"En el pueblo de Acebo/ pueblo de pocos amigos/ donde matan a los hombres/ después de tantos martirios (...) Como ya están enterados/ en ese pueblo de Acebo/ mataron a dieciséis/ y el comandante Moreno (...) El comandante Moreno/ hombre honrado y valiente/ en los montes del Acebo/ ahí le disteis la muerte/ Falanges de Fonsagrada/ no podréis subir al cielo/ porque allí esta de portero/ el comandante Moreno". Durante décadas os veciños e veciñas das comarcas próximas á Fonsagrada cantaron o coñecido como "Romance do Comandante Moreno", que relataba as torturas e o asasinato sufridos polo Comandante Moreno e os restantes integrantes do Batallón Galicia, que el lideraba. As estrofas da canción (interpretada no vídeo por Severiana Murias) e a memoria de moitas persoas do lugar guiaron no verán de 2007 o equipo de arqueólogos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), dirixido por Javier Ortiz, ata dúas foxas comúns situadas no lugar do Acevo, onde apareceron os corpos de 12 homes. Comprobouse tamén, mediante documentos e testemuñas, que dous máis dos milicianos foron asasinados no cemiterio da Fonsagrada.
O 30 de setembro a ARMH celebrará na Fonsagrada unha homenaxe poético-musical para lembrar o 80º aniversario dos asasinatos e o décimo da exhumación dos corpos
O vindeiro sábado 30 de setembro a ARMH celebrará na Fonsagrada unha homenaxe poético-musical para lembrar o 80º aniversario dos asasinatos (que tiveron lugar a finais de outubro de 1937 e comezos de novembro) e o décimo da exhumación dos corpos, finalmente soterrados a finais de outubro do ano 2009 no cemiterio da vila, unha vez identificados. Entre eles estaba o propio Comandante Moreno, José Moreno Torres, e tamén Luis Rafael Villar Sánchez, Maximino Martínez Fernández, Odilo Masid Masid, Jaime Machicado Llorente, Manuel Bugallo Lois, Manuel Ramos Escariz, Jesús Martínez Castro e Emilio Novás Naya.
Levarase a cabo un acto no Acevo pola mañá, coa intervención de poetas e no que tamén participarán familiares dos asasinados ademais de veciños e veciñas da zona, con algunha peza musical. Xa pola tarde realizarase unha ofrenda floral no cemiterio, onde están soterrados. E, para rematar, un novo acto poético-musical, desta volta na propia vila da Fonsagrada.
Carmen García Rodeja (ARMH) lembra a importancia da exhumación da que se celebran agora os dez anos: "Para os veciños foi unha emoción enorme, porque era un suceso moi escuro que sempre tiveran aí, que lles pesaba. Durante toda a súa vida souberan que alí había unha foxa na que foran tirados os corpos dunhas persoas descoñecidas". "Sabíase, iso si, que un deles era o Comandante Moreno, porque no tempo pervivira un romance que se transmitira de xeración en xeración. Unha canción que relataba o sucedido, que era un acto de memoria histórica e de xustiza poética", salienta.
"Para os veciños foi unha emoción enorme, porque era un suceso moi escuro que sempre tiveran aí, que lles pesaba"
"Os milicianos refuxiábanse alí nunha casa, porque aquel era un cruce de camiños e alí os mataron. A xente quedou moi impactada, moi conmocionada polo sucedido, porque foi algo moi brutal. A xente mesmo observara como torturaban o Comandante Moreno, como o deixaran colgado para que a xente o vise e se asustase", di. "Os veciños da zona atopáronos alí, cubertos de sangue, e tiveron que enterralos eles mesmos. Houbo mesmo nenos que participaron no enterramento, persoas que aínda no 2007 estaban vivos e que nos puideron indicar onde estaba a foxa", explica. "Por iso foi tan emocionante. Os veciños e veciñas do lugar colaboraron enormemente co proceso, mesmo coñeceron as familias dos asasinados", lembra.
García Rodeja subliña igualmente o impacto social que a exhumación tivo en toda Galicia e toda España: "O proceso tivo un grande impacto mediático, porque eran moitos corpos e tamén pola significación do propio Comandante Moreno". "Tamén era verdade que era un momento -o 2007- no que en Galicia había unha gran cobertura para estes temas, mesmo na TVG". di. "Houbo un momento, durante o Goberno de Zapatero, no que tivemos máis apoio para poder levar a cabo procesos coma este, pero sempre tivemos dificultades. Mesmo nese momento a xuíza de Vegadeo ameazáranos con enviar a Garda Civil para deter a exhumación", comenta. "Naquel tempo tiñamos tamén algunha axuda económica da administración e agora dependemos exclusivamente as achegas dos socios e socias e do traballo voluntario. Pero o feito de non ter axudas non impide que sigamos traballando", engade.
"Debe haber unha reparación para todas as persoas que sufriron tanto, ás que lle mataron un familiar, que foron secuestrados e asasinados E que tiveron que vivir toda a vida con esa lousa. Necesitan unha reparación moral, e ademais unha reparación xudicial e económica, pero hai que comezar por esa reparación moral", di. "A maior parte dos asasinos xa morreron, ademais, xente que sobre todo seguían ordes ditadas polas novas autoridades. Non eran vinganzas persoais nin arroutadas. Eran grupos paramilitares ou directamente a Garda Civil", subliña. "Se queremos unha verdadeira sociedade democrática, temos que responder ao sufrimento destas persoas", conclúe.
O Batallón Galicia
Unha vez que o exército franquista se fixo co control de Galicia, moitos militantes de esquerda saíron cara á zona aínda controlada polos republicanos. En Asturias crearon o Batallón 19 “Galicia”, sendo maioría os afiliados á CNT e ao Partido Comunista. Entre eles había un grupo de 23 homes que en xaneiro de 1937 escapar dende a zona das Xubias no barco La Libertaria, encabezados polo dirixente anarquista José Moreno Torres, que unha vez en Asturias acadou o grao de comandante.
"Durante o Goberno de Zapatero tivemos máis apoio, pero sempre tivemos dificultades. Mesmo nese momento a xuíza de Vegadeo ameazáranos con enviar a Garda Civil para deter a exhumación"
Tras loitar nas frontes de Oviedo, Biscaia e Santander, o batallón comezou a loitar nas montañas de León, onde participaría en sanguentas batallas que remataron o 20 de outubro de 1937 no porto de San Isidro, onde lles chegaron as primeiras noticias do final da guerra no norte. Así, a caída de Asturias en mans dos fascistas obrigouno a fuxir novamente para salvar a vida. Un grupo tentou volver a Galicia pola zona da Fonsagrada, pensando se cadra en atopar un barco na Coruña que lles permitise escapar. No porto do Acevo foron sorprendidos por falanxistas locais, cos que tiveron un enfrontamento, no que morreu un dos dereitistas. José Moreno e outros compoñentes do Batallón conseguiron fuxir, pero o resto dos milicianos foron asasinados. Pouco despois Moreno foi capturado e despois de torturas correu a mesma sorte. Dous milicianos máis foron despois fusilados na Fonsagrada.