Se vas pola rúa en Barakaldo, de cada dez persoas que cruces unha (ou máis) é galega. Iso di a estatística sobre esta vila industrial da marxe esquerda da ría de Nervión, no gran Bilbao. Case 12.000 persoas nacidas no país viven nunha urbe onde este pasado sábado un grupo de gaitas e de baile tradicional protagonizou a previa do encontro de fútbol de Primeira Federación entre o equipo local e o Lugo, no campo de Lasesarre.
O Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo vén de iniciar as celebracións polo seu 125º aniversario
Foi na homenaxe do club e da afección local ao Centro Galego de Bizkaia, con sede en Barakaldo, o máis antigo de Europa e o segundo máis vello do mundo, só por tras do do Uruguai e máis vello que o máis importante da Arxentina, inaugurado antes pero desaparecido e refundado en 1907.
A actuación no estadio foi a primeira das celebracións que a entidade biscaíña ten programadas este ano polo seu 125º aniversario e que continuaron o domingo cun festival de folclore. Seguirán con numerosos actos polo Día das Letras Galegas, coas Festas de Santiago, co Día da Patria ou cun Magosto xa no outono.
"É dunha enorme responsabilidade organizar os actos por este aniversario nun centro con tanta historia", di Urbano Alba, galego de Agolada e presidente da entidade. "Pensamos moito as cousas antes de facelas, dámoslles moitas voltas para que todo saia o mellor posible", engade sobre unha programación á que hai que unir as actividades culturais, de lecer e de formación que se desenvolven cada día.
O centro naceu en 1901 para acoller e axudar os milleiros de galegos que ían traballar a Euskadi desde finais do século XIX
Así desde 1901. Aquel ano, nun día de San Xoán, varias persoas chegadas de Galicia fundaron o centro para acoller, axudar e servir de punto de encontro aos milleiros de paisanos que acudían a traballar atraídos polo auxe da primeira grande industrialización vasca, iniciada tras o final da última Guerra Carlista en 1876 e ata os primeiros anos do século pasado.
"Asistencia e solidariedade"
"Nos seus inicios, o centro era o sitio onde se recollía a xente que viña de Galicia; buscábaselles vivenda e traballo e tiña un labor fundamental social, de asistencia e solidariedade... O fundador, Ricardo Álvarez, era médico", lembra Alba, que asegura que a entidade de Barakaldo "sempre foi unha referencia para todos os galegos do País Vasco". Ségueo sendo.
A finais do século XIX, os emigrantes chegaban na súa maioría do interior de Galicia para traballar nas minas da marxe esquerda da ría de Bilbao. Barakaldo acabou sendo epicentro dunha diáspora galega que tería dúas vagas fundamentais máis: a dos anos 20 e 30, establecida sobre todo en Pasaia (Gipuzkoa) polo auxe da pesca industrial e procedente da Costa da Morte e Arousa; e a do gran desenvolvemento industrial entre os 50 e os 70. Esta última foi a máis numerosa e encheu de traballadores galegos os Altos Fornos —fundados no mesmo ano que o centro—, os estaleiros e as fábricas das tres provincias de Euskadi.
Naquela época, o carácter social deste centro galego tivo un dos seus grandes fitos e motivo do orgullo para a colectividade. A mediados dos anos 50, a entidade impulsou en réxime de cooperativa un grupo de 365 pisos, chamado Santiago Apóstol, que deu resposta ao principal problema que tiña a emigración galega da época: a falta de vivenda.
Nos anos 50, o centro galego construíu en réxime de cooperativa 365 vivendas para as familias emigrantes galegas
"Fixéronse as casas para dar solución á xente que chegaba, que era moita e en pouco tempo, sobre todo a partir dos 60", explica Alba, que conta como daquela "era normal que tres, catro ou cinco familias compartisen un piso ata que ían atopando traballo". As vivendas entregáronse en 1962 e nelas pasaron a vivir centos e centos de galegos e galegas, xusto na zona onde está agora a sede da entidade.
Todo na rúa Galicia, onde hai un hórreo en pedra e esculturas en homenaxe a Rosalía de Castro e Castelao. Nunha localidade onde non é difícil escoitar galego, considerada a terceira lingua máis falada no País Vasco tras o castelán e o éuscaro. Outro pequeno país no exterior que volvía en masa no verán hai décadas para encher de matrículas de Bilbao boa parte de Galicia, e que agora regresa tamén para gozar da xubilación.
75.000 galegos e galegas nos 70
Porque o botxo e os seus arredores eran outra quinta provincia. No conxunto de Euskadi, nos anos 70, chegaron a vivir sobre 75.000 persoas nadas en Galicia que en Bilbao mesmo fundaron un peculiar barrio (Masustegi) que podería pasar por calquera pequena aldea galega. Actualmente son algo máis de 40.000, ademais de fillos e netos que manteñen, aínda que con maior dificultade, a pegada histórica e cultural da diáspora galega no País Vasco.
"Temos aínda bastantes xeracións novas, pero cada vez menos porque os fillos e netos de galegos van collendo o seu camiño e non senten tanto a Terra como a sentimos os que chegamos directamente de aló; inculcarlles ese amor a Galicia custa un pouquiño máis", asume Alba.
Con todo, na antiga e histórica entidade hai un lote de actividades, varios grupos musicais e de baile tradicional asentados, festas, celebracións e arredor de 700 socios e socias.
"En Galicia saben máis dos centros galegos da Arxentina ou do Uruguai, pero non tanto do que hai no País Vasco"
Ademais, a de Barakaldo é unha das nove que conforman a Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, unha rede de entidades de Zarautz, Donosti, Elgoibar, Ondarroa ou Bilbao que colaboran e celebran conxuntamente o Día de Galicia no País Vasco, unha xornada con numerosos actos culturais e festivos que pon en valor a "excelente colaboración" que a colectividade galega ten coas distintas administracións e entidades no País Vasco, como destaca de novo Alba.
"Un cachiño de Galicia"
Os actos deste ano uniranse aos das celebracións do Centro Galego de Bizkaia polo seu 125º aniversario, para dar conta e destacar unha longa e importante historia non tan coñecida en Galicia. Así o constatou Alba tras compartir homenaxe o pasado sábado cos directivos do Barakaldo CF.
"Contábannos que estiveran xogando en Vigo días antes e que lles falaran da nosa celebración, pero sorprendéronse porque a xente aló non coñecía practicamente nada da nosa entidade e da colectividade galega no País Vasco", di con algo de mágoa o presidente.
"A xente é máis consciente das entidades galegas na Arxentina, no Uruguai ou en Cuba e da súa importancia, pero non tanto do que hai aquí", di Alba. "Debería haber máis información, máis promoción do que aquí temos, dun centro que é o máis antigo de Europa e o segundo máis antigo do mundo... Que todo o que veña saiba que aquí, en Barakaldo, ten un sitio onde manter un pouquiño a súa cultura, que aquí teñen un cachiño de Galicia", remata.