En 1900 Galicia era un territorio moi poboado. Con case dous millóns de habitantes (1.980.515), a súa poboación representaba o 10,64% do total do Estado español, só por detrás de Andalucía (19,1%) e Castela e León (12,4%)
En 1900 Galicia era un territorio moi poboado. Con case dous millóns de habitantes (1.980.515), a súa poboación representaba o 10,64% do total do Estado español, só por detrás de Andalucía (19,1%) e Castela e León (12,4%) e por diante de Cataluña e a Comunidade Valenciana.
A numerosísima emigración galega a América e tamén a Europa e a outros lugares do Estado e a concentración da poboación española en Madrid e no litoral mediterráneo cambiou notablemente este debuxo, de xeito que na actualidade os algo menos de 2,7 millóns de habitantes de Galicia só representan o 5,69% do total, segundo os datos do censo de 2021, publicados a pasada semana, case a metade que en 1900.
A Coruña pasou de sumar o 33% da poboación total galega a chegar ao 41,5%. O aumento de Pontevedra aínda foi maior: do 23,1% (en 1900 tiña menos poboación que Lugo) ao 35,1%
Esta mingua do peso da poboación galega no conxunto do Estado foi debida principalmente ao despoboamento sufrido por Lugo e Ourense. En 1900 Lugo contaba con algo máis de 465.000 habitantes, que chegaron ao seu máximo en 1940 (512.735), dende entón a cifra non fixo máis que descender, ata os 326.068 habitantes actuais. En termos porcentuais, a poboación de Lugo pasou do 2,5% ao 0,74% sobre o total español. E do 23,5% ao 12,1% sobre a poboación total de Galicia.
A caída da poboación en Ourense foi semellante. En 1900 a provincia interior galega tiña 404.311 habitantes, que chegaron a ser 467.903 en 1950. Dende entón, a cifra descendeu ata os 305.297 cos que conta na actualidade. En termos porcentuais, a poboación de Ourense pasou do 2,17% ao 0,63% sobre o total español. E do 20,4% ao 11,3% sobre a poboación total de Galicia. Nos últimos anos é Ourense a provincia galega que perde máis poboación.
Mentres Lugo e Ourense perdían habitantes, A Coruña e Pontevedra gañábanos, concentrando a poboación galega. De feito, A Coruña pasou de sumar o 33% da poboación total a chegar ao 41,5%. O aumento de Pontevedra aínda foi maior: do 23,1% (en 1900 tiña menos poboación que Lugo) ao 35,1%.
Con todo, en relación á poboación total do Estado español, A Coruña ten hoxe un peso menor que en 1900, pasando do 3,51% ao 2,36%. Tamén Pontevedra caeu dende o 2,46% ata o 2%.
O enorme cambio experimentado na estrutura de poboación nos últimos 120 anos vese claramente tamén nos datos dos concellos: dúas de cada tres localidades galegas teñen na actualidade menos poboación que en 1900. Nese ano A Estrada era o quinto concello máis poboado do país; Ortigueira, A Fonsagrada e Lalín situábanse entre os dez primeiros e pouco despois aparecían Chantada, Pantón, O Saviñao ou Mondoñedo. A situación hoxe é moi distinta.
En 1900 A Coruña era a cuarta provincia máis poboada do Estado, só por detrás de Barcelona, Valencia e Madrid. Na actualidade é a 12ª, despois de que a partir de 1960 comezase a perder peso en relación con outros territorios
Galicia sempre contara cunha densidade de poboación que superaba a do conxunto do Estado español. En 1900, de feito, case a duplicaba: 66,97 habitantes por quilómetro cadrado fronte a 36,79. En 2018 por vez primeira os datos demográficos amosaron por vez primeira unha densidade de poboación menor en Galicia, unha tendencia que continúa hoxe.
Abonda con ver os datos de poboación das distintas provincias en relación coa poboación total do Estado. En 1900 A Coruña era a cuarta provincia máis poboada do Estado, só por detrás de Barcelona, Valencia e Madrid. Na actualidade é a 12ª, despois de que a partir de 1960 comezase a perder peso en relación con outros territorios. O mesmo sucede -aínda que en menor medida- con Pontevedra, que tamén pasou da posición 14ª á 16ª.
En 1900 Lugo era a 13ª provincia máis poboada (hoxe é a 39ª)
Máis significativo é o descenso experimentado por Lugo, que en 1900 era a 13ª provincia máis poboada (hoxe é a 39ª), por diante de Córdoba, Cádiz ou Zaragoza, que na actualidade mesmo multiplican por tres ou por catro os datos lucenses. Ourense, igualmente, pasou de ser a 18ª provincia a ser a 41ª.