Avincis, herdeira de Babcock e Inaer, que controla o sector, presenta a única oferta, sen ningún tipo de rebaixa, no concurso para os próximos catro anos, no que o Goberno galego esixiu renovar os aparellos e que axuden na loita contra os incendios forestais
Avincis, como se chama agora o que antes foi Babcock e antes Inaer, é a única empresa que presentou oferta ao concurso público convocado pola Xunta para renovar por catro anos o servizo de salvamento marítimo con helicópteros, que esa mesma empresa vén prestando desde hai dúas décadas. E fíxoo sen baixar un só céntimo os case 45 millóns de euros que a Xunta puxo como prezo máximo de licitación. Se finalmente resulta adxudicataria do novo contrato, deberá renovar os actuais aparellos por outros máis modernos e non só destinalos a salvamento marítimo senón tamén colaborar cando a Xunta así llo requira na loita contra os incendios forestais.
Como xa ocorreu en anteriores concursos públicos similares, o sector dos servizos aéreos en helicópteros, en especial o salvamento marítimo, é tan especializado e o mercado tan reducido, mesmo con acusacións de monopolios incentivados desde as administracións, que é habitual que haxa concursos cunha única oferta que non rebaixa nin un só céntimo o prezo de saída.
En 2013 Inaer chegara a argumentar que non era problema seu que non houbera máis empresas no sector, e no concurso de renovación do servizo convocado en 2017 non se presentou inicialmente ningunha oferta, o que obrigou a Xunta a elevar o seu importe para acabar outorgándollo a Inaer.
Hai dous anos Aviación Civil recomendou que a empresa "mellore a formación" dos seus pilotos logo de que o 'Pesca 1' case tivese un accidente na ría de Vigo
No novo concurso a Xunta puxo como importe de licitación, isto é, o que está disposta a pagar como máximo, 44.838.320 euros. E exactamente esa é a cifra que vén de ofrecer Avincis, nunha oferta na que se presentan asociadas varias das súas filiais. Aínda que finalmente o importe pode ser superior, porque os catro anos iniciais do contrato poden ser prorrogados un ano máis e a Xunta está disposta a asumir posibles aumentos de horas de voo que poderían levar o total do contrato a 58 millóns de euros.
A historia dos helicópteros de salvamento da Xunta remóntase a 2005, cando tras o accidente do Prestige o Goberno galego mercou por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ cuxa operación encargou á daquela Inaer. En 2012 vendeunos pola metade de prezo co argumento de que quedarían “obsoletos”. Pero despois seguiu alugando os mesmos dous aparellos á empresa que os mercara, a mesma que lle viña prestando o servizo, Inaer, despois integrada en Babcock, que á súa vez vendeu hai un ano esa mesma división a un fondo de investimento que a renomeou como Avincis. Polo medio, en 2021 Aviación Civil recomendou que a empresa "mellore a formación" dos seus pilotos tras case ter un accidente na ría de Vigo en 2019.
Hai só dous anos, cando o último contrato de alugueiro e operación deses helicópteros ía rematar, o Goberno galego decidiu prorrogalo. E tras non podelo facer máis, hai dous meses a Xunta convocou un novo concurso público no que esixe que os aparatos que se aluguen durante os próximos anos sexan outros distintos, para o que fixou características técnicas que xa non poden ser cumpridas polos actuais.
De feito, os pregos de condicións foron deseñados tendo en conta as prestacións e custo dos helicópteros AugustaWestland 139 que emprega o servizo de salvamento marítimo estatal (Sasemar), tamén subcontratado a Avincis. E ese modelo exacto, con aparatos fabricados en 2009 e 2010, é o que agora ofrece Avincis.
Os novos pregos de condicións tamén engaden, ás tarefas de salvamento e gardacostas que xa viñan realizando os helicópteros, unha nova: “Colaborar e cooperar, en situacións excepcionais de emerxencia e así o considere a Consellería do mar, cos dispositivos aéreos despregados pola Xunta de Galicia na loita contra os incendios forestais”.