20 anos de recuperación de dunas en Nigrán tras un século de retroceso: da area que molestaba a empresarios ás ‘micorreservas’

Estudantes do IES Val Miñor participando no proxecto de recuperación do areal de Lourido, en Praia América © Concello de Nigrán

Con aínda moito traballo por diante, os areais de Lourido e Panxón que nos anos 20 do pasado século comezaron a ser urbanizados co nome de Praia América iniciaron hai dúas décadas un lento proceso de protección ao que agora se engade un proxecto científico de colonización e divulgación

A finais dos anos 60 do pasado século acelerouse o proceso de urbanización das praias de Lourido e Panxón, en Nigrán, que catro décadas antes un indiano, Manuel Lemos, propuxera converter no gran balneario de Galicia baixo o nome de Praia América. As dunas desapareceron baixo o ladrillo ata que a comezos deste século o Concello iniciou un lento proceso de recuperación que tivo que enfrontarse nas súas primeiras fases con críticas dalgúns empresarios como que a area molestaba aos turistas dos locais hostaleiros. 

Dúas décadas despois o espazo recuperado é aínda unha moi pequena parte do que chegaron a ocupar as dunas orixinais, pero novos proxectos seguen avanzando no mesmo obxectivo, agora coa creación de micorreservas que permitan á vez a recolonización de especies e o estudo e divulgación dos progresos.

Praia América en imaxes de 1965 e 1970 do arquivo audiovisual do Concello que amosan a desaparición das dunas de Panxón, ao fondo, convertidas nunha explanada para levantar as vivendas actuais, así como a progresiva invasión do areal no centro e sur polos vehículos © Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán vén de activar un arquivo audiovisual con imaxes que permiten comprobar como as dunas de Panxón aínda visibles en 1965 xa desapareceran en 1970

Manuel Lemos foi o indiano que hai agora cen anos, nos anos 20 do pasado século, tivo a idea de nomear o gran areal de Nigrán, con varios topónimos previos ao longo dos seus case tres quilómetros de lonxitude, como Praia América e urbanizalo para o turismo. Pero non sería ata finais dos anos 60 cando a construción desaforada consentida polo concello en plena ditadura levou por diante o seu elemento máis significativo, as dunas de Gaifar, ao norte, xunto ao núcleo mariñeiro de Panxón. 

O Concello de Nigrán vén de activar na rede un arquivo audiovisual no que se pode comprobar como as impoñentes dunas que aínda eran visibles en 1965, as que recorrera Cortázar nas súas tres semanas de vacacións na zona uns anos antes, xa desapareceran en 1970 substituídas por unha gran explanada na que nos anos seguintes se irían levantando chalés. A urbanización estendeuse nos anos seguintes ao longo de todo o areal, cun paseo marítimo de formigón que se achegou aínda máis ao mar e que converteu as dunas de menor tamaño do sur da praia en aparcamentos.

Non foi ata comezos deste século cando se comezou a reverter a urbanización de Praia América. En 2005 a daquela concelleira de Medio Ambiente do PP Ana Rial propuxo como primeira e moi leve medida simplemente delimitar os espazos de aparcamento con postes de madeira. Era unha moi incipiente actuación para facilitar a progresiva recuperación por parte da area dos seus espazos orixinais coa idea de que a medida que esta fose avanzando se puidesen ir retirando cada vez máis atrás vehículos e treitos do paseo marítimo. Unha actuación orixinal que foi continuada coa eliminación de apenas un par de centos de metros de paseo.

Foi demasiado para a asociación de empresarios locais. A area, dicía o seu presidente, molestaba aos turistas nos locais de hostalería da zona.

Porén, con distintas intensidades os sucesivos gobernos locais proseguiron coa recuperación moi pouco a pouco de diversos treitos do areal coa convicción de que se os turistas van a Nigrán é precisamente por esa praia que a asociación de empresarios quería acoutar. Pecháronse sucesivamente espazos ao tráfico peonil, mudáronse paseos de formigón por pasarelas de madeiras, as festas de san Xoán que tradicionalmente se celebraban por toda a praia foron acoutándose, e concienciouse á cidadanía da importancia de protexer o areal, a súa vexetación e a súa fauna. O Concello mesmo renunciou ás bandeiras azuis, centradas nos servizos e que mesmo poden ser contraproducentes para espazos naturais fráxiles

Coas dunas do norte desaparecidas baixo centos de vivendas, o centro e o sur da praia xa conta cun primeiro cordón de area con vexetación propia deses espazos que mesmo contribúe a disimular a urbanización da contorna para quen mire cara ao interior desde a súa toalla. 

"O fin é manter a área libre de alteracións permitindo que especies autóctonas desprazadas pola intervención humana colonicen de novo o lugar"

No sur, a carón do monte de Lourido, onde máis espazo se conserva sen urbanizar entre a praia e a estrada que a abeira, é onde se levan concentrado os esforzos nos últimos anos. E onde agora o Concello lanza unha nova iniciativa da man da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e unha empresa xurdida da Universidade de Vigo, Hydrosphere, ademais do apoio da propia universidade e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Vaise crear unha microrreserva de apenas 2.000 metros cadrados que se espera ampliar no futuro e que servirá para monitorizar o progreso da recuperación da praia á vez que se emprega como aula de natureza para concienciar á cidadanía.

“A diferenza da zona de Panxón, estas dunas non están sequera delimitadas e é unha oportunidade única de rexeneralas ao tempo que creamos concienciación social ao respecto", di o alcalde, o socialista Juan González. "O fin é manter a área libre de alteracións permitindo que especies autóctonas desprazadas pola intervención humana colonicen de novo o lugar", indican desde Hydrosphere, onde sinalan Praia América como o lugar máis idóneo para este proxecto "ao mesturar por unha banda o seu alto valor ecolóxico e estar provisto de sistema dunar e, por outra, ter unha elevada afluencia de visitantes e gozar de infraestruturas destinadas ao ocio e o turismo". “Os científicos impartirán talleres didácticos in situ de forma entretida e accesible para todos os públicos pondo de manifesto a necesidade de conservar o bo estado dos areais”, engaden desde o Concello.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.