Fiúncho, Fento macho, Codeso, Abeloura ou Herba de San Xoán, Malva, Romeu e a Herba Luísa son algunhas das sete herbas máis habituais, pero hai moitas outras
Chega o San Xoán, a noite máis curta do ano, que se ilumina entre cacharelas e lumieiras en todos os recunchos do país. Unha celebración que arrecende a sardiñas e que leva aparellada un gran número de tradicións pagás, dende o salto das nove ondas ata a recollida de herbas e flores para lavar a cara con elas e co orballo da noite na mañá do 24.
Son moitas as persoas que nestes días se dedican a facer o cacho, é dicir, a recoller as "herbas de San Xoán" para facer a axeitada mestura coa que se purificar. Xa se sabe que "no san Xoán, fouciña na man". Hai que xuntar sete herbas distintas; algunhas delas son case obrigadas, polo feito de ser as máis comúns na maior parte de Galicia, pero outras varían moito duns lugares a outros, en función da súa dispoñibilidade.
O etnógrafo Xesús Taboada Chivite fixo relación dalgunhas das máis habituais, como recolle a Galipedia, unha lista na que non poden faltar o fiúncho, o fento ou a propia abeloura ou herba de San Xoán, ademais de follas de sabugueiro e outras flores e herbas. A listaxe non é casual, pois moitas delas son as especies que máis agroman nesta época do ano, e as propiedades máxicas de moitas delas están máis que estudadas pola ciencia, que leva séculos empregando moitas delas para fins medicinais ou cosméticos.
A propia abeloura ou Herba de San Xoán ten propiedades cicatrizantes, adstrinxentes e antisépticas. Lavar a cara coa súa auga achega, polo tanto, benficios para a pel e di o refraneiro que "a herba de san Xoán limpa a cara de grans".
Xa se sabe que "no san Xoán, fouciña na man"
Fiúncho, Fento macho, Codeso, Abeloura ou Herba de San Xoán, Malva, Romeu e a Herba Luísa son as sete herbas referidas por Taboada Chivite, pero hai moitas outras, coma a Dedaleira, o Trobisco, a Espadana, a Herba de Nosa Señora ou Artemisa, a Macela ou Matricaria, a Herba punteira ou Sempreviva dos tellados e a Roseira brava. Tamén as follas e flores de sabugueiro, as follas de amieiro, de nogueira, de hedra, de figueira, de laranxeira, de castiñeiro ou de visgo. E outras especies que se poden atopar nalgún paseo polos arredores das casas ou achegándose ao monte, como tomiño, ruda, hortelá, ourego, loureiro, hortensia ou herbas de san Pedr
O seu uso e a popularidade desta tradición está moi presente en ditos, refráns e fórmulas como "En san Xoán, as bruxas fuxirán" e fórmulas como "Corre, meniña, vaite lavar, alá na fonte te has de lavar, e a fresca auga desta amañecida cor da cereixa che ten que dar".
Así pois, neste San Xoán, benvida sexa a tradición de recoller e xuntar herbas e flores para lavar con elas a cara na mañá do día 24, ben sexa por confiar nas propiedades destas plantas, ou ben polo pracer de dar un paseo polo monte na procura de herbas e de natureza. Unha boa forma, abofé, de celebrar o solsticio de verán e de gozar da explosión de vida vexetal destes días.