O Rosal, A Guarda e Caminha inician o proxecto para a Eurocidade da Foz do Minho

A Foz do Miño, dende a beira portuguesa © CM de Caminha

Con apoio de fondos FEDER da Unión Europea, o programa traballará ata 2028 na creación das estruturas comúns e na dinamización social

A sede da Liga de Amigos do Rosal acolleu este venres a xornada de lanzamento do proxecto 0554_EURO_FOZ_MINHO - Euro_Foz: Construíndo a Eurocidade da Foz do Miño, unha iniciativa transfronteiriza impulsada conxuntamente polos concellos do Rosal, A Guarda e a Câmara Municipal de Caminha co obxectivo de deseñar e asentar as bases xurídicas, administrativas e operativas da futura Eurocidade.

Con apoio de fondos FEDER da Unión Europea, o programa traballará ata 2028 na creación das estruturas comúns e na dinamización social. A folla de ruta céntrase en superar os atrancos fronteirizos mediante un modelo de gobernanza multinivel pioneiro que traslade a irmandade e os vencellos históricos da veciñanza a un marco formal de xestión compartida de servizos e recursos.

Presentación do proxecto que deseñará a Eurocidade da Foz do Minho ©

A apertura institucional reuniu a edís dos tres municipios implicados: Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Liliana Silva, presidenta da Câmara Municipal de Caminha e Isidro Lomba, concelleiro de A Guarda

A apertura institucional reuniu a edís dos tres municipios implicados: Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Liliana Silva, presidenta da Câmara Municipal de Caminha e Isidro Lomba, concelleiro de A Guarda.

“Queremos que a Eurocidade da Foz do Miño sexa unha ferramenta para atoparnos, cooperar, compartir e sumar capacidades. Porque o Miño sempre estivo aí. As persoas tamén. A relación entre as dúas beiras tamén. O que estamos facendo agora é darlle unha nova dimensión a ese vínculo. Darlle estrutura. Darlle ferramentas. E, sobre todo, darlle futuro. Porque o Miño non é a fronteira que nos separa. É o río que nos une”, sinalou Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal.

Ademais, este venres presentouse en primicia o vídeo promocional do proxecto Euro_Foz, unha produción rodada en alta resolución 4K que combina gravación aérea con dron e planos de detalle en terra

Pola súa banda, Liliana Silva, presidenta da Câmara Municipal de Caminha destacou que “a fronteira non é o noso límite, a fronteira é a nosa oportunidade.  O río Miño non é o que nos separa, é aquilo que nos une. Queremos unha Eurocidade forte, unida, competitiva e sustentable. Capaz de garantir que os nosos fillos e os nosos netos poidan continuar a vivir, traballar e construír aquí as súas vidas” 

Finalmente, Isidro Lomba, concelleiro de A Guarda, afirmou que “cando tres concellos próximos deciden colaborar, non están simplemente sumando os seus recursos: están multiplicando as súas posibilidades. Por iso, proxectos como este, son importantes para o presente, pero tamén deben servir para construír o futuro. E hai unha cuestión que considero especialmente importante: a Eurocidade debe construírse desde as persoas".

Presentación do proxecto, o pasado mes de decembro en Caminha © CM de Caminha

Búscase poñer en valor que "o Miño non é un límite que separa, senón o elemento natural que os une"

O proxecto Euro_Foz articulará os estatutos da futura Eurocidade, deseñará unha estratexia e plan de acción transfronteirizo e porá en marcha unha axenda cultural común con actividades e mercados sostibles que fomenten a participación cidadá e o desenvolvemento económico sostible en ambas as marxes do río. 

Ademais, este venres presentouse en primicia o vídeo promocional do proxecto Euro_Foz, unha produción rodada en alta resolución 4K que combina gravación aérea con dron e planos de detalle en terra. A peza realiza un percorrido polos enclaves patrimoniais máis representativos dos tres municipios —como os Muíños do Folón no Rosal, o Monte de Santa Trega na Guarda e a arquitectura manuelina do centro histórico de Caminha— amosando a paisaxe e o dinamismo cotián da súa veciñanza para poñer en valor que "o Miño non é un límite que separa, senón o elemento natural que os une".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.