Ecoloxistas en Acción denuncia que en torno a 38 barcos ao día pasan preto do litoral galego con mercadorías perigosas ademais do combustible
A catástrofe do Prestige pode volver a repetirse. Dezanove anos despois de que Galicia escoitara por primeira vez o nome do pretroleiro monocasco Prestige, dende Ecoloxistas en Acción alertan de que "o 70% do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia". Isto supón que "uns 40.000 barcos ao ano" fan un percorrido que inclúe as costas do país e, "aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible".
Ecoloxistas en Acción prepara un documental sobre o desastre ambiental que supuxo o afundimento do Prestige para o vindeiro ano 2022, coincidindo co vixésimo aniversario da catástrofe ecolóxica. O filme ten por título Alegría! en homenaxe a todas as voluntarias que acudiron a limpar as praias galegas do chapapote.
"Foron días de bágoas e dor, de mentiras e rabia que espertaron no pobo galego unha onda de indignación", lembran
"Alegría!' era o seu berro de guerra cando estaban a limpar o desastre e o esgotamento facía mella", explican desde Ecoloxistas en Acción, que a través desta peza documental pretenden "rememorar a gran mobilización popular ante a nefasta xestión política e posterior campaña de desinformación para ocultar o alcance do desastre ecolóxico".
O documental, que están a construír da man de Urco Producións, céntrase na "marea branca" de voluntarios, fronte á "marea negra" de chapapote, que durante varios meses traballou arreo para limpar a costa galega. "Foron días de bágoas e dor, de mentiras e rabia que espertaron no pobo galego unha onda de indignación que asolagou a praza do Obradoiro seis veces na histórica manifestación do 1 de decembro de 2002", destacan.
Oito dos 13 maiores accidentes con verteduras de petróleo no últimas seis décadas producíronse nas costas de Galicia, lembran. Para este colectivo o actual modelo de transporte marítimo de mercadorías, ademais de perigoso, é daniño para o medio ambiente e un dos factores que contribúen a acelerar o cambio climático.
Desta maneira, reclaman unha "mellora na coordinación de medios operativos permanentes" e "unidades de vixilancia marítima", así como o "aumento da cantidade e calidade das inspeccións" dos buques que atracan no litoral de Galicia. Dende Ecoloxistas en Acción aseguran que "hai pequenos Prestige diarios en forma de sentinazos" e apostan por rachar co modelo dependente do petróleo.