo e con caraveis vermellos repartidos entre os asistentes, o pleno cordou "rexeitar a xestión por parte da Fundación Francisco Franco do programa de visitas ao Pazo de Meirás" e apoiar a demanda do Concello de que sexa esta administración "quen as xestione", así como "condenar" as declaracións da entidade e do seu portavoz, que consideran "apoloxía do franquismo".
Ao tempo, o Concello insta á "modificación da Lei de Fundacións con obxecto de impedir a legalidade de fundacións que fagan apoloxía do franquismo" e pide "realizar un estudo arredor do espolio e a apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco e sobre o proceso para posibilitar a súa devolución e incorporación ao patrimonio público". Ademais, o acordo plenario reclama " aprobación dunha Lei Galega da Memoria Histórica galega que "impida o enxalzamento dos protagonistas da represión e inclúa as correspondentes disposicións relativas ao inmoble e á sua posta en valor asociado á recuperación da memoria histórica".
O municipio sadense pide tamén a ilegalización da Fundación Franco ou unha Lei Galega da Memoria
Alén disto, e tal e como acordaran outros municipios, entidades civís, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) ou a Deputación da Coruña, acordouse constituír a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás para o patrimonio público coa participación de institucións, asociacións, organizacións políticas, sociais, sindicais e fundacións co fin de "poñer fin á posesión da propiedade pola familia Franco e a súa incorporación ao patrimonio público" e de convidar o Goberno galego a que se una desde o inicio.
No pleno, o portavoz do PP e ex-alcalde, Ernesto Anido, xustificou a abstención do seu grupo no feito de que, ao seu ver, existen outras prioridades maís aló da convocatoria extraordinaria en pleno agosto e advertiu que outros bens culturais como a Terraza non é igual de atendido. Outro ex-rexedor, Ramón Rodríguez Ares, asegurou que o Pazo de Meirás "nunca foi expropiado nin confiscado" e aludiu ao "importante gasto" que para o Concello suporía a xestión das visitas.
Mentres, este mesmo luns, o PSdeG lembrou que foi a primeira formación en "solicitar" que se puidese visitar o inmoble e reiterou que o Pazo foi "usurpado" aos veciños polo ditador e os seus familiares.