Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo estarán no V Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal que se celebra do 12 ao 15 de setembro
Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral teñen unha nova cita na Eurocidade Tui-Valença desde este xoves, 12 de setembro, ata o domingo 15 para intercambiar experiencias e coñecer tendencias do sector. Músicas no Minho (MUMI) é o V Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal e preséntase de novo como escaparate da rentrée musical conxugando a súa dobre función de mercado para a industria musical, e festival aberto ao público con propostas gratuítas a pé de rúa.
Do lado galego do río Miño participarán as artistas Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo; mentres que a beira portuguesa achegará as propostas de Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo, Rogério Cardoso e Surma. Ademais, con motivo da colaboración iniciada na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, o MUMI recibirá a banda catalá El Pony Pisador. A súa vez, a Fira contará na súa vindeira edición –no mes de outubro– coa actuación de Mondra.
Todos os concertos estarán abertos ao público xeral, agás os de Su Garrido Pombo e Rogerio Cardoso Pires, que só realizarán pases para profesionais con acreditación. A galega Su Garrido Pombo presentará para público profesional o seu novo proxecto, Traspielas, no que conta con Macarena Montesinos (cello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodriguez Casal (visuais) para celebrar a memoria colectiva dunha aldea –a súa– a través dunha obra musical, poética e visual.
A cidadanía tamén poderá gozar do programa previsto para o domingo pola mañá nas rúas da fortaleza de Valença. O espectáculo para público familiar Guarda-Pedais sairá da praça da República coa súa enxeñosa bicicleta a remos feita cunha mestura insólita de aparellos cos que consegue xerar momentos de xogo e creatividade musical. Fará dous pases de 40 minutos ás 12:30 e ás 13:45 horas.
Su Garrido Pombo realizará un pase para profesionais con acreditación do seu novo proxecto, Traspielas
Na zona profesional, situada na Escola Superior de Ciências Empresariais (ESCE) de Valença, están previstos uns faladoiros programados para o venres e o sábado que abordarán temas como a produción de ciclos musicais, as claves para a creación de públicos e programacións estables máis alá dos macro festivais; as dinámicas e dificultades coas que traballan as salas de concertos; a forma de comunicar cultura en Galiza e Portugal; e unha palestra sobre management musical que afondará no acompañamento de carreiras artísticas musicais e no posicionamento de artistas emerxentes.
Ao longo dos catro días organizaranse sesións de traballo dentro do espazo destinado aos speedmeetings ou encontros rápidos entre profesionais, o lugar onde artistas, axencias de booking, empresas de produción e management, profesionais da xestión cultural, responsables de programación de entidades públicas e privadas e xornalistas terán a oportunidade de coñecer novos proxectos e pechar datas de concertos de cara á programación da tempada que comeza no outono.
O MUMI estreará o sábado en Tui o documental Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición, producido polo Consello da Cultura Galega
Dentro da programación aberta ao público, o MUMI acollerá o sábado 14, ás seis da tarde, no Teatro Municipal de Tui a do documental Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición, producido polo Consello da Cultura Galega. Trátase do primeiro documental realizado arredor deste instrumento, onde se analiza o seu papel simbólico nos movementos renovadores da música galega durante a década dos setenta. O luthier e mestre artesán Antón Corral, Premio honorífico Martín Códax 2016, participará na presentación xunto ao director Ramon Pinheiro de aCentral Folque, e Cristina Domínguez, en representación do Consello da Cultura Galega.
Músicas no Minho tamén porá o foco nos artistas emerxentes, neste caso da man do grupo de artistas beneficiarias do programa de aceleración de proxectos musicais Sonemerxente, promovido pola Fundación Paideia Galiza e a Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e financiado con fondos NextGenerationEU como parte do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.
French Riviera, Eris Mackenzie, Javier Lago, Abril, Candela Liste, Verter GZ, Filloas, Marián e Amoebo participarán nas actividades do venres e o sábado como parte da súa formación, aprendendo as dinámicas de funcionamento dun mercado musical.