As dúas aeronaves, con cadanseus dous tripulantes, tiveron que frustrar as súas manobras cando se dispuñan a descargar auga e se aproximaron demasiado entre si
A Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac) do Ministerio de Transportes ten aberta unha investigación sobre un incidente que implicou un helicóptero e un avión que traballaban na extinción do incendio rexistrado a finais do pasado mes de agosto en Lobeira que queimou 625 hectáreas e afectou ao parque do Xurés. As dúas aeronaves, con dous tripulantes cada unha, aproximáronse demasiado entre si cando manobraban para descargar auga sobre a fronte do lume e tiveron que frustrar as súas operacións, sen que ninguén resultase ferido.
O incendio de Lobeira iniciárase, segundo os datos divulgados no seu momento pola Consellería do Medio Rural, no parque do Xurés o día anterior, o 24 pola tarde, e un día máis tarde, para o momento dos feitos, xa superaba as 400 hectáreas. Segundo o relato que fai a Ciaiac, aproximadamente ás 21 horas do día 25 “uns helicópteros [da brigada estatal de loita contra o lume] saíron dun punto de auga moi próximo á fronte de lapas cara ao incendio mentres que unha formación de avións de carga en terra que viña desde o aeródromo de Doade (Ourense) estaba procedendo á zona de descarga”.
Os dous aparellos implicados no incidente foron un helicóptero Bell 412, propiedade de Babcock, a antiga Inaer, empresa líder nos medios aéreos de extinción de incendios, e un avión Thrush S2R-T660, de Plysa, empresa do grupo Air Nostrum. As dúas aeronaves voaban con dous tripulantes cada un deles.
Segundo a Ciaiac, “produciuse unha perda de separación entre o helicóptero de matrícula EC-JXQ e o avión de matrícula EC-NET e ambas aeronaves tiveron que frustrar as súas manobras”. “Ningunha aeronave nin as súas tripulacións sufriron danos”, conclúe a información preliminar dos investigadores.
Antes desta investigación o último accidente ou incidente aéreo en Galicia relacionado coa extinción de incendios foi o que provocou a morte dos dous pilotos dun hidroavión en agosto de 2020 tamén no Xurés, en Lobios
Á espera das conclusións da investigación agora en marcha, o último accidente ou incidente aéreo relacionado coa extinción de incendios investigado en Galicia pola Ciaiac foi o choque contra unha montaña de Lobios dun hidroavión o 8 de agosto de 2020 no que morreron os dous pilotos. Segundo aquela investigación, rematada hai agora un ano, o accidente debeuse a unha “valoración errónea” por parte da tripulación dun “escenario absolutamente adverso”, o que lles impediu elevar o avión o suficiente para saír do val no que quedaran encaixados tras cargar auga nun encoro.
Un mes antes, o 11 de xullo de 2020, a cesta ou balde de auga dun helicóptero de extinción da Xunta chocara contra unha liña eléctrica ao despegar da base do Marroxo, en Monforte, no que a Ciaiac concluíu que fora unha manobra errónea por parte do piloto.