Medio Rural declara deserto o concurso que convocou con prazos reducidos malia ás críticas do Consello de Contas pola limitación da competencia que iso supón
É só un dos 13 helicópteros de loita contra incendios que a Xunta prevía ter operativos na campaña deste ano e non comezaría a operar ata o 1 de agosto, pero o seu proceso de contratación volve recuperar históricas eivas criticadas polo Consello de Contas. A Consellería de Medio Rural non convocou o concurso público para que algunha empresa lle ofrecese o aparato e a brigada asociada a el ata o 14 de maio, e fíxoo xa por procedemento de urxencia, o que reduciu o prazo de presentación de ofertas. Non se presentou ningunha e agora a Xunta vén de declarar deserto o concurso.
O Consello de Contas criticou hai anos o proceder habitual da Xunta de demorar a convocatoria de concursos para renovar contratos de helicópteros, o que acaba facendo que para garantir a prestación do servizo se prorroguen os anteriores, se reduzan os prazos de ofertas para os novos contratos restrinxindo así a competencia ou se recorra a procedementos negociados a dedo tras quedar desertos os concursos precipitados previamente, o que ataca aínda máis á libre concorrencia entre empresas.
Malia que Contas chegou a pedir á Xunta “un maior esforzo na procura dunha maior competencia entre empresas”, Medio Rural optou novamente por declarar urxente o concurso convocado a mediados de maio para o helicóptero contra incendios que lle falta, o que reduciu a só 15 días o prazo para a presentación de ofertas a un contrato que durará ata 2023 por un millón de euros pero que pode ser ampliado ata 1,7 millóns. Un concurso que a Xunta considerou urxente malia estar dirixido a obter o que a propia consellería cualifica como “medios necesarios para o normal desenvolvemento das funcións propias” e que agora queda deserto a mes e medio do comezo previsto do servizo.
En 2012 a imprevisión da Xunta rematou con helicópteros de anos anteriores prorrogados sen ningún tipo de relación contractual polo medio, ilegalidade confirmada pola xustiza pero na que non viu delito
O caso máis grave de demoras da Xunta na contratación de helicópteros que segundo o Consello de Contas debera ter previstos con tempo produciuse en 2012, cando o Goberno galego chegou a prorrogar á empresa Inaer, agora Babcock, o servizo que xa que viña prestando en anos anteriores pero desa volta sen ningún tipo de relación contractual polo medio. Así o censurara primeiro o Consello de Contas e acabou certificándoo finalmente en 2018 un xulgado, que pola contra considerou que ese proceder ilegal non chegara a ser delito e levantou a imputación por prevaricación que pesaba sobre o daquela director xeral de loita contra o lume, Tomás Fernández-Couto. Naquel auto o xuíz explicaba que a decisión de que os helicópteros de Inaer seguisen a operar sen contrato debérase á imprevisión orzamentaria da Xunta.
Agora, cun novo director xeral á fronte medio ano despois de que Feijóo destituíse a Fernández-Couto tras dúas décadas no cargo, Medio Rural segue demorando a contratación de helicópteros co resultado de que o concurso quede deserto.