A alerta dun tripulante evitou que o aparato con base en Vigo que opera Babcock chocase contra o mar durante un voo nocturno de adestramento no que piloto e copiloto tiveron “un exceso de confianza nos automatismos”
O 26 de xullo de 2019, ás 23.15 horas, o helicóptero de salvamento marítimo da Xunta con base no aeroporto de Vigo, o Pesca 1, estivo a piques de chocar contra o mar no medio da ría durante un voo nocturno de adestramento. “Un exceso de confianza nos automatismos” por parte de piloto e copiloto fixo que ningún dos dous se dese conta de que malia que o aparato debía voar a uns 150 metros de altura realmente seguira a descender de xeito continuo ata que outro tripulante, o operador da grúa de rescate, advertiu que xa estaban máis baixos que o pau maior dun veleiro que había na zona, a só uns 7 metros sobre a superficie da auga.
“Atendendo ao número e gravidade das discrepancias que confluíron no incidente, tendo en conta que, con maior ou menor gravidade, se trata de sucesos xa ocorridos no pasado, e sobre todo dada a gravidade das consecuencias a que se poden chegar, estímase necesario realizar unha recomendación ao operador Babcock, no sentido de que mellore a formación canto á adherencia aos procedementos”. Esa é a recomendación que a investigación dos feitos por parte de Aviación Civil formula á empresa que opera para a Xunta os dous helicópteros de salvamento que esta lle vendeu en 2012 por “obsoletos”.
O operador da grúa "observou na escuridade da noite o que parecía a superficie do mar" e comprobou "que o helicóptero se atopaba lixeiramente por baixo" do tope do pau maior dun veleiro, a só sete metros sobre a auga
Segundo a investigación agora publicada pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac), o helicóptero dirixíase desde o aeroporto de Peinador a un cantil da costa do Morrazo no que ían facer un adestramento simulando un rescate. No camiño o aparato debía descender dos 1.900 pés (uns 600 metros) que era a súa altitude de cruceiro ata 500 pés (uns 150 metros), pero sen que nin o piloto nin o copiloto fixesen nada para evitalo malia que soaron varias alarmas sonoras e visuais na cabina, o aparato seguiu baixando.
Durante o descenso outro tripulante, o operador da grúa de rescate, observara a través do sistema de infravermellos que facilita a visión nocturna que había un veleiro na canle de entrada da ría de Vigo. Segundo o relato da investigación, posteriormente “observou na escuridade da noite o que parecía a superficie do mar, polo que volveu buscar o veleiro [...] comprobando nese instante que o helicóptero se atopaba lixeiramente por baixo da luz de tope” do pau maior do barco. “Nese instante alertouse repetidas veces, incluso berrando, por parte de diferentes membros da tripulación de rescate, que estaban baixando, momento no que o copiloto gritou ‘50 pés’ [15 metros] e realizou un forte ascenso”. O altímetro chegou a rexistrar unha distancia sobre a auga de só 22 pés (uns 7 metros). Pilotos e resto de tripulantes chegaron a dubidar de se realmente chocaran contra a auga, algo que non ocorreu, e volveron ilesos ao aeroporto.
A investigación conclúe que “a causa do incidente foi a perda de conciencia situacional por parte da tripulación” por "un exceso de confianza" e "compracencia" por parte da tripulación que a empresa debera corrixir
A investigación estableceu que piloto e copiloto non realizaron “ningunha comprobación cruzada de alturas durante o descenso”, “houbo saturación de comunicacións e de tarefas (elementos distratores) a realizar en cabina” e que “non se prestou atención algunha á monitorización do voo”. O documento establece que “a causa do incidente foi a perda de conciencia situacional por parte da tripulación” debido a que esta “tiña asumido que a aeronave estaba operando baixo control de altitude, cando realmente non era así, dado que non se activara o sistema correspondente”. E engade que “un exceso de confianza nos automatismos levou a unha situación de compracencia por parte da tripulación que provocou a non realización da obrigada monitorización do descenso, chegando a acadar unha grave situación de perigo”.
A recomendación que formula a investigación é que o operador do aparato, Babcock, concesionario da Xunta para a que presta o servizo cos dous aparatos que esta lle vendeu en 2012 por obsoletos, “estableza os procedementos adecuados para mellorar a instrución referente á adherencia aos procedementos, en particular en prevención de CFIT [voo controlado contra o terreo], respostas a avisos e alarmas, no adestramento inicial e recorrente das súas tripulacións”.
Outra investigación sobre o choque dun helicóptero contra incendios ca Xunta contra unha liña eléctrica na base do Marroxo, en Monforte, conclúe que o piloto fixo unha manobra de despegue incorrecta
Por outra banda, a Ciaiac tamén vén de facer público o resultado doutra investigación sobre outro accidente que tamén tivo como protagonista un helicóptero que tamén prestaba servizo para a Xunta pero do que esta tampouco informou. O pasado 11 de xullo, na xornada de reflexión das eleccións galegas, un aparato de loita contra incendios que tamén realizaba un voo de adestramento chocou coa cesta ou balde auga que transportaba ao pouco de despegar contra unha liña eléctrica existente nas inmediacións da súa base do Marroxo, en Monforte.
Piloto e copiloto saíron ilesos pero o aparato resultou con danos relevantes e a investigación sinala que “as consecuencias deste impacto foron as mínimas que se poderían esperar neste tipo de eventos, nas que dependendo da forza coa que a cesta é despedida cara arriba, os danos poden ser catastróficos”.
Neste caso a investigación conclúe que a liña eléctrica chega á base de helicópteros por unha zona na que tamén hai antenas que non debía ser sobrevoada e que “a manobra de despegue” por parte do piloto “non cumpriu coas velocidades, rumbos, perfil de ascenso nin zonas de operación”. O documento sinala que, en todo caso, a empresa contratista da Xunta operadora do aparato, Rotorsun, “implementou medidas orientadas a mellorar o coñecemento das bases durante a incorporación ás mesmas”.