Galicia súmase ao novo reto viral: o 'Trashtag Challenge', que limpa de lixo praias e outros espazos

Alumnado de 1º de ESO levou a cabo o 'reto' nunha praia de Vilanova de Arousa © @Bibliobasella

Todo comezou no mes de marzo nos Estado Unidos cando Byron Román, residente en Phoenix, publicou en Facebook dúas imaxes do antes e do despois dunha acción de limpeza levada a cabo por un activista medioambiental de Alxeria, Drici Tani Younes, animando a "adolescentes aburridos" a recoller todo o lixo dunha área determinada e compartir despois as fotografías nas redes sociais. Acababa de nacer un novo reto viral, que adoptou o nome de #trashtagchallenge e que se estendeu por todo o planeta.

O reto chegou a Galicia xa no mes de marzo, e na rede pódense atopar imaxes de accións de limpeza en praias da Coruña, Vilanova de Arousa ou Vigo

En realidade, non se trata máis que de facer o que moitos colectivos e grupos de persoas veñen xa facendo (aí están por exemplo as accións de limpeza dos ríos que impulsa Adega) pero dende logo trátase dunha actuación necesaria ante as inxentes cantidades de lixo presentes en praias, ribeiras, montes e outros espazos. Alguén dixo xa sobre o #trashtag que é "o primeiro reto de Internet que de verdade serve para algo".

Na Estrada a iniciativa partiu da tenda de venda de produtos a granel 4eco LoAn © 4eco Loan

O reto chegou a Galicia xa no mes de marzo, e na rede pódense atopar imaxes de accións de limpeza en praias da Coruña, Vilanova de Arousa ou Vigo. E este pasado domingo a tenda da Estrada 4eco LoAN  xuntou unha vintena de voluntarios e voluntarias para limpar as ribeiras do río Tabeirós, onde retiraron preto dunha tonelada de residuos. "Seguiremos adiante con estas iniciativas, e se buscades xente para facer limpeza noutras zonas, aquí nos tedes", anuncian dende 4eco LoAN.

Acción de limpeza na praia das Lapas, na Coruña © Greenpeace
A acción chegou tamén ás praias de Vigo © @puestadesolvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.