A investigación oficial sobre o ocorrido en Lobeira en 2022 conclúe que "a causa do incidente foi a deficiente coordinación" e xestión das mensaxes dos pilotos de catro aeronaves de tres empresas distintas "que resultou en dúas perdas de separación en voo consecutivas"
O 25 de agosto de 2022, nun incendio en Lobeira, no parque do Xurés, que xa levaba queimadas 400 hectáreas e que acabaría consumindo 625, un avión e dous helicópteros de extinción achegáronse entre si máis do considerado seguro e os pilotos tiveron que realizar "unha manobra evasiva para evitar a colisión".
Esas dúas "perdas de separación en voo consecutivas" debéronse, segundo a investigación agora feita pública pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC), á "deficiente coordinación e falta de colación [repetición ou acuse de recibo] de mensaxes entre os medios aéreos participantes", os anteditos dous helicópteros e avión que case colisionan e un terceiro helicóptero de coordinación, pertencentes a tres empresas distintas subcontratadas á súa vez pola Xunta e o Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Segundo o relato dos feitos que fan os investigadores, un helicóptero da Xunta da base do Campiño, en Pontevedra, xestionado por Airworks Helicopters e que adoitaba realizar tarefas de transporte de brigadas e lanzamento de auga, non de coordinación, "asumiu as competencias de observación e coordinación de forma excepcional dado que se reactivara un foco secundario" do incendio "que tiña prioridade segundo o director de extinción".
O piloto dese helicóptero "asumiu a coordinación dos medios aéreos presentes na zona", catro helicópteros e dous avións de carga en terra. Nun momento das operacións o coordinador pediu aos helicópteros que deixasen de facer a súa rolda de descargas de auga e permanecesen sobre o punto de carga de auga para facilitar a pasada dos dous avións, tamén da Xunta, con base en Doade e xestionados por Plysa. Pero dous dos helicópteros, do ministerio, con base e Tabuyo (León) e xestionados por Babcock, non o fixeron así e seguiron coas súas operacións previas.
Así que durante a descarga dos avións "sucederon dous incidentes", dúas "perdas de separación" sucesivas entre un dos avións e os dous helicópteros que obrigaron aos seus pilotos a realizar "manobras evasivas" ao atopárense de fronte.
A investigación di que as "manobras evasivas" que tiveron que realizar os pilotos podían evitarse se todas as aeronaves implicadas estivesen "ao tanto das manobras que realizaban o resto"
Segundo os investigadores, eses dous incidentes podían evitarse "se o coordinador se asegurase de que todas as aeronaves implicadas no incendio estaban ao tanto das manobras que realizaban o resto". O informe oficial di que o coordinador debía asegurarse "de que todos os helicópteros que se atopaban no carrusel recibiran as súas indicacións e ante a falta de colación [repetición da orde ou acuse de recibo] por parte de dúas das aeronaves, o coordinador tiña que repetir a indicación, especialmente tendo en conta a dificultade das comunicacións na zona de carga, onde se atopaban os helicópteros". Malia iso, o "o coordinador indicou [aos avións de Doade] que podían entrar a realizar a descarga, pese a non escoitar todas as colacións".
Pero o informe tamén sinala que os pilotos dos avións "declararon que procederon á zona de descarga a pesar de que non escoitaran a colación de todos os pilotos" dos helicópteros, o que explica co feito de que "debido á orografía e os voos a baixa altura, poden ocorrer apantallamentos das radios, polo que as aeronaves habitualmente só se preocupan de escoitar o que di o coordinador e non as respostas de outras aeronaves".
"É importante que todos os implicados neste tipo de operación, onde a visibilidade adoita estar reducida debido ao fume, coñezan as indicacións e teñan unha clara composición de onde se atopa cada aeronave", inciden os investigadores
Pola súa banda, os pilotos dos dous helicópteros declararon que "en ningún momento oíran o coordinador de medios aéreos pedíndolles que se quedaran sobre o punto de auga". O informe di que "non se puido determinar con certeza por que puido pasar isto, se foi por defecto nas comunicacións ou por non escoitar a instrución".
Así que os investigadores rematan atribuíndo a "causa do incidente" á "deficiente coordinación e falta de colación de mensaxes entre os medios aéreos participantes" e sinalando que "é importante que todos os implicados neste tipo de operación, onde a visibilidade adoita estar reducida debido ao fume do incendio, coñezan as indicacións e teñan unha clara composición de onde se atopa cada aeronave para impedir que ocorran este tipo de incidentes".