O Goberno galego primará nun novo concurso público as empresas interesadas que oferten aparatos fabricados despois de 2015 fronte os actuais de 2005
En 2005 o Goberno galego mercou por 27 millóns de euros dous helicópteros para o servizo galego de Salvamento Marítimo que en 2012 vendeu pola metade de prezo co argumento de que quedarían “obsoletos”. Pero despois seguiu alugando os mesmos dous aparellos á empresa que os mercara.
Hai só dous anos, cando o último contrato de alugueiro e operación deses helicópteros ía rematar, o Goberno galego decidiu prorrogalo. Ata agora, que xa non pode facelo máis e vai convocar un novo concurso público no que quere que os aparatos que finalmente se aluguen sexan outros distintos, para o que primará as empresas que oferten helicópteros fabricados despois de 2015.
A historia dos actuais helicópteros de salvamento marítimo da Xunta comeza cando, tras o accidente do Prestige, o Goberno de Manuel Fraga decidiu reforzar os seus dispositivos e mercou en 2005 por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ que pasarían a operar cos nomes de Pesca 1 con base en Vigo e Pesca 2 con base en Celeiro. A propiedade dos aparatos era pública, pero a operación do servizo foi adxudicada á empresa Inaer, que durante anos levou a práctica totalidade dos contratos de helicópteros da Xunta, fosen sanitarios ou contra incendios.
Os helicópteros actuais foron mercados pola Xunta en 2005 e vendidos en 2012 para despois alugalos nunha operación que o Consello de Contas criticou por carecer de "ningún estudo sobre a repercusión da venda" en futuras contratacións do servizo
Nun longo proceso iniciado en 2011 e rematado en 2012, e tras varias modificacións irregulares do contrato fiscalizadas polo Consello de Contas, o Goberno galego vendeulle a Inaer os dous aparatos por 13 millóns de euros, a metade do que custaran sete anos antes, co argumento de que estaban a quedar vellos e que destinaría os cartos que obtiña pola venta a rebaixar a cota anual a pagarlle por operar o servizo, que tiña que seguir prestando con eses mesmos aparatos durante cinco anos. Pasado ese prazo a empresa sería libre de usar os helicópteros xa na súa propiedade como quixese e a Xunta convocaría un novo concurso público para que calquera empresa lle prestase o servizo de salvamento con helicópteros privados supostamente con mellores prestacións.
Porén, o Consello de Contas criticou que a operación se realizase sen que a Xunta fixese "ningún estudo sobre a repercusión da venda dos helicópteros" nas futuras contratacións do servizo, cando a administración xa non tivese aparatos da súa propiedade. E o que pasou foi que, con características so servizo cambiantes, se ata 2012 o custo anual de operar os dos dous helicópteros de propiedade pública era de 7,5 millóns de euros, no contrato que ese ano a Xunta outorgou a Inaer por cinco anos o servizo a prestar ascendía a 8,9 millóns ao ano, que lograba rebaixar a 6,1 millóns grazas a restar o obtido pola venta dos aparatos.
O contrato vixente desde 2017 foi prorrogado en 2021 e durante el a Xunta impuxo seis penalizacións por incumprimentos que sumaron 200.000 euros e Aviación Civil recomendou mellorar a formación dos pilotos tras case chocar contra o mar na ría de Vigo en 2019
En 2017, ao rematar o contrato no que a empresa tiña que manter os mesmos aparatos, o concurso convocado para renovar o servizo quedou inicialmente deserto e a Xunta, tras consultar a empresas do sector, tivo que aumentar o seu importe para que acabase igualmente en mans de Inaer, única concursante, que ese ano foi adquirida pola británica Babcock. E os helicópteros que ofertou e cos que seguiu a operar o servizo foron exactamente os mesmos dous que lle vendera a Xunta, en contra da suposta mellora que se obtería que defendera o propio Feijóo. Nese novo contrato o custo de operar o servizo aumentou novamente, a 8,25 millóns ao ano. E malia que o contrato remataría en 2021, cando a Xunta podía convocar un novo concurso, nese ano decidiu prorrogar coa mesma empresa polo mesmo importe outros dous anos máis, ata o próximo 31 de outubro.
Neste último contrato, segundo informou Rueda este xoves, a Xunta impuxo á empresa, agora en mans dun fondo de investimento, seis penalizacións por incumprimentos do servizo que sumaron 200.000 euros. Ademais, Aviación Civil recomendou á empresa que "mellore a formación" dos seus pilotos tras case chocar contra o mar na ría de Vigo en 2019 durante un voo nocturno de adestramento no que piloto e copiloto tiveron “un exceso de confianza nos automatismos”.
Segundo o avanzado pola Xunta, o novo concurso requirirá características técnicas de potencia e peso na engalaxe que non cumpren os helicópteros actuais
Pero xa non pode haber novas prórrogas e a Xunta aprobou este xoves iniciar a tramitación dun novo concurso. E agora si, segundo avanzou Rueda, introducirá nos pregos de condicións unha cláusula que primará con máis puntos a empresa que oferte aparatos fabricados despois de 2015. O novo concurso tamén fixará outras novas esixencias, entre elas, segundo a nota divulgada pola Xunta e á espera de coñecer os pregos de condicións, unha potencia e peso máximo de engalaxe superiores aos Sikorsky actuais. E en liña coas novas esixencias tamén se elevará novamente o custo do servizo, a uns 11 millóns ao ano (serán preto de 45 millóns de euros para catro anos, ata 2027, pero novamente prorrogables outro ano máis, que xunto con posibles aumentos de horas de voo podería levar o contrato a un total de 58 millóns).
Xunto con este contrato de Salvamento Marítimo a Xunta tamén autorizou este xoves convocar un novo concurso para renovar o servizo dos helicópteros de urxencias sanitarias do 061. Terá un orzamento de preto de 10 millóns de euros por tres anos e nel ampliaranse lixeiramente as horas de voo entre o amencer e o ocaso -pasarase das 800 horas efectivas anuais a 850) e haberá “máis control do servizo canto ao incumprimento da obriga de dispoñer dunha aeronave de reserva ante a inoperatividade técnica da aeronave titular”.