A plataforma Nunca Máis recorrerá finalmente a sentenza sobre o Prestige que absolveu o Estado, o capitán e o xefe de máquinas de calquera responsabilidade na marea negra que hai once anos estaba a contaminar xa toda a costa do país. O colectivo decidiu presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo, non tanto pola confianza que ten en que se revise o ditame da Audiencia Provincial da Coruña, senón coa intención de manterse no proceso de apelacións para poder acudir, chegado o caso, ao Tribunal Europeo, ante a Corte Europea de Dereitos Humanos.
É en Estrasburgo onde Nunca Máis deposita as súas esperanzas de conseguir que a maior catástrofe ecolóxica non quede sen castigo ningún, logo de que a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentase unha pregunta ante a Comisión Europea para que determinase a sentenza e comprobase se a falta de responsabilidades no ditame non contrastaba coas mudanzas lexislativas impulsadas pola UE na normativa de seguranza no tráfico marítimo e introducidas precisamente tras a catástrofe do Prestige.
Nunca Máis "esgotará" a vía xudicial en España para logo "acudir ao Tribunal de Estrasburgo"
"Estamos ante unha sentenza absolutoria sen precedentes no mundo", dixo Xaquín Rubido, voceiro de Nunca Máis, que cre que o ditame é tamén "claramente político" ao "tapar as responsabilidades do Goberno" na catástrofe. Por iso, aclarou a súa "desconfianza patente" do colectivo na Xustiza española e en que o recurso dea resultado. Así, a plataforma xa aclara que vai "esgotar toda a vía xudicial do Estado, ata o Constitucional" para despois "acudir a Europa, ao Tribunal de Estrasburgo", tal e como se acordou "por unanimidade".
Ademais, a plataforma tamén anunciou en rolda de prensa que convocará a cidadanía a saír á rúa nas sete cidades galegas, así como na Mariña, o vindeiro 1 de decembro para amosar o seu rexeitamento á sentenza, "erguer a bandeira da dignidade" e "canalizar a indignación e a carraxe" ante un ditame xudicial que decepcionou unha inmensa maioría da sociedade. Será unha data especial xa que o pobo galego volverá berrar Nunca Máis xusto once anos despois daquela histórica e masiva manifestación que ateigou Compostela na meirande mobilización social que se recorda no país. E será o vindeiro domingo e tras as exitosas concentracións que xuntaron milleiros de persoas en varias localidades galegas o pasado venres, dous días despois da sentenza.
A plataforma apela á "solidariedade" do pobo e abrirá unha conta para colaborar cos custos do proceso xudicial
Do mesmo xeito, a plataforma tamén apela á "solidariedade" da sociedade no proceso xudicial que manterá aberto e anuncia que habilitará unha conta bancaria para colaborar nos gastos que implicarán os diferentes recursos ante os tribunais. Nunca Máis, como agora hai once anos, chama tamén á "creatividade" do pobo galego á hora de amosar a súa indignación coa impunidade do ditame xudicial, así como coas declaracións dos daquela responsables políticos por amosar a súa "satisfacción" pola resolución. "Por unha sentenza que deixa desamparado este país?", pregúntase Rubido, que denunciou que se cualifique de "radicais" os manifestantes que apoian a plataforma, aos que volveu pedir saír á rúa "con alegría, creatividade, retranca e humor".
"Demostraremos de novo que esta sociedade non é indiferente e non se resigan contra unha setnenza uqe non acatamos e que non está á alutra do compromiso ético e do amor polo noso patrimonio cultural", rematou o voceiro do colectivo.
O recurso de Nunca Máis únese ao xa anunciado polo colectivo ecoloxista Arco Iris, así como o do Estado. A Xunta, que amosou tamén a súa disconformidade coa sentenza, deberá decidir agora se se une ao recurso anunciado por Madrid ou se presenta outro.