Gastronomía, lume novo e Fillas de Cassandra para o primeiro Arde Lucus internacional

Chegada das tropas romanas pola ponte sobre o Miño, no comezo do Arde Lucus 2023 © Concello de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-arde-lucus-2023-6f2303c.jpeg

O Arde Lucus celébrase este ano por primeira vez coa consideración de Festa de Interese Turístico Internacional. A festa de recreación do pasado romano e castrexo da cidade de Lugo, impulsada hai dúas décadas polo Concello coa intención de crear un evento que impulsase a hostalería do centro da cidade ás portas de verán, hai tempo que xa desbordou as expectativas coas que naceu: é unha cita de masas, eminentemente turística, pero asentada no labor de asociacións da propia cidade e agora, tamén no traballo de profesionais locais da gastronomía.

O programa do Arde Lucus, que principiou este xoves 22 coa entrada das lexións romanas ao mando do xeneral Caio Antistio pola ponte romana sobre o Miño, inclúe neste 2023 como principal novidade un amplo capítulo gastronómico en colaboración coa Asociación Cociñeiros Lugo. "Poderemos gozar da gastronomía da antiga Roma a través das tapas cociñadas polos máis dignos chefs de Lucus Augusti", ilustraba hai poucos días a alcaldesa, Lara Méndez, na presentación dunha programación que este ano se adapta, ademais, á coincidencia dos días grandes do Arde Lucus coa noite de San Xoán.

Vídeo promocional do Arde Lucus 2023 © Concello de Lugo

Dende este venres 23 (20h) e durante toda a fin de semana, o semisoto da Praza de Abastos e a súa contorna peonil (rúa Quiroga Ballesteros e fondo da praza de Santo Domingo) convértense no espazo Ars Cvlinarivm. Alí, cociñeiros prepararán tapas con produtos como bacallau afumado, costela de porco asada, tortillas de nabos e ortigas con crema de queixo, albóndegas, allos porros confeitados ou xeados de mazá. "Un saboroso menú que nos permitirá mergullarnos no noso pasado agora tamén dende o sentido do gusto", resumen.

"Queremos -sinala a rexedora- que o privilexio de contarmos cunha ampla oferta gastronómica, de elevadísima calidade, se proxecte aproveitando a expectación do Arde Lucus" e así tamén aproveitar, avanza, para "iniciar os pasos para acadar a declaración de Cidade Gastronómica da UNESCO". Todo, nun Arde Lucus que se funde coas celebracións do Lume Novo da noite do San Xoán. Así, case unha ducia das asociacións que impulsan a festa (Civitas Lvcensis, Clan de Breogán, Cohors III Lvcensivm, Lvcvs Eqvites, Lvcvs Icenas Miliatore, Lvgdvnvm, Pax Romana, Salesiani Lvci Avgvsti, Terra Copora, Tir Na N´Og e Trebas Galaicas) organizan unha fogueira especial polo San Xoán na explanada do Pavillón Municipal o venres dende as 23h30.

A gastronomía e o Lume Novo marcan as novidades dun Arde Lucus que tampouco perde de vista a música. O sábado contra a medianoite, na Praza de Santa María estarán os irlandeses Céltica - Pipes Rock e o domingo, ás 21h30 no mesmo escenario, porán o ramo ao Arde Lucus 2023 unhas das protagonistas da escena musical galega actual, Fillas de Cassandra. "Orecemos a oportunidade de escoitar en directo unha das bandas máis innovadoras do folk e rock celta e tamén ás galegas xa recoñecidas como Mellor Música do Ano", salienta Méndez.

Xunto ás novidades non faltan os clásicos do Arde Lucus: das vodas e bautismos celtas ao mercado e os campamentos romanos e castrexos das asociacións locais que impulsan a festa xunto ao Concello

Estas son algunhas das novidades dun Arde Lucus que non deixa fóra ningún dos seus clásicos. Dende a celebración do circo romano na explanada do Pavllón Municipal ao Macellvm (mercado) na Praza Maior, as vodas e bautismos celtas na Porta Miñá e, por suposto, os campamento das asociacións: dende Castra de Lucus Augusti no Parque Rosalía de Castro ao espazo dos lexionarios da Cohors II Lvcensivm na Praza Maior, pasando polas Asemblearias de Lucus Augusti nos xardíns do Museo Provincial ou o Senatvs na Praza da Constitución.

Todo este programa está preparado para uns días nos que, segundo Meteogalicia, Lugo vivirá xornadas solleiras e calorosas e no que a vontade inicial da festa do Arde Lucus, dinamizar o tecido hostaleiro, reborda con amplitude. Non en van, os hoteis da cidade están ao 100% da súa capacidade.

Programa do Arde Lucus 2023 © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.