Centos de persoas retiran toneladas de lixo dos ríos galegos

Retirada de residuos do río Tea, en Salvaterra CC-BY-SA Asociación Lazoiro

Os ríos seguen a ser o vertedoiro para unha parte da poboación galega. E, na banda contraria, segue a haber centos de persoas dispostas a mollárense, literalmente, para coidalos. Son dúas das conclusións que é posible tirar da xornada de limpeza simultánea de ríos que, organizada por noveno ano consecutivo dende o Proxecto Ríos -unha iniciativa de Adega na que colaboran Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio-, serviu este domingo para retirar toneladas de refugallos de cauces fluviais de todo o país e, ao tempo, para lanzar unha alerta sobre a "ameaza constante que sofren" os ríos por mor do lixo.

Dúas boas mostras desta actividade, na que colaboran unha corentena de entidades ambientais, veciñais e culturais, pódense atopar en Lugo e Salvaterra de Miño. Un é un municipio no interior e cara ao norte e o outro, moito máis preto da costa e lindeiro con Portugal, pero ambos cun desenvolvemento ben marcado polos seus ríos.

No caso lucense a xornada de limpeza estivo impulsada pola propia asociación Adega e mais pola plataforma Lugo de Cara ao Miño, que centra o seu labor na defensa do curso fluvial fronte a agresións como, por exemplo, a recente construción dun dique ou, anteriormente, a apertura dunha gasolineira nun centro comercial. Unhas vinte persoas de todas as idades citáronse no Caneiro do Muíño, na marxe dereita do río, e co seu traballo retiraron toda caste de residuos, uns 400 quilos en total, algúns dos cales resultan especialmente rechamantes.

En Lugo destacan entre o lixo retirado as bolsiñas de azucre das terrazas próximas ao Miño

"Destacaron os plásticos e os microplásticos que son arrastrados río abaixo e acaban atrapados entre as pedras", explican. "Tamén recollemos latas, cartóns, restos de teas, roupa, calzado, un pneumático, ferros dun somier, un sinal de tráfico, un lavabo..." e, xunto a eles, uns residuos que poden pasar máis desapercibidos na vida cotiá. "Chamounos especialmente a atención -contan- a cantidade de bolsas de azucre que se atoparon xunto ao caneiro". A súa orixe, din, pode ser "as terrazas das cafetarías que están ao carón do río". Un remedio para evitar que isto suceda, din, é "instar a hostelaría apegada ao río a que utilice azucre a granel nas terrazas, no canto de ofrecelo en bolsas" que acaban voando co vento e caendo no río.

En Salvaterra o voluntariado retirou pezas de obra e mesmo "varias bolsas con cans afogados"

Na vila do Baixo Miño a organizadora desta xornada de voluntariado ambiental foi responsabilidade da asociación Lazoiro e tivo como escenario a desembocadura do río Tea, na parroquia de Alxén, onde liberaron o río duns 300 quilos de lixo. "Ademais dos obxectos habituais, como plásticos, arames e rodas", explica o colectivo, desta volta "destacan as pezas de metal ou ferro de grandes dimensións, como unha parte dunha estada de obra de case dous metros e unha prancha metálica". Pero tamén levaron unha sorpresa aínda máis desagradable: "atopáronse varias bolsas pechadas que contiñan numerosos cans afogados" e que "a xulgar polo seu estado, todo fai pensar que levaban moi pouco tempo" na auga.

Concienciación posterior

En ambas xornadas de traballo, como nas desenvolvidas por toda Galicia, a retirada de residuos é só unha parte dun labor de concienciación ambiental máis amplo. Así, por exemplo, a asociación Lazoiro destaca que, na que foi "a edición con máis asistencia" dende que se celebra na vila, "a xente puido coñecer de forma directa a importancia de conservar a nos acontorna" e de "implicarse tamén na posterior análise das augas e demais factores" que, posteriormente, "serán enviados ao Proxecto ríos para publicar no informe anual sobre o estado dos ríos galegos.

O pasado ano o voluntariado retirou unhas 13 toneladas de lixo dos ríos galegos

En Lugo a limpeza completouse coas achegas do biólogo e membro de Adega Roi Cuba, que "ensinou aos participantes, a través dunha ficha de clasificación do Proxecto Ríos", explican, "as diferentes clases de macroinvertebrados que viven no río Miño" e cuxo estado "indica a calidade das augas". "Neste caso atopamos varias especies qeu son indicadoras dun estado bo do efluente". "O bo resultado da actividade -din- anímanos a organizar nos vindeiros meses varios grupos de voluntariado" para as campañas de inspección e limpeza do Proxecto Ríos, que nas vindeiras semanas fará balance da xornada. O pasado ano o voluntariado retirou unhas 13 toneladas de lixo.

Lixo atopado no río durante a limpeza en Salvaterra © Asociación Lazoiro
Participantes da limpeza en Lugo, con parte dos refugallos retirados do Miño © Adega Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.