Os novos helicópteros de salvamento marítimo da Xunta deberán axudar na loita contra os incendios forestais

Un dos dous helicópteros de salvamento marítimo da Xunta que agora quere mudar CC-BY-SA Xunta de Galicia

O novo contrato co que a Consellería do Mar quere mudar os aparatos actuais engade ás misións a realizar pola adxudicataria a de colaborar contra o lume nos montes e esixe persoal con formación e habilitación nese eido

Os helicópteros de salvamento marítimo da Consellería do Mar, con bases en Vigo e Viveiro, deberán “colaborar”, cando así o decida o Goberno galego, co resto de dispositivos aéreos de loita contra os incendios forestais da Xunta. Para iso entre o seu persoal deberá haber cando menos un técnico con habilitación e formación en operacións de loita contra o lume desde o aire. 

Esta é unha das principais novidades do concurso público co que a Xunta quere renovar os seus helicópteros de salvamento marítimo, que en 2012 consideraba “obsoletos” pero que seguiu alugando desde aquela. O Goberno galego prevé un custo do novo servizo duns 11 millóns de euros ao ano.

O novo concurso engade como nova misión a realizar a de axudar na loita contra os incendios, non contemplada en concursos anteriores CC-BY-SA Praza Pública

Tras o accidente do Prestige, en 2005 o Goberno galego mercou por 27 millóns de euros dous helicópteros Sikorsky S-76C+ para o servizo galego de Salvamento Marítimo que en 2012 vendeu pola metade de prezo co argumento de que quedarían “obsoletos”. Pero despois seguiu alugando os mesmos dous aparellos á empresa que os mercara, Inaer, logo integrada en Babcock

Hai só dous anos, cando o último contrato de alugueiro e operación deses helicópteros ía rematar, o Goberno galego decidiu prorrogalo. Pero agora xa non pode facelo máis e acaba de convocar un novo concurso público no que quere que os aparatos que finalmente se aluguen sexan outros distintos, para o que vén de fixar características técnicas que xa non poden ser cumpridas polos actuais. De feito, os pregos de condicións foron deseñados tendo en conta as prestacións e custo dos helicópteros AugustaWestland 139 que emprega o servizo de salvamento marítimo estatal (Sasemar), tamén subcontratado a Babcock.

As condicións do novo concurso, baseadas nalgúns dos helicópteros do servizo de salvamento estatal, xa non poderían ser cumpridas polos aparatos cos que a Xunta vén traballando desde 2005 e que en 2012 vía obsoletos

Eses pregos de condicións non só mudan as características dos helicópteros senón tamén as “misións a realizar”. En anteriores concursos os pregos recollían un total de sete misións: salvamento en mar e terra, control pesqueiro e da contaminación, colaboración coas emerxencias sanitarias do 061, “outros voos de vixilancia e recoñecemento” ordenados pola Consellería do Mar, colaboración co servizo de salvamento marítimo estatal, colaboración con outros servizos das administracións e “outros servizos aéreos acordados pola Consellería do Mar”. 

Os dous helicópteros actuais de salvamento da Xunta, con base en Vigo e Viveiro CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pero os novos pregos de condicións engaden expresamente un novo tipo de misións: “Colaborar e cooperar, en situacións excepcionais de emerxencia e así o considere a Consellería do mar, cos dispositivos aéreos despregados pola Xunta de Galicia na loita contra os incendios forestais”. Os pregos esixen que “un membro do persoal que adscriba a empresa adxudicataria a este contrato deberá contar coa habilitación e formación necesaria para desempeñar labores de coordinación de operacións na loita contra os incendios forestais desde o aire”, requisito que a Xunta permitirá que se comece a cumprir tres meses despois da sinatura do contrato, prevista para finais deste ano.

Un elemento que se mantén a respecto de anteriores concursos é o tempo de resposta ante unha emerxencia, de 10 minutos, a partir dos cales cada minuto de demora será penalizado con 250 euros. Un tempo de resposta que deberá darse as 24 horas dos 365 días do ano.

Comparación que fai a propia Xunta das características do concurso de salvamento de 2017 e do actual, algunhas das cales xa non poden ser cumpridas polos helicópteros que viñan funcionando ata agora CC-BY-SA Xunta de Galicia

Se ata agora o servizo custaba 8,25 millóns ao ano, a mellora de prestacións e o encarecemento de soldos e subministros eleva o novo contrato a 11 millóns ao ano

En xeral, en liña con distintas melloras esixidas para o novo concurso e co aumento de soldos e encarecemento de subministros, os pregos incrementan distintos custos do servizo un 15% a respecto do anterior concurso de 2017. Se ata agora o servizo custaba uns 8,25 millóns de euros ao ano, agora elevarase a uns 11 millóns ao ano (serán preto de 45 millóns de euros para catro anos, ata 2027, pero prorrogables outro ano máis, que xunto con posibles aumentos de horas de voo podería levar o contrato a un total de 58 millóns).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.