O alto tribunal avala unha sentenza previa que estableceu que o Goberno galego “non cumpriu co deber de vixilancia que lle impón a Lei de Riscos Laborais tendo en conta os graves incumprimentos en que incorreron as empresas contratistas”
O 2 de outubro de 2011 un piloto dunha avioneta de extinción de incendios contratada pola Xunta morreu tras estrelarse contra un monte ao norte de Verín tras descargar sobre un lume alí activo. Case unha década máis tarde o Tribunal Supremo vén de facer firme unha sentenza que condena á Xunta e á empresa para a que traballaba por non cumprir coas medidas de prevención de riscos laborais obrigadas por lei. Segundo a xustiza, “os incumprimentos conectados causalmente co sinistro que nos ocupa son imputables directamente á Administración codemandada”.
A sentenza que agora fai firme o Supremo deriva da demanda que a familia do falecido presentou para que se incrementase a responsabilidade económica polo accidente laboral. Residentes en Euskadi, foi o Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco o que en 2019 avalou outra sentenza previa dun xulgado do Social de Bilbao que condenou ás empresas Martínez Ridao Aviación SL e Servicios Aéreos Europeos y Tratamientos Agrícolas SL, así como á Xunta como empregadora última por contratar os servizos desas firmas. A primeira sentenza foi recorrida polas dúas empresas e a Xunta, mentres que a segunda xa só polas empresas, e agora o Supremo dá por rematado o caso ao inadmitir os recursos e facer firme a sentenza do Superior vasco.
Nesa sentenza agora ratificada relátase como o piloto, de 54 anos e preto de de 4.000 horas de voo, 630 delas no mesmo tipo de aeronave do accidente, despegou o 2 de outubro ás 14.52 horas da súa base habitual en Doade (Sober) para participar na extinción dun incendio en Rairiz de Veiga e, unha vez controlado, ás 15.36 recibiu a orde de aterrar na base de Antela (Xinzo de Limia). Ás 17.15 horas recibiu orde de despegar novamente para actuar nun incendio en Monterrei, ao norte de Verín, onde tras realizar a súa primeira descarga, arredor das 17.32 horas, as turbulencias xeradas polo incendio “posiblemente” provocaron unha viraxe no avión cara á montaña que tiña á súa esquerda, contra a que bateu.
“O traballador foi visto polos helicópteros fóra do avión, de pé, e próximo á fuselaxe ás 17.34 horas, e ás 17.40 horas a cabeza do incendio alcanzou os restos da aeronave. O corpo do piloto foi localizado ás 19.45 horas por membros dunha das brigadas de terra”, relata a sentenza.
A xustiza considera que a Xunta “incorreu en incumprimentos en materia de seguridade nos aeródromos sobre os que ten competencia, e desde os que voou o traballador falecido”
Tras analizar o caso, a xustiza concluíu con respecto á actuación tanto das dúas empresas como da Xunta que “non consta avaliación algunha dos riscos laborais do posto” do piloto, “non existe proba de que se proporcionara ao traballador traxe ignífugo nin casco” e que segundo unha inspección das bases contra incendios realizada tres días antes pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) atopáronse tres “disconformidades” na base de Doade-Sober (“non dispuña de carta operacional”, “non dispuña de anemómetro” e “non realizaron os cálculos de masa e centrado previos a cada voo ou series de voo”) mentres que “non consta que tales operacións se realizaran na base de Antela-Xinzo”.
A sentenza ratificada engade que “de comprobar a existencia de turbulencias as instrucións serían outras”, “non se preveu a actuación ante a caída do avión”, non se probou por parte das tres partes demandadas “a adopción das medidas precisas para previr ou evitar o risco, como os dispositivos de localización”, “non consta que se comunicara ao traballador a existencia de turbulencias” e “unha rápida localización do traballador quizais podería evitar o seu falecemento”.
No proceso a Xunta argumentou que a causa do accidente foron as turbulencias, que a responsabilidade recae directamente sobre o empresario infractor e que se houbera algún incumprimento en materia de prevención non estaría na cadea causal do accidente. Pero o Tribunal Superior do País Vasco rexeitouno lembrando que a lei de prevención de riscos laborais, o estatuto dos traballadores e a lei de infraccións da orde social fan responsable tamén ao “empresario principal”, neste caso a Xunta, aínda que subcontrate os servizos. Un Goberno galego que “incorreu en incumprimentos en materia de seguridade nos aeródromos sobre os que ten competencia, e desde os que voou o traballador falecido”.
A xustiza reitera así “a obriga da Administración contratante de vixiar o cumprimento da normativa de prevención por parte da contratista, así como a súa responsabilidade solidaria polos incumprimentos en que incorre esta última” e engade que “a Xunta non cumpriu co deber de vixilancia e coordinación que lle impón a Lei de Prevención de Riscos Laborais, habida conta dos graves incumprimentos en que incorreron as empresas contratistas”.
A Xunta xa foi condenada pola morte de dous brigadistas en 2010 e dun axente forestal en 2015, e máis de trinta persoas xa morreron por incendios forestais en Galicia nas tres últimas décadas
A condena á Xunta polo falecemento deste piloto en 2011 súmase a outras resolucións xudicias recentes que atribuíron igualmente responsabilidades ao Goberno galego noutras mortes en operativos de extinción de incendios forestais. A Xunta foi condenada tamén pola morte de dous brigadistas en Fornelos de Montes en 2010 ou pola morte en 2015 dun axente forestal. As mortes por incendios forestais en Galicia superan a trintena en tres décadas.
Por outra banda, o Tribunal Supremo tamén vén de anular a disposición coa que a Xunta denegou durante anos a bombeiros forestais de máis de 60 anos con contratos temporais a posibilidade pasar a unha segunda actividade afastados da primeira liña do lume como si lles permitía aos traballadores fixos malia que "a penosidade e perigosidade da extinción de incendios con máis de 60 anos é a mesma", segundo salientan os xuíces.