O centro galego máis antigo do mundo fai 140 anos en Montevideo

Unha das sedes do Centro Gallego de Montevideo, en Montevideo © Centro Gallego de Montevideo

Naquela altura, hai hoxe 140 anos, o Uruguai recibía milleiros de emigrantes chegados de Europa, 50 anos despois de acadar a independencia. España acababa de recoñecer a súa soberanía só nove anos antes e o exterminio das poboacións indíxenas comezaba a configurar un país feito case en exclusiva pola inmigración. Entre aqueles barcos cargados de xente que atracaban cada pouco había moitos chegados desde Galicia e con centos de galegos, que constituían xa daquela o 5% da poboación uruguaia, máis de 12.000 persoas. No 30 de agosto daquel ano 1879 abría as súas portas o Centro Gallego de Montevideo, o primeiro de todos os que con este mesmo nome se espallarían polo mundo, o pioneiro e o decano entre o asociacionismo emigrante, vivo e activo case século e medio despois.

O Centro Gallego de Montevideo fundouse o 30 de agosto de 1879, 50 anos despois de que o Uruguai acadase a independencia

Ao Uruguai, como ao resto do Río de la Plata e a toda América, seguiron chegando milleiros de galegos en diferentes vagas desde finais do século XIX. Segundo diversos estudos, máis de 25.000 vivían xa en 1908 neste país suramericano, que recibiu, entre 1883 e 1918, máis de 32.000 persoas orixinarias de Galicia. Tras a última grande etapa migratoria dos 50, uns 50.000 galegos están xa asentados a principios dos 60 en Montevideo e outras vilas e cidades uruguaias. Hoxe en día, e segundo os últimos datos do INE, máis de 40.000 galegos viven aínda alá e uns 8.000 deles naceron en Galicia

“A emigración da década dos cincuenta é moi numerosa aínda no Uruguai, eu mesmo e varios integrantes da directiva do Centro Gallego son nacidos en Galicia”, explica Julio Ríos, presidente da entidade galega no exterior máis veterana, que este venres comezará as celebracións do 140º aniversario cunha gran cea de gala e que “afronta os tempos futuros como o ten feito desde os seus inicios, procurando conservar as súas raíces, ben sexa na cultura ou nas festas e romarías, que teñen gran concorrencia”. 

Directiva do Centro Gallego de Montevideo en 1910. Na imaxe pequena, directiva en 1934 © 'Nós Mesmos'. Asociacionismo galego na emigración

“É unha enorme responsabilidade ser o centro galego máis antigo e é por iso polo que este 140º aniversario será celebrado con diferentes actos e eventos durante todo un ano”, explica o presidente dunha entidade que conta na actualidade con algo máis de medio milleiro de socios nunha listaxe “na que están entrando constantemente novos asociados”. Para selo, non é obrigatorio ter pasaporte español, aínda que “determinados cargos só poden ser ocupados sendo galego”. 

A institución naceu hai 140 anos como entidade cultural, deportiva e recreativa por iniciativa dos emigrantes irmáns Salgado e Vázquez. Ao igual que todos os que despois irían fundándose polo mundo adiante, --como os outros dous grandes e históricos, na Habana e Bos Aires--, o Centro Gallego de Montevideo procuraba o benestar dos galegos, axudaba os emigrantes con necesidades e pulaba pola instrución e ensinanza dos socios e os seus familiares, tanto alá como a través de iniciativas de progreso impulsadas en Galicia. 

A entidade construíu en 1923 a sede principal que aínda agora ocupa e que foi declarado Monumento Histórico Nacional do Uruguai

Creou numerosas delegacións en vilas e cidades do Uruguai e constituíu a súa primeira sede oficial na Avenida 18 de julio de Montevideo. Xa en 1923, logo de recadar fondos, a institución adquiriu un terreo na rúa San José, onde construíu a que aínda é sede principal, considerada patrimonio histórico galego e Monumento Histórico Nacional do Uruguai ao ser a primeira construción en todo o país deseñada para o funcionamento dun club social e manter unhas características únicas e con trazos galegos. 

Suárez Picallo, Blanco Amor ou Castelao visitaron un centro no que Otero Pedrayo dixo "descubrir aqueles sentimentos de vella e fonda galeguidade"

Nela, a sala de honra Rosalía de Castro, a sala Vale Inclán, a biblioteca Concepción Arenal ou a sala de lectura Castelao, cun busto na honra do político e escritor, figura icónica en toda a diáspora e un dos visitantes que deixou un debuxo e a súa firma no libro de sinaturas. Xunto a el, a de Avelino Pousa Antelo, Suárez Picallo, Blanco Amor ou Otero Pedrayo, que advertiu nos anos 50 “daqueles sentimentos de vella e fonda galeguidade” que se lle “descubriron” ao pisar a entidade. Algúns deles colaboraron na prestixiosa revista do Centro, outro símbolo do galeguismo que nas tres décadas iniciais marcou a institución, que virou logo cara a un camiño máis conservador e elitista. 

Era naqueles inicios nos que unha escola nocturna ofrecía clases e veladas literario-musicais, a Oficina Central de Protección axudaba os máis necesitados e a súa sede foi base galeguista e republicana, un ronsel que logo seguiría, con maior ímpeto, a Casa de Galicia. 

O Centro Gallego comezou creando unha escola nocturnae unha Oficina de Protección Social e foi sede galeguista e republicana

O Centro Gallego virou a un plano basicamente cultural. Hoxe en día, na súa sede central, como lembra o presidente Julio Ríos, seguen a ofrecerse conferencias e é alí onde “se celebra cada ano o Día das Letras en colaboración con outras institucións galegas” e onde se “mantén a relación con todas as colectividades españolas, a portuguesa, a italiana ou a sefardí”. Tamén se segue a homenaxear a Castelao e Rosalía en datas sinaladas e mantéñense grupos folclóricos e de baile, ademais de conservar un grande arquivo histórico e un patrimonio artístico moi importante

Outro exemplo do importante legado que Galicia garda nos centos de centros galegos que ten polo mundo, sobre todo naqueles máis importantes e antigos, como o de Bos Aires, que acaba de salvar o seu importante patrimonio malia a venda da súa histórica sede e logo de superar os cen anos de idade

Sede principal do Centro Gallego de Montevideo © Centro Gallego de Montevideo

Hai xa 50 anos, a entidade inaugurou outras instalacións, en Carrasco, un parque polideportivo de 28.000 metros cadrados onde, ademais de varias actividades deportivas, teñen lugar festas e concertos. É, a través sobre todo dos deportes, como a entidade logra manter o vínculo cos descendentes máis novos. “Temos moita mocidade integrada en diferentes disciplinas”, conta Ríos. “Hai aínda unha emigración moi forte e os fillos e netos viaxan a Galicia acotío e manteñen lazos e negocios nas catro provincias”, engade. 

Agora, Galicia e o Uruguai celebrarán outro aniversario do decano, que polo 125º mesmo tivo selo propio grazas a unha homenaxe do Correo charrúa. “É unha enorme responsabilidade”, di Ríos, presidente que ocupa o cargo que alá por 1879 tiña Antonio Varela Stolle, prestixioso avogado compostelán, licenciado pola Universidade de Santiago, que exerceu como fiscal e xuíz en Montevideo e nado na capital galega en 1821, hai case dous séculos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.