O progresivo envellecemento da poboción, a baixa natalidade e o crecente despoboamento de amplas zonas do territorio son problemas que afectan de forma especial a Galicia e ao Norte de Portugal, especialmente aos seus espazos interiores: Lugo e Ourense no caso galego e Trás-os-Montes no luso.
O Eixo Atlántico presentou o informe Cohesión socioterritorial e despoboamento na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con propostas concretas para reforzar o eixo interior da eurorrexión, que vai de Lugo a Mirandela (Trás-Os- Montes) e privilexiar a cohesión do territorio
Este venres o Eixo Atlántico presentou o informe Cohesión socioterritorial e despoboamento na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, un documento que constitúe unha "axenda estratéxica" con propostas concretas para combater o "reto demográfico", que busca reforzar o eixo interior da eurorrexión, que vai de Lugo a Mirandela (Trás-Os- Montes) e privilexiar a cohesión do territorio.
O Eixo Atlántico considera necesario "promover medidas de discriminación positiva nos territorios do interior con maior despoboamento para favorecer a fixación da poboación". A axenda presentada este venres contén medidas de carácter social, económico, creación de servicios, aspectos relacionados coa educación e infancia e conectados á fixación da poboación en idade reprodutiva, así como políticas relacionadas coa tecnoloxía e loxística para promover a creación de emprego e o emprendemento deste eixo interior.
A axenda presentada este venres contén medidas de carácter social, económico, creación de servicios, aspectos relacionados coa educación e infancia e conectados á fixación da poboación en idade reprodutiva, así como políticas relacionadas coa tecnoloxía e loxística para promover a creación de emprego e o emprendemento deste eixo interior
Na presentación, que tivo lugar na sede en Compostela, na sede do Consello Económico e Social de Galicia, participaron a presidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Asamblea do Eixo Atlántico e alcalde de O Barco de Valdeorras, Alfredo García; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; a autora do informe, María Xosé Rodríguez Galdo; e o presidente do CES, Manuel Pérez.
No acto, Lara Méndez avogou por poñer en marcha estas políticas de "discriminación positiva", lembrando que ·o reto demográfico é un dos principais desafíos da Unión Europea e figura entre as prioridades da propia Comisión Europea" e que "se ben é un problema que afecta a toda Europa, incide especialmente en territorios da Península Ibérica que, ademais de estar na periferia, temos un desenvolvemento socioeconómico asimétrico con respecto a outras zonas”.
Lara Méndez, presidenta do Eixo Atlántico, demandou unha acción pública que redefina a imaxe do rural, que co emprego das tecnoloxías actuais e unha correcta dotación de servizos, pode equipararse ao modo de vida urbano
Neste senso, a presidenta do Eixo Atlántico puxo en valor o esforzo que se realiza dende dos Concellos, como administracións máis próximas á cidadanía, para implementar estratexias coas que asentar poboación nos territorios.
Méndez, en consonancia co resto de mandatarios da eurorrexión, aposta por unha acción pública que redefina a imaxe do rural, que co emprego das tecnoloxías actuais e unha correcta dotación de servizos, pode equipararse ao modo de vida urbano, “un territorio, en definitiva, con vantaxes e oportunidades, que aporta valor ao conxunto da sociedade pero que necesita unha política fiscal que bonifique a residencia en áreas de despoboamento severo ao tempo que se afonda na innovación no PDR español (programa de desenvolvemento rural), e no PROT-N, actualmente en elaboración”, concluíu a rexedora.
Propostas de liñas de actuación
Vantaxes fiscais, aposta pola economía social e as cooperativas, a defensa dun agro sustentable e modernizado, a potenciación dos mercados locais e os circuítos curtos de comercialización ou o impulso dun "turismo diferenciado" están entre as propostas
O documento inclúe unha serie de liñas de actuación e medidas concretas, que poderían ser postas en marcha dende as distintas administracións, entre elas figuran cuestións de gobernanza, medidas económicas e fiscais, iniciativas sociais e medioambientais. Entre elas destacan as seguintes:
- Establecer un marco de vantaxes fiscais adicionais para persoas xóvenes e emprendedoras que complemente os programas xa existentes. Establecer a prioridade do territorio nas medidas de apoio directo ou a través de instrumentos fiscais.
- Facilitar apoio financeiro a proxectos empresariais que xeneren actividade económica e emprego en zonas rurais afectadas pola despoboación.
- Abordar a realización dunha Estratexia de Economía Social que permita profundar no seu potencial para o desenvolvemento dos territorios de baixa densidade.
- Habilitar mecanismos de colaboración público privada entre cooperativas locais e entidades públicas para reforzar servizos destinados ao conxunto da poboación (servizos agrícolas e outros relacionados con actividades como vivenda, educación, farmacia, correos, servizos bancarios).
Tamén se defenden políticas que facilten o acceso á vivenda ou que posibiliten o envellecemento "na casa e na comunidade"
- Apostar por unha xestión dos recursos agrogandeiros baseada na innovación e a sustentabilidade. Impulsar as cooperativas agroalimentarias, con formación e apoio de persoal cualificado, para potenciar o seu papel na xestión do territorio.
- Desenvolver un plan de identificación e promoción de produtos endóxenos certificados, potenciando os mercados locais e os circuítos curtos de comercialización.
- Arbitrar medidas para o aproveitamento de terreos que a pesar das súas boas condicións permanecen abandonados ou infrautilizados. Impulsar a defensa dos montes comúns, da súa valorización e da súa capacidade produtiva.
- Potenciar unha oferta turística diferenciada (turismo de natureza, ambiente, cultura) con forte implicación municipal.
- Facilitar o acceso á vivenda mediante compra ou aluguer e apoiar a rehabilitación pública de vivendas para aluguer. Crear un banco de vivendas baleiras.
- Facilitar o envellecemento na casa e na comunidade. Alentar a creación e posta en funcionamento no rural de Residencias medicalizadas para estancias curtas.