O falecemento dos dous pilotos do hidroavión caído en Lobios fai que as mortes por incendios forestais superen a trintena en tres décadas

Avión caído en Lobios e recompilación de falecementos en incendios forestais CC-BY-SA Praza Pública - @BrifLaza

Persoal dos servizos de extinción seguido de persoas de idade que estaban realizando queimas son o perfil máis habitual

En novembro de 2017, tras a vaga de incendios que unhas semanas antes arrasara milleiros de hectáreas e deixara catro mortes en Nigrán, Vigo e Carballeda de Avia, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) recompilou os falecementos provocados por lumes forestais dos que tiña constancia nas tres décadas anteriores, 27 ata aquel momento, un listado que podería estar incompleto pero que é revelador do alcance do problema. A lista seguiu aumentando neste tempo e a morte agora do segundo piloto do hidroavión portugués caído en Lobios mentres traballaba na extinción dun incendio o pasado 8 de agosto fai que supere xa a trintena de falecementos en tres décadas.

A recompilación de falecementos relacionados dun ou doutro xeito cos incendios forestais realizada pola SGHN comezaba co accidente dun hidroavión de extinción en Lavacolla en 1988 no que faleceron catro persoas. Outros sete pilotos morreron desde aquela noutros seis accidentes, do mesmo xeito que no listado tamén aparecen brigadistas non só falecidos polo efecto directo do lume senón tamén en accidentes sufridos en desprazamentos. A eles hai que engadir a morte por infarto en 2015 dun axente forestal que acudía en solitario a un incendio pola que a Xunta foi condenada en 2019, sentenza ratificada hai uns meses polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Veciñanza, xeralmente de idade avanzada, que realizaba queimas ou que se viu rodeada por incendios é outro dos perfís que se repiten no listado. Desde que este foi elaborado pola SGHN a finais de 2017, cando menos ocorreu noutras tres ocasións. O 15 de febreiro de 2019 rexistrábase a morte en Bande dunha muller de 83 anos atopada morta tras extinguirse un lume que supostamente se lle descontrolara. O de 1 marzo do mesmo ano os servizos de emerxencias informaban da morte dun veciño de Friol de 89 anos morto nunha queima descontrolada. E o mesmo ocorría de novo en Bande o 29 de abril cun home de 71 anos.

En marzo de 2019 tamén foi atopado en Toques un cadáver nun coche nunha zona afectada por un incendio, dubidando inicialmente as investigacións policiais sobre a relación entre os dous feitos ata que finalmente foron detidas varias persoas por un presunto homicidio que posteriormente intentaron supostamente ocultar prendendo o lume. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.