A Audiencia Nacional condena o histórico narco galego pola Operación Mito por delitos contra a saúde pública e branqueo de capitais
A Audiencia Nacional condena a 17 anos de cadea ao narco galego José Ramón Prado Bugallo, alias Sito Miñanco, pola operativa para introducir en 2017 en Europa case catro toneladas de cocaína. Nunha sentenza de 325 páxinas, a Sala do Penal condena a Sito Miñanco pola denominada Operación Mito desenvolvida en 2018 como autor de delitos contra a saúde pública (12 anos) e branqueo de capitais cometido no seo dunha organización criminal (5 anos). Tamén recibe multas por máis de 420 millóns de euros, coa agravante de reicidencia e a atenuante de dilacións indebidas, fronte aos 31 anos e 6 meses que pedía a Fiscalía. A sentenza absolve o seu avogado, Gonzalo Boye, dos delitos de branqueo de capitais e falsidade documental.
O relato de feitos da sentenza explica que no ano 2017 Prado Bugallo, e outro dos condenados, o holandés Raymond V.R., dirixían asociacións criminais e concertáronse cos membros das súas organizacións para realizar transportes de cocaína de Sudamérica a Europa e distribuíla a terceiros. En execución dese plan organizaron a introdución de 615 quilos de coca en novembro dese ano en Holanda, así como o traslado desde Sudamérica a España no buque Thoran de 3.305 quilos de coca. A Sala sinala que Miñanco, coñecido como Mario dentro da organización, dirixía o grupo, adoptando ou supervisando todas as decisións.
A Sala lembra que, naquela época, 2016 e 2017, atopábase cumprindo unha condena de 16 anos e 10 meses de prisión por un delito contra a saúde pública no CIS Manuel Montesinos de Alxeciras, en réxime penal de terceiro grao, o que lle permitía traballar nun aparcadoiro. Por iso, en moitas ocasións encomendaba os detalles, contactos e os preparativos das distintas operacións criminais a outros acusados que contaban coa súa confianza.
A sala tamén considera probado que Sito Miñanco e a súa compañeira sentimental utilizaron unha empresa de automóbiles para o ingreso de diñeiro procedente da venda de substancia estupefaciente. Ambos, segundo a Sala, deron a esta mercantil aparencia de negocio para ingresar o diñeiro obtido do tráfico de drogas e incorporalo ao circuíto económico lícito.
A sentenza absolve o avogado de Miñanco, Gonzalo Boye, que estaba acusado de branqueo de capitais e falsidade documental
A sentenza absolve o avogado de Sito Miñanco, Gonzalo Boye, para quen a Fiscalía Antidroga reclamaba 9 anos e 9 meses de cárcere, ao considerar que non tivo participación na elaboración dos contratos privados de compravenda de letras de cambio e de préstamos que foron achegados nos expedientes administrativos sancionadores abertos tras a intervención, o 6 de febreiro de 2017, de case 900.000 euros no Aeroporto de Barajas, uns cartos que segundo o Ministerio Público era transportado a Colombia para o seu branqueo.
A sentenza condena o resto de acusados, entre eles os tripulantes do buque, a penas de entre 17 anos e 3 anos de cárcere, mentres que absolve a 20 persoas físicas e 4 xurídicas que tamén foron xulgadas por estes feitos.