O pasado outono o curso escolar comezaba convulso. As familias enfrontábanse á súa particular costa de setembro, desta volta con menor cobertura das axudas parciais para libros de texto e, sobre todo, cos prezos dos comedores disparados en máis dun 40% por decisión da Xunta. Neste contexto a presidenta das Anpas dos centros públicos, Helena Gómez Vecino, lamentaba en conversa con Praza Pública que a Xunta "non se decate de que hai nenos e nenas que a única comida en condicións que fan é no colexio". Máis cedo que tarde podíase estar a falar de "fame" entre o alumnado e "disto a responsable subsidiaria é a Consellería", dado que se trata "de centros públicos", explicaba. Este mércores o presidente da Xunta negou en termos absolutos esta situación, mesmo desdeñando a entidades sociais de referencia.
Como cada dúas semanas Alberto Núñez Feijóo tiña que responder ás preguntas a oposición e a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, instouno a abordar a cuestión da malnutrición infantil. Para isto, Díaz apoiouse en datos de entidades como Cáritas, que acredita a existencia de 650.000 persoas en situación de exclusión social en territorio galego, 120.000 delas en pobreza severa. "Temos por riba do 20%" da infancia "en situación de pobreza", alerta, nun contexto no que o propio IGE acredita que case 13.000 nenos e nenas do país viven en fogares nos que ningún dos seus membros ten traballo remunerado. "Diante desta situación", lamenta, a Xunta limitouse a contestarlle por escrito a Alternativa que "non dispón de habilitación legal nin de medios especializados que permitan iniciar unha campaña de detección de menores en risco de desnutrición".
Díaz: "Non sei se é un insulto, pero as cifras non as nega"
"Non sei se coñece que hai nenos que nin sequera poden facer unha comida diaria, que deixan de facer actividades extraescolares, que non poden mercar as lentes, que pasan fame e frío", cuestionou Díaz, diagnóstico que ao presidente lle parece unha "lectura apocalíptica" da situación, ademais dun "insulto ao Servizo Galego de Saúde". "Non sei se é un insulto, pero non nega as cifras, retrucou a parlamentaria de AGE, que advirte que as fontes dos seus datos son organizacións que "non son revolucionarias", como asociacións de profesionais da pediatría ou a propia Cáritas.
A Xunta presume do aumento da Risga
"A Igrexa ten os seus informes e o INE, laico, ten os seus datos", di Feijóo, que acusa a AGE de "mentir"
Foi neste punto no que Feijóo introduciu unha rechamante novidade no seu discurso. Xunto coas habituais referencias á Junta de Andalucía o presidente "agradeceu" que AGE "traia informes da Igrexa ao Parlamento", en referencia a Cáritas. Pero "a Igrexa ten os seus informes e o INE, laico, ten os seus datos", que "son moi claros" e din que agora hai 2,2 puntos menos de pobreza en Galicia que en 2008, enfatiza. "Reitero os datos de obreza, non os que vostede inventa", acusa o líder da dereita, para quen o mellor xeito de acreditar a súa xestión neste ámbito é que o Goberno galego "incrementou un 74%" o orzamento da Risga, a axuda para persoas en risco de exclusión social que incrementa ou diminúe en función da demanda e que ten carácter extraorzamentario.
"Supervisamos todos os nutrientes, todos os menús" escolares, continuou Feijóo para tentar probar que Yolanda Díaz, que pide infrutuosamente un "informe a respecto da malnutrición" infantil, "está mentindo". "Temos fogares con problemas, sen dúbida, temos un problema de desemprego en Galicia". "Pero descricións apocalípticas, ningunha", asegura. Neste contexto de desdén ao eclesiástico o titular da Xunta conclúe a súa réplica cun reproche: "parece a Santa Inquisición", espetou.