Cinco anos da morte dun axente forestal por “falta de dilixencia” da Xunta: o TSXG ratifica a condena

Fragmento da sentenza do TSXG e unha imaxe de brigadistas de Apropiga CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego recorreu a sentenza que hai un ano o considerara responsable do infarto dun traballador que xa sufrira outro ataque antes e o alto tribunal ratificouna nunha decisión que non transcendera ata agora

O 27 de xuño de 2015, hai agora cinco anos, un axente forestal que sufrira previamente un infarto faleceu ao ter outro ataque ao corazón cando acudía en solitario a un incendio. Hai un ano un xulgado do social de Lugo condenou á Xunta a indemnizar á súa viúva pero o Goberno galego recorreu aquela sentenza. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou en decembro aquela condena nunha decisión que non fixo pública ata meses máis tarde, durante a crise do coronavirus, e que non transcendera ata agora. O alto tribunal considera acreditada a “falta de dilixencia” da Xunta por non previr ese risco adecuadamente.

O traballador falecido en 2015 sufrira xa un infarto previo e solicitara en varias ocasións, amparado por informes médicos que así o recomendaban, o seu traslado a outras ocupacións que non requirisen estrés físico ou psíquico, pero a Xunta rexeitárao. O Goberno galego tampouco comunicara nunca expresamente ao axente forestal a posibilidade de realizar recoñecementos médicos periódicos. 

“Non se pode considerar”, dicía a sentenza que condenou á Xunta hai un ano, que esta “actuase de forma dilixente na protección da saúde dun traballador que, finalmente, faleceu da cardiopatía que padecía co gallo das súas funcións” sometido “a situacións de estrés e esforzo físico e exposición a gases e fontes de altas temperaturas”.

Fragmento da sentenza do TSXG avalando a condena á Xunta pola morte dun axente forestal CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG sinala como probado que “non se comunicou expresamente” ao axente forestal “a posibilidade de realizar recoñecementos médicos periódicos"

O TSXG ratifica por completo aquela condena fronte ao recurso que presentara a Xunta, que puña en dúbida tanto a resolución xudicial inicial de fondo como a contía a indemnizar. O Tribunal Superior considera que a conclusión á que chegou hai un ano a xuíza na sentenza inicial “de falta de dilixencia pola demandada” resulta “axustada a dereito”. Entre outras cousas, o TSXG sinala como probado que “non se comunicou expresamente” ao axente forestal “a posibilidade de realizar recoñecementos médicos periódicos e que tales recoñecementos nunca se fixeron ata a data do falecemento”

Os falecidos por incendios forestais nas tres últimas décadas son xa unha trintena

“É á empresa [a Xunta] á que correspondía probar a adopción das medidas necesarias para previr ou evitar o risco, o que non se acreditou suficientemente. Por todo iso, concorren elementos para a responsabilidade empresarial”, conclúe o tribunal, que ademais de ratificar a contía da indemnización condena á Xunta a asumir as custas procesais. 

A morte por infarto dese axente forestal ligada así pola xustiza de xeito directo ao seu posto de traballo supón que os falecidos por incendios forestais nas tres últimas décadas son xa cando menos unha trintena. En xuño de 2017 o mesmo TSXG xa condenara á Xunta pola morte doutros dous brigadistas en Fornelos en 2010.

Este mércores comeza a época de perigo alto de incendios cun dispositivo similar ao do pasado ano, con máis de 5.800 persoas e unha trintena de medios aéreos

Este mércores, 1 de xullo, comeza a época de perigo alto de incendios decretada pola Xunta para este ano, que durará ata o 30 de setembro. Nesta ocasión o Goberno galego reduciu de 71 a 28 as parroquias con maior risco pero advirte da "atención especial" que requiren as que permanecen na lista.

O dispositivo de loita contra o lume deste ano contará, na época de perigo alto que comeza este mercores, con 5.819 persoas preparadas para actuar entre as administracións autonómica, estatal e locais, 10 menos que o ano pasado entre altas e baixas en diversos postos das diversas administracións, pero principalmente nos medios aéreos contratados. A Xunta dispón de 16 brigadas helitransportadas e outros 17 medios aéreos de extinción ou vixilancia (pasa de 2 a 4 avións de carga en terra e de 8 a 5 helicópteros de tipo lixeiro, mentres que se manteñen os mesmos 6 helicópteros de tipo medio e 2 helicópteros de coordinación), ao que hai que engadir entre 9 e 11 medios aéreos do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.