A nova condena por branqueo contra o narco comisa, entre outros bens, a sociedade que con “fondos procedentes do narcotráfico” mercou 13.000 metros cadrados nos que se ían levantar 38 chalés que o bipartito intentou parar pero a xustiza viu legais
A xustiza avalou a súa legalidade urbanística e a xustiza considera agora que ía ser impulsada con “fondos procedentes do narcotráfico”. É a longa historia da urbanización de 38 chalés aprobada en 2007 polo Concello de Sanxenxo en terreos adquiridos por unha sociedade que a Audiencia de Pontevedra ordena comisar na sentenza coa que condena por branqueo a José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, a súa ex-muller, unha filla e dous colaboradores máis. A urbanización, xunto á praia de Montalvo, nunca pasou dos planos, pero estes seguen a estar en vigor despois de que a xustiza validase a súa aprobación por parte do Concello gobernado polo PP fronte ao intento de paralizala da daquela Xunta bipartita de PSdeG e BNG.
Segundo indica a sentenza agora emitida pola Audiencia de Pontevedra, o 4 de agosto de 1988 a empresa que o tribunal considera núcleo da trama de branqueo de Sito Miñanco, Inmobiliaria San Saturnino SL, “representada por José Ramón Prado Bugallo e pola entidade José Aguín Magdalena SL”, de José Alberto Aguín, condenado tanto agora como na operación Nécora, constituíu outra sociedade, Jolva SL. “O mesmo día da súa constitución” e “empregando fondos procedentes do narcotráfico", di a sentenza, “Jolva SL adquiriu un terreo de 12.906 metros cadrados fronte á praia de Montalvo, Sanxenxo” sobre o que Aguín e a ex-muller de Miñanco realizaron “unha serie de actuacións que determinaron que o seu valor se incrementase exponencialmente”. En outubro de 2005, explica a sentenza, o primeiro “presentou un plan parcial de desenvolvemento do solo urbanizable número 18” que abarcaba eses terreos, documento que foi aprobado ano e medio despois polo Concello de Sanxenxo.
Malia que daquela os terreos estaban ocupados por árbores, o plan urbanístico aprobado polo Concello de Sanxenxo cualifica a zona como “núcleo urbano de Montalvo”
Malia que daquela os terreos estaban maiormente ocupados por árbores, ese plan urbanístico cualifica a zona como “núcleo urbano de Montalvo” e di que dado ese emprazamento a urbanización busca “facilitar unha gradual transformación do continuo urbano en paisaxe rural para que ambos se fundan de forma natural”. “Os campos, o arborado da paisaxe rural circundante existente no interior da cidade preténdese converter en parques, áreas de descanso e ocio”, explica o documento, aprobado polo Concello e impulsado por propietarios dos terreos, cuxas identidades consigna o propio plan ratificando así de xeito público a participación de Aguín e Jolva SL.

O documento contempla que unha primeira franxa do ámbito urbanístico, a máis próxima á praia e afectada pola protección de costas, sexa cedida como parte dos sistemas xerais, zonas verdes e equipamentos municipais, mentres que a outra metade do espazo divídese en parcelas nas que posteriormente se poderían levantar 38 chalés adosados. O plan reserva un 20% das vivendas para protección autonómica.
A tramitación do plan foi iniciada en tempos de Telmo Martín como alcalde e foi aprobado sendo rexedora a súa substituta, Catalina González, vinte días antes das municipais de 2007
A tramitación desa urbanización iniciouse, segundo di a sentenza agora emitida, en outubro de 2005, sendo alcalde de Sanxenxo, paradigma do urbanismo desaforado nas Rías Baixas, o histórico popular Telmo Martín, tamén promotor inmobiliario, pero aprobouse en maio de 2007, cinco meses despois de que este deixase o cargo para intentar conseguir a alcaldía da cidade de Pontevedra. Non o logrou e, tras unha etapa como deputado no Congreso, Martín volve ser alcalde de Sanxenxo desde hai ano e medio.
Foi o 7 de maio de 2007, vinte días antes das eleccións municipais daquel ano, cando o Concello, coa substituta de Martín, Catalina González, á fronte da alcaldía, aprobou aquel plan urbanístico. Esa aprobación foi comunicada mes e medio despois á Xunta e esta, aos poucos días, a través da Consellería de Medio Ambiente que dirixía o socialista Pachi Vázquez, requiriu ao Concello a súa anulación por considerar que era precisa unha avaliación ambiental da urbanización antes de validala, algo que non se fixera.
A Consellería de Medio Ambiente, daquela en mans do PSdeG, consideraba necesaria unha avaliación ambiental da urbanización antes da súa aprobación e levou a Sanxenxo aos tribunais, que acabaron dando a razón ao Concello
A partir de aí comezou un proceso xudicial no que inicialmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non aceptou en xuño de 2008 a suspensión cautelar do plan urbanístico que pedira a Xunta mentres non se resolvía sobre a súa legalidade de fondo. O Goberno galego recorreu e en xaneiro de 2010 o Tribunal Supremo si aceptou esa suspensión cautelar. Porén, aos poucos meses pronunciouse sobre o fondo da cuestión novamente o Tribunal Superior de Galicia considerando válida a aprobación da urbanización por parte do Concello.
Aquel plan urbanístico, avalado así pola xustiza, segue estando en vigor. Porén, co comiso agora decretado pola Audiencia de todas as empresas e propiedades involucradas na trama de branqueo de Sito Miñanco, queda no aire quen o desenvolverá.
