Fronte á imaxe de moitas praias de toda Galicia cheas de residuos tras unha noite de festa, en Nigrán a campaña para que cada persoa levase os seus desperdicios aos puntos habilitados permitiu que o areal quedase limpo ás nove da mañá
Os areais de Panxón e Lourido, en Nigrán, coñecidos como praia América, son un dos principais lugares de celebración do San Xoán en toda Galicia. Ata 2019 os desperdicios que xeran os milleiros de persoas que alí se concentran nestas noites de festa provocaba que a praia quedase inutilizable ata ben entrado o día seguinte. Ese ano o Concello puxo en marcha unha campaña de sensibilización da cidadanía e de protección dos principais espazos naturais da zona que este ano, tras a pandemia, volveu dar os seus froitos.
Segundo o Concello, das 20 toneladas de lixo xerado polos asistentes, “máis dun 95% foi depositado polos usuarios nos correspondentes colectores a pé de praia”. Así, o dispositivo de limpeza dos operarios municipais puido recoller o resto moito máis rápido, “en escasas dúas horas, estando a praia limpa por completo ás 9, igual que no 2019, cando anteriormente o labor se estendía case ata mediodía”.

"A mocidade responde", salienta o Concello de Nigrán, que iniciou esta campaña en 2019
“Cremos na concienciación e na educación da cidadanía máis que na prohibición e esta é a mellor proba, ata o ano 2019 ningún goberno local se molestara en desenvolver unha campaña ao respecto, e quedou demostrado que foi un gran acerto e que a mocidade responde, polo que a manteremos ano a ano”, recoñece o alcalde, Juan González, rexedor do PSdeG desde 2015.
A actuación do Concello incluíu a instalación de 800 metros de mallas de protección dos espazos dunares da praia con carteis informativos da campaña cun decálogo que se vén repetindo en redes sociais e que Protección Civil difundiu tamén durante a propia noite: “Non deixes lixo. Recicla. Respecta a protección do sistema dunar. Evita facer buratos, teñen impacto negativo no ecosistema. Recorda que as cabichas tamén contaminan. Súmate a esta campaña medioambiental difundíndoa e concienciando aos teus”.
Paralelamente, tamén por segunda vez, o Concello de Nigrán instalou un ´Punto violeta’ no paseo marítimo de Panxón co obxectivo de informar, sensibilizar e previr calquera tipo de comportamento sexista.