A Xunta ampárase en que os incendios son imprevisibles para acelerar a contratación de helicópteros co verán enriba

O conselleiro de Medio Rural e o director xeral de loita contra o lume ante un helicóptero de Babcock CC-BY-SA Xunta de Galicia - Praza Pública

O Goberno galego volve evidenciar a súa falta de planificación, criticada polo Consello de Contas, e tras agardar ata o 29 de maio para convocar un concurso reduce agora de 35 a 22 días o prazo para recibir ofertas argumentando a súa urxencia

A imprevisión da Xunta á hora de contratar helicópteros de todo tipo, sexan de salvamento marítimo, incendios ou sanitarios, vén facilitando que a empresa que opera a maioría deles (Babcock, antiga Inaer, cuxo persoal está en folga contra o empeoramento de condicións salariais) siga a prestar moitos deses servizos con prórrogas ou mesmo sen contrato ata que o Goberno galego decide convocar concursos de renovación. Concursos que a Xunta vén demorando e licitando tarde de xeito reiterado, actuación criticada polo Consello de Contas que tamén quedou reflectida na xustiza. 

Agora o Goberno galego volve evidenciar a súa falta de planificación e, tras non convocar ata a semana pasada o concurso para contratar dous helicópteros contra o lume, vén de acelerar o proceso que xa estaba lanzado con outros prazos argumentando, xa iniciado o mes de xuño e ás portas do verán, a “imprevisibilidade” dos incendios.

Helicóptero contra incendios da Xunta operado por Inaer, actual Babcock © Inaer

A Xunta argumenta unha situación de urxencia para restrinxir o prazo de presentación de ofertas tras ser ela mesma a que se situou nesa urxencia por non convocar antes o concurso

A Xunta convocou o mércores da pasada semana, día 29 de maio, un concurso público para facerse con dous helicópteros e as súas brigadas de loita contra o lume por 15,2 millóns de euros máis IVE ata 2022, prorrogable ata 2024. O anuncio no Diario Oficial da UE contemplaba que as empresas interesadas poderían presentar as súas ofertas ata o día 2 de xullo. Porén só cinco días máis tarde este luns a Xunta publicou un novo anuncio no mesmo diario oficial adiantando esa data máxima de recepción de ofertas ao 18 de xuño.

O Goberno galego ampárase nunha excepción contemplada pola lei que permite rebaixar de 35 a 22 días naturais o prazo de recepción de ofertas en casos de urxencia e xustifícao para este concurso “por tratarse dunha contratación de servizos destinados á cobertura de medios necesarios para a defensa contra os incendios forestais, toda vez que a actividade incendiaria, aínda que destaca por producirse en dúas épocas do ano caracterízase pola súa imprevisibilidade”. Porén, foi a propia Xunta a que non convocou ata agora, ás portas do verán, ese concurso ao que agora restrinxe o prazo para que se poidan presentar ofertas. Isto é, a Xunta argumenta unha situación de urxencia para restrinxir o prazo de presentación de ofertas tras ser ela mesma a que se situou nesa urxencia por non convocar antes o concurso. E faino só cinco días despois de non consideralo tan urxente.

Ademais, ao día seguinte de reducir o prazo de ofertas, este martes día 4, a Xunta corrixiu os pregos de condicións técnicas do concurso argumentando un erro nas características dos helicópteros que reclama. Malia esa modificación do concurso con este xa iniciado, o Goberno galego mantén a redución do prazo de presentación de ofertas porque considera que o cambio non é relevante.

En 2012 a Xunta chegou a prorrogar sen ningún tipo de relación contractual polo medio a Inaer-Babcock o servizo que viña prestando en anos anteriores pola súa propia imprevisión orzamentaria, segundo constatou un xuíz

Fontes do sector, como en anos anteriores, xa se atreven a prognosticar que o gañador será novamente Babcock, a empresa de helicópteros que presta a maioría dos servizos aéreos da Xunta e que no caso da loita contra os incendios adoita operar en asociación coa consultora Natutecnia.

En 2012 o Goberno galego chegou a prorrogar a esa mesma empresa, daquela denominada Inaer, o servizo que viña prestando en anos anteriores, pero desa volta sen ningún tipo de relación contractual polo medio. Así o determinou hai un ano un xulgado, que pola contra considerou que ese proceder ilegal non chegara a ser delito e levantou a imputación por prevaricación que pesaba sobre o director xeral de loita contra o lume, Tomás Fernández-Couto, no cargo desde hai dúas décadas. Naquel auto o xuíz explicaba que a decisión de que os helicópteros de Inaer seguisen a operar sen contrato debérase á imprevisión orzamentaria da Xunta. 

Auto de arquivo da adxudicación ilegal dos helicópteros contra incendios da Xunta pola que estivo imputada a cúpula de Medio Rural CC-BY-SA Praza Pública

Previamente o Consello de Contas xa criticara o proceder habitual da Xunta de demorar a convocatoria de concursos para renovar contratos de helicópteros, o que acaba facendo que se prorroguen os anteriores ou se precipiten os novos restrinxindo así a competencia. Contas chegou a pedir á Xunta “un maior esforzo na procura dunha maior competencia entre empresas”. Agora, pola contra, a Xunta reduce o prazo de presentación de ofertas, o que restrinxe a posibilidade de que se poidan presentar máis empresas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.