O Sindicato Libre de Trabajadores Aéreos critica os recortes anunciados por Babcock, adxudicataria da maioría dos servizos aéreos da Xunta, como o 112, Salvamento Marítimo ou a loita contra incendios
O Sindicato Libre de Trabajadores Aéreos (SLTA), principal organización de pilotos encargados de traballos aéreos con helicópteros e avións, como os servizos de emerxencias, alerta da posible paralización destes en toda España tras o anuncio de rebaixas nas condicións laborais realizado pola empresa Babcock, principal adxudicataria da Xunta, para a que opera os helicópteros do 112, Salvamento Marítimo ou extinción de incendios.
A multinacional británica Babcock adquiriu a antiga Inaer, empresa de cabeceira da Xunta desde hai anos cuxos contratos viñan rexistrando todo tipo de irregularidades, segundo constatou o Consello de Contas, e que está a ser investigado a nivel estatal no denominado cartel do lume. É a empresa á que a Xunta lle está a alugar os helicópteros de Salvamento Marítimo despois de venderllos a metade de prezo por considerar que quedaran obsoletos. E é tamén a mesma empresa pola que foi imputado o máximo responsable da loita contra os incendios da Xunta, que lle encargou a dedo traballos sen ningún tipo de contrato polo medio, ilegalidade que o xulgado non considerou delito.
Os contratos da Xunta coa empresa veñen rexistrando todo tipo de irregularidades constatadas polo Consello de Contas e a Xustiza
Babcock opera tamén o servizo aéreo das emerxencias do 112 e vén prestando tamén o dos helicópteros sanitarios do 061, que perdeu nun longo proceso administrativo aínda non resolto por completo que a Xunta se viu obrigada a paralizar ata catro veces pola loita entre ela e a outra empresa competidora, Habock-Eliance, presidida polo antigo impulsor de Inaer.
Tras ser adquirida por Babcock, Inaer foi condenada pola Audiencia Nacional a pagar 9,3 millóns de euros a Facenda. Agora o SLTA denuncia que Babcok pretende aplicar aos seus pilotos rebaixas salariais dunha media dun 13% e un empeoramento das condicións laborais e reclama unha intervención das administracións advertindo de que do contrario poderían paralizarse os servizos de emerxencias. “A posibilidade dunha convocatoria de folga parece cada día máis plausible, á vez que un grande número de traballadores manifestou a súa intención de renunciar ao seu posto en busca doutros destinos mellor remunerados e valorados”.
“Debido á ausencia de traballadores cualificados, estas operacións esenciais para o Estado, as Comunidades Autónomas e, evidentemente, para o cidadán, poden quedar inoperativas por falta de persoal”, di o sindicato, engadindo que “o risco é dobre, xa que a seguridade das operacións pode verse gravemente afectada”. O sindicato sinala a responsabilidade das administracións na actual situación “xa que á hora de adxudicarse os contratos públicos, prímase o prezo final sobre outras cuestións como a calidade do servizo, destinando cada ano que pasa menos orzamentos aos servizos de emerxencias”.