En 2016 Inaer, que se viña facendo coa maioría dos contratos do Goberno galego, parte deles con irregularidades constatadas pola xustiza ou o Consello de Contas, foi mercada por Babcock, que agora venderá esa división a un fondo de investimento
Durante anos unha mesma empresa, Inaer, foi a adxudicataria de xeito recorrente dos principais servizos de emerxencias con helicópteros da Xunta, como os de salvamento marítimo, loita contra os incendios ou sanitarios. En varios deles tanto a xustiza como o Consello de Contas detectaron irregularidades, o que non impediu que a empresa se seguise facendo con contratos grazas á pouca competencia que hai no sector, algo do que ela mesma se gababa.
En 2016 Inaer foi adquirida por Babcock, firma de orixe británica presente por todo o mundo, e nos últimos anos varios dos contratos da Xunta cos que se viña facendo acabaron en mans doutras empresas, como os que transportan as brigadas forestais. Aínda así, Babcock segue xestionando os helicópteros de salvamento marítimo ou os de coordinación de incendios, pero agora vén de decidir vender todo o seu negocio de servizos aéreos de emerxencias en España e noutros países a unha xestora de fondos de investimentos con sede en Londres, Ancala Partners, por 136 millóns de euros, unha operación que anunciou este martes e que espera concretar a final de ano, tras recibir as autorizacións necesarias.
O comunicado só se refire ao negocio das emerxencias e nada di doutros proxectos como o desenvolvemento de drons e novos sistemas aéreos, áreas nas que Babcock é socia da Xunta no polo tecnolóxico que esta creou con subvencións públicas no aeródromo de Rozas.
A historia da relación da antiga Inaer coa Xunta está salpicada de diversas irregularidades, como vén contando hai anos Praza.gal. Neste tipo de contratos de servizos aéreos de emerxencias as administracións adoitan encargar ás empresas interesadas que sexan elas as que faciliten helicópteros da súa propiedade e os operen. Pero ante un mercado con oferta limitada -potenciado polas propias administracións, segundo critican as empresas máis pequenas do sector-, iso fai que as administracións dependan do que as empresas con máis capacidade estean dispostas a ofertarlle. O que acabou derivando en todo tipo de irregularidades constatadas nos últimos anos pola xustiza ou o Consello de Contas, entre as que destacan a polémica venta e posterior alugueiro dos helicópteros de salvamento e a contratación ilegal a dedo, constatada pola xustiza, de parte do servizo contra incendios en 2012.
Os “obsoletos” helicópteros de Salvamento que a Xunta vendeu e agora aluga
Hai uns meses o Goberno galego prorrogou a Babcock o contrato de salvamento marítimo que opera con helicópteros alugados que a propia Xunta lle vendeu en 2012 por "obsoletos" nunha operación criticada polo Consello de Contas
A historia dos actuais helicópteros de salvamento marítimo da Xunta comeza cando, tras o accidente do Prestige, o Goberno de Manuel Fraga decidiu reforzar os seus dispositivos e mercou en 2005 por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ que pasarían a operar cos nomes de Pesca 1 con base en Vigo e Pesca 2 con base en Celeiro. Para non depender de que houbese empresas dispostas ou non a facilitarlle ese tipo de aparatos cunhas características de autonomía e operacións como as que requiría a Xunta para a costa galega, decidiuse que a propiedade fose pública, pero a operación do servizo foi adxudicada a Inaer.
Porén, en 2011 a Xunta decidiu vender eses dous aparatos. Entregoullos a Inaer por por 13 millóns de euros, a metade do que custaran sete anos antes, co argumento de que estaban a quedar vellos e que destinaría os cartos que obtiña pola venta a rebaixar a cota anual a pagarlle por operar o servizo, que tiña que seguir prestando con eses mesmos aparatos durante cinco anos. Pasado ese prazo a empresa sería libre de usar os helicópteros xa na súa propiedade como quixese, e a Xunta convocaría un novo concurso público para que calquera empresa lle prestase o servizo de salvamento con helicópteros privados.
A operación foi criticada polo Consello de Contas, que lamentou que se realizase sen que a Xunta fixese "ningún estudo sobre a repercusión da venda dos helicópteros" nas futuras contratacións do servizo, cando a administración xa non tivese aparatos da súa propiedade. E o que pasou nese futuro inmediato foi que se ata 2012 o custo anual do servizo dos dous helicópteros de propiedade pública era de 7,5 millóns de euros, no contrato que lle outorgou ese ano a Xunta a Inaer por cinco anos o servizo a prestar ascendía a 8,9 millóns ao ano, que lograba rebaixar a 6,1 millóns grazas a restar o obtido pola venta dos aparatos.
Pasados os cinco anos, en 2017 o que atopou a Xunta foi que o concurso que convocou para renovar o servizo por 6,5 millóns ao ano con helicópteros privados quedou deserto. O Goberno galego chegou a preguntar ao mercado e ás posibles empresas interesadas canto custaría o servizo e convocou un segundo concurso con novas condicións por catro anos e 8,25 millóns ao ano que gañou Babcock, xa propietaria de Inaer, como única candidata e sen rebaixar un euro sobre o prezo de partida.
Xa sen estar condicionada pola Xunta nese aspecto, a empresa decidiu operar o servizo con exactamente os mesmos dous helicópteros Sikorsky S-76C+ con matrículas EC-JES e EC-JETque a Xunta lle vendera. Agora, dezasete anos despois da chegada a Galicia deses aparatos e dez anos despois de que a Xunta se desfixese deles porque quedarían “obsoletos”, seguen a ser os empregados por Babcock para cumprir un contrato que o Goberno galego prorrogou hai uns meses por outros dous anos, renunciando así a convocar un novo concurso e optar a “helicópteros máis modernos e con máis prestacións”, como defendía no seu momento como argumento para vender os aparatos.
O encargo a dedo “sen contrato” de helicópteros contra incendios
En 2012 quen foi ata hai dous anos máximo responsable da xestión forestal e da loita contra o lume da Xunta durante dúas décadas, Tomás Fernández-Couto, encargou tamén a Inaer helicópteros de loita contra o lume sen ningún tipo de contrato polo medio, como constatou o Consello de Contas, despois de deixar caducar o contrato anterior sen que se puxera en marcha un novo concurso público.
A xustiza constatou hai catro anos, como xa avanzara o Consello de Contas, que en 2012 a Xunta encargara a dedo "sen contrato" a Inaer helicópteros de incendios pero absolveu un alto cargo imputado porque considerou que non actuou por "capricho"
Por aqueles feitos Fernández-Couto foi acusado pola Fiscalía dun delito de prevaricación e estivo imputado, xunto con outros dous altos cargos da Xunta, ata que o xuíz instrutor do caso o arquivou por considerar que, malia que efectivamente encargara o servizo “sen contrato”, non había prevaricación porque non o fixera de forma “caprichosa” senón por unha suposta situación “excepcional” de incendios forestais, ante o que recorrera á mesma empresa que xa viña prestando o servizo en anos anteriores. “Para conformar o delito de prevaricación non é suficiente con constatar unha mera ilegalidade”, dicía o xuíz.
Pero a Xunta non aprendeu e en anos posteriores volveu demorar a convocatoria de novos concursos para renovar servizos que ían caducar, como sucedeu hai só un ano, cando ás portas do verán considerou “urxente” un concurso de helicópteros contra incendios que acabou quedando deserto.
“Non é problema noso que non haxa outras empresas”
Antes de ser mercada por Babcock en 2016 a antiga Inaer xustificaba ser a empresa que se levaba os principais contratos da Xunta: "Non é problema noso que non haxa outras"
Ademais destas dúas grandes polémicas o Consello de Contas tamén certificou como hai unha década a Xunta mudou ou improvisou os criterios de puntuación de contratos de helicópteros que acabaron igualmente en mans de Inaer. Empresa que mesmo cando quedou nos últimos anos sen algún dos contratos que viña operando, como o de emerxencias, rescates e atención sanitaria da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), acabou sendo indirectamente beneficiada pola incorrecta actuación da Xunta que ao demorarlle o pagamento de facturas tivo que asumir tamén os xuros.
Hoxe Babcock aínda opera contratos relevantes como o antedito de salvamento marítimo ou un de coordinación dos incendios, de 2 millóns de euros en tres anos. Pero por importe nese mesmo eido forestal é superior o contrato de transporte e xestión das brigadas, de 10 millóns de euros nos mesmos anos e que foi a mans doutras empresas, como tamén acabaron mudando de adxudicatario hai tres anos os helicópteros do 061. A situación era ben distinta hai uns anos, no momento de maior control dos contratos da Xunta por parte de Inaer, cando aínda non fora mercada por Babcock e se facía con moitos contratos sen rebaixar nin un euro os prezos de licitación. Daquela a empresa chegou a dar a súa particular versión do que estaba a suceder: “Non é problema noso que non haxa outras empresas".
Babcock é socia da Xunta no polo tecnolóxico que esta creou con subvencións públicas no aeródromo de Rozas, proxecto do que nada di o comunicado sobre a venta dos servizos de emerxencias
A situación mudou, pero Babcock, herdeira da antiga Inaer, segue a ser un socio privilexiado da Xunta nun negocio do que nada se di no comunicado sobre a venta da división de emerxencias. A empresa forma parte do polo aeronáutico que creou a Xunta con subvencións públicas no aeródromo de Rozas para o desenvolvemento de novas tecnoloxías aéreas de drons. Feijóo chegou a anunciar que a daquela aínda Inaer, xunto con Indra, serían as empresas seleccionadas pola Xunta antes mesmo de que se resolvese oficialmente o concurso.