O 061 terá helicóptero tamén pola noite dentro de dous anos

Helicóptero medicalizado do 061 xestionado ata agora pola empresa concesionaria Eliance © 061

Tras ducias de incumprimentos da actual adxudicataria a Xunta convoca un novo concurso para renovar o servizo de emerxencias sanitarias aéreas por 7 millóns ao ano, un 60% máis que agora

O pasado febreiro o Goberno galego revelou no Parlamento que a empresa adxudicataria dos dous helicópteros de emerxencias sanitarias do 061, con base en Santiago e Ourense, recibira en menos dun ano de vigor do actual contrato 77 expedientes por incumprimentos. Dez meses despois a Xunta aínda vai convocar agora un novo concurso para renovar o servizo coa intención de que dentro de dous anos un dos dous helicópteros, o que ten base en Santiago, poida operar tamén durante a noite. O novo contrato custará uns 7 millóns ao ano, un 60% máis que o actual.

Helicóptero de urxencias sanitarias con base en Santiago, un dos dous que ten o 061 en toda Galicia, xunto co que ten base en Ourense CC-BY-SA Praza Pública

O actual contrato para operar os dous helicópteros do 061 foi formalizado en marzo de 2024 por uns 4,3 millóns ao ano coa empresa Eliance, a mesma que xa prestaba o servizo. Apenas un ano despois, en febreiro deste ano, a Xunta informaba no Parlamento que xa lle abrira 77 expedientes por incumprimentos dos que xa resolvera 16 impoñendo penalidades por 145.000 euros. 

Un mes despois, a finais de marzo, quedou inoperativo durante varias semanas o helicóptero de Santiago, e en abril o conselleiro de Sanidade aseguraba que xa estaba "a traballar na licitación dun novo servizo". "Estamos facendo as cousas o máis rápido que podemos", dixo, pero é aínda agora cando o Goberno galego vai convocar ese novo concurso.

Cando se adxudique o novo contrato haberá "un período de transición de 20 meses" para que a empresa incorpore un aparato con capacidade para voar de noite e con malas condicións meteorolóxicas

O novo contrato vaise licitar por 55,6 millóns por 8 anos, uns 7 millóns ao ano, un 60% máis que o custo do anterior. A cambio, a Xunta introducirá como novidades no servizo que "tras un período de transición de 20 meses, a empresa adxudicataria incorpore unha aeronave con capacidade e tecnoloxía para atender enfermos tanto de noite coma en condicións meteorolóxicas adversas”. Isto é, haberá que esperar aínda a que se resolva o concurso e despois ese "período de transición", polo que non haberá un helicóptero nocturno do 061 en Santiago ata cando menos dentro de dous anos.

Simulacro dun traslado en helicóptero © Xunta

A Xunta tamén salienta que o novo contrato "incorpora melloras nas medidas de control da prestación deste servizo e en relación a posibles incumprimentos da operatividade das aeronaves". Así, terá "un sistema de penalidades máis severo e proporcional que o actualmente vixente para garantir a mellor prestación do servizo sanitario urxente aéreo aos pacientes que o precisen".

Segundo o Goberno galego, os 061 rexistrou 846 mobilizacións de helicópteros en 2024 e 768 no que vai de ano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.